Dudi: “Non sabes o que boto en falta estar cos colegas, unha botella de licor café e uns xeos”
A de Dudi é unha historia desas que gusta escoitar. Unha que non comeza con aquilo de “non tiña traballo, non tiña oportunidades, tiven que marchar”. Non. Esta non. A de Dudi é unha desas que un se imaxina contando de vello cunha cunca de chocolate na man e un morea de netos ó redor (non direi nada da cheminea que esa seguro que xa a imaxinabades vos sos). |
Nome: Eduardo Villanueva Rey (pero todos me coñecen por Dudi) Idade: 29 Profesión: Son Licenciado en Psicoloxía e traballo como Educador Lugar de nacemento: Santiago. Aínda que a miña casa está en Vigo e considérome máis ben vigués Lugar de procedencia: Barcelona Lugar de residencia actual: Roma Tempo de estancia: 1 ano e 7 meses |
El si que tiña traballo, un que non estaba nada mal ademais, pero como di a canción “cuando el amor llega así de esta manera” un pouco pode facer por evitalo. O seu chámase Giulia, e apareceu hai case dous anos cando Dudi vivía en Barcelona e buscaba a alguén con quen compartir os gastos do piso. Foi entón cando apareceu esta estudante de medicina, recén chegada de Roma, que acabou por poñerlle a vida patas para arriba (seguro que a máis de un lle resulta familiar a cousa). “Dende o primeiro momento que a vin pensei que sería a muller da miña vida, e ás veces isto do amor pega duro, sabes? Afortunadamente eu tamén lle gustei e entón non quedaba outra, ou mantiñamos unha relación con data de caducidade (ata que ela rematara o seu curso en Barcelona), ou buscabamos a maneira de seguir xuntos. E atopamos a solución; que eu viñera para Italia”.
Dudi chegou a Roma ata arriba de ganas de comerse o mundo (e de pegarlle o primeiro bocado con sabor a pizza e spaghetti), “vin como o clásico chalado namorado, con moitas ganas de aventura e de demostrar que se queres, podes. Podería ter quedado en Barcelona, tiña un bo traballo e moitos dos meus mellores amigos están alá, pero…”.
De profesión educador social
Este compostelán de nacemento e vigués de corazón, estudou psicoloxía na Universidade de Santiago, e nestes momentos traballa como educador social con mozos en situacións de risco. “Sobre todo traballo con mozos do penal, pero tamén con refuxiados políticos e colaborando con diversas asociacións para educar a través do traballo. Son responsable nun laboratorio e tamén nun forno onde facemos pan e pizza; a idea é ofrecer formación para que os mozos teñan despois unha saída laboral”.
Aínda que sempre foi conseguindo traballar no seu campo, asegura que antes de atopar este traballo moveuse moito, tanto que levaba menos de cinco meses en Roma e