publicidade hoxe
Francisco Palla: “a 2.500 km da túa xente, a perspectiva de qué é a familia cambia moito” - Cabecera

Francisco Palla: “a 2.500 km da túa xente, a perspectiva de qué é a familia cambia moito”

francisco-palla

A procura dunha oportunidade laboral non é doado, incluso fóra das nosas fronteiras, e boa mostra disto descúbrenola Francisco Palla; un xoven de Santa Comba que decidiu probar sorte en Alemaña e, moi mal non lle debeu ir, cando xa leva 8 anos residindo en Múnich. Aínda que actualmente pódese dicir que se converteu nun galego moi alemán, aínda recorda uns comezos extremadamente difíciles nos que tivo que cimentar a súa vida nun lugar cunha lingua e cultura moi diferentes… iso que habitualmente se coñece como a comunicación intercultural.

 

franciscoNome completo: Francisco Javier Palla Puente

Idade: 36 anos

Profesión: Camareiro/cociñeiro; tradutor e intérprete

Lugar de nacemento: Santa Comba, A Coruña

Lugar de residencia actual: Múnich, Alemaña

Tempo de estancia: 8 anos

Como un xoven de Santa Comba acaba en Múnich?

Cheguei a Múnich cunha beca para estudar na Ludwig-Maximilian Universität (LMU)

Dirías que fuches ilusionado, con ganas?

Vin aquí ilusionado por coñecer un país e unha lingua nova, aínda que xa se vía vir o que pasaba coa economía española…

Como foi a túa traxectoria profesional antes de mudarte a esta cidade. Podes dicir que traballas do teu?

Agora é cando podo dicir que teño unha profesión. Ata agora sempre traballei na gastronomía (tanto en Galicia como en Alemaña), pero agora podo ser oficialmente tradutor e intérprete. En canto á miña traxectoria, non hai moito que contar…hai algúns anos estiven no Reino Unido, pero eses viaxes non están relacionados coa miña situación actual. Aparte diso, si que tiven a sorte de poder viaxar un pouco; pero dende que marchei de Galicia decidinme por quedar directamente en Múnich.

Como se atopa o teu sector en España e como se atopa aquí? Que diferenzas existen?

No que se refire á gastronomía, está claro que saen a comer ou beber algo os que teñen cartos para iso, é dicir; en Múnich moita xente e, en Galicia, uns poucos menos…En canto á tradución é un pouco a mesma historia; os que requiren dos meus servizos son xente que os poden pagar e, por outro lado, son persoas que se van a beneficiar dunha forma ou doutra desa tradución… é dicir, en Múnich (cidade con grandes industrias) hai moito traballo, pero en Galicia a situación é outra.

Como foi a túa chegada, ese primeiro momento na cidade? Os comezos vamos!

Non quero dar unha sensación falsa á xente que vexa isto, os comezos foron extremadamente difíciles… Por un lado porque eu non estaba de todo preparado para comezar unha vida dende os seus cimentos e; por outro lado, este é un país con boa e mala xente (coma todos) pero cunha lingua e unha cultura moi diferentes e descoñecidas para nós. Asi que tiven que aprender ás bravas cal é o verdadeiro valor da chamada comunicación intercultural, algo que lle recomendo a calquera que se queira embarcar nunha aventura no estranxeiro.

francisco-coa-sua-irma-e-unha-amigaQue che fixo sentir a cidade nun primeiro momento? Cal foi a túa impresión?

Frío, a cidade transmitiume frío nese primeiro contacto. Tamén hai que dicir que o inverno no que eu cheguei a Múnich é recordado aínda hoxe por ser un dos máis fríos e con máis neve dende hai un montón de anos. Iso hai que entendelo, cando te pasas uns cinco ou seis meses rodeado de neve e cun frío de menos moitos graos baixo cero, non tes ganas de caralladas…so tes frío…esa foi a primeira sensación.

E o que máis che chamou a atención?

O que máis me chamou a atención foi o importante que é a comunicación intercultural, non só o idioma senón, sobre todo, interesarse por coñecer as novas costumes do país e saber que lles molesta, o que non lle molesta…en fin, tratar de entender como son para evitar conflitos, problemas ou malentendidos.

Como é o teu día a día en Múnich?

Depende do que faga. Sempre hai cursos que un pode facer, clases ás que un pode asistir… O ano pasado, por exemplo, fixen un curso de asistente bilingüe, máis ir á universidade, máis o traballo…en fin, levantábame ás seis e media ou sete para ir a facelo curso de asistente ata as 2 ou 3 da tarde, despois ía a casa a comer e, cando non tiña que traballar, ía outras 3 ou 4 horas á facultade. Se tiña que traballar, pois ía a traballar.

Este ano foi parecido, aínda que non tiven que ir case nunca á universidade porque tiven que preparar un dos últimos exames e déronme un semestre de “vacacións”.

Hai moitas diferenzas con respecto a Galicia no que sería a calidade de vida?

Habería que definir qué é calidade de vida. Para min, pasa por traballar, aprender, vivir tranquilo e viaxar (por suposto, para ver á miña familia, sobre todo). Partindo disto, teño que dicir que calidade de vida haina nos dous sitios, pero en Múnich podes conseguir máis do vil metal que, ó final, é co que pagas a calidade de vida…quero dicir, un viaxe hai que pagalo, un curso tamén, o aluguer tamén…

baviera algovia neve-en-alemana

Economicamente como dirías que é a cidade, vai acorde ós salarios e ó nivel de vida? 

Hai que dicir ante todo que Múnich é unha cidade na que se moven moitos cartos, é unha cidade que ten industrias coma Siemens, BMW, Audi (aínda que non na cidade, pero moi preto, en Ingolstadt). Todas estas empresas, entre moitas outras, dan moitos traballos e aportan unha vida económica moi saudable á cidade. Isto é, moito poder adquisitivo, moito líquido, un pouco de carto negro e a vivir. O que significa é que hai unhas nóminas elevadas, moitos impostos e moi elevados. A relación prezos/salarios está ben, aínda que se está desequilibrando un pouco ultimamente.

Por poñer un exemplo: eu vivo coa miña moza e con un amiguete nun piso de 130 m2, nun edificio antigo pero ben coidado, nun barrio da cidade que esta ben situado (Maxvostadt), preto do centro…a broma costa só de aluguer preto de 1.700 euros ó mes! Os demais prezos son relativamente normais…aínda que un non debería saír moito a comer (ou tomar unha copa) por aí. A 3,10 euros por un café só dobre, xa me dirás!! Pero o aluguer é o que, con diferenza, é máis difícil de pagar.

francisco-a-sua-moza-e-un-amigoQue é o que máis botas de menos?

Á miña familia e ósmeus amiguetes de toda a vida…

Que é o que nunca pensaras que ías estrañar e que agora botas en falta?

Bos ingredientes para poder cociñar!!!

E a quen botas de menos?

Mamá ou papá? ;)…pode parecer un topicazo, pode que incluso o sexa…pero a 2.500 km da túa xente a perspectiva de qué é a familia cambia moito. Non hai mamá, papá, irmás, tíos, tías…todos son todo, non hai un individuo, hai unha unidade. Despois de perder ás miñas dúas avoas estando noutro país… todos están aí, aínda se non están fisicamente…ou vivos. En fin, a familia é, para min, dende Múnich, unha unidade inquebrantable de altos rangos ou de soldados rasos, pero sempre en liña, un ó lado do outro, sen mellor nin peor, sen bos nin malos, onde todos teñen un valor exactamente igual e de ningunha maneira calculable.

En canto á comida, como o levas? Que traerías se puideras?

Podería levalo peor… cómese ben, pero os ingredientes non son coma os da casa. Aquí hai moita produción en masa, animais inflados a base de pensos con fórmulas químicas…non é o mesmo.

Que é iso que che gustaba facer cando vivías en Galicia e que puideches continuar facendo aquí? E algo que non puideches continuar facendo?

O que me da a gana,sempre partindo dun marco construtivo e coa única meta de aprender. É un luxo que non se sabe apreciar moito nestes tempos e na nosa sociedade en xeral. O que facía en Galicia e o que fago agora é o mesmiño, só que o tempo pasa e eu cambiei un par das miñas antigas prioridades, pero sigo facendo o que me da gana… aínda que en Múnich empecei a fumar…e empecei a notar que ó día lle faltan horas para facer o que un quixera ou debería…

oktoberfest-2Como é a xente en Múnich? Moi diferentes dos galegos?

Á súa maneira, os bávaros son os galegos de Alemaña. Se non estás nunha cidade, parécense moito. Tamén hai que dicir que aquí hai moita agricultura e gandería, co que os estilos de vida son bastante parecidos.

E o idioma? Como o levas?

O idioma é difícil, pero non imposible. Eu non sabia dicir unha palabra en alemán e agora teño un nivel C1 -o C2 esta reservado para os falantes nativos desa lingua-.

Recoméndanos un sitio, un monumento ou algo que temos que facer si ou si, se visitamos Múnich?

O primeiro campo de concentración en Dachau está cerca de Múnich e hai que velo. O castelo de Neuschwanstein (o castelo de Disney) e, por suposto, a Oktoberfest! Entre outras moitas cousas.

oktoberfestAlgún costume ou tradición curiosa de Alemaña?

O venres santo no se permite escoitar música de baile nin bailar en ningún local de gastronomía.

Abre as portas dicir que es español ou máis ben as pecha? Como te recibiron?

Normalmente os españois son considerados simpáticos e boa xente, pero, evidentemente, depende de qué español e de qué alemán se encontren. Eu non tiven ningún problema, todo o contrario, a xente que me rodea tratoume sempre moi ben.

E hai moitos galegos aquí? Relacionaste máis con xente de alá ou de aquí?

Haberlos, hailos…Coñezo a poucos galegos, a moitos españois e relanciónome cos que me parecen boa xente. Aínda que, para ser honrado, non teño demasiado tempo para levar unha vida social standard… saio mais ben pouco.

Que é o primeiro que fas cando chegas a Galicia?

Ver á miña familia.

Que lle dirías ó que estea pensando en virse para aquí?

Aprende un pouco de alemán (nivel B1-B2) e fai o que poidas por integrarte ó sitio que vaias, pero non esquezas quen es, senón estás perdido.

Como se che presenta o futuro? Tes intención de volver ou de quedar en Múnich?

Vamos a deixar que o futuro veña e xa se verá. Gustaríame volver nalgún momento, pero a situación ten que cambiar un pouco…xa se verá…munich

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 16 de Setembro do 2014 | 8:00 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante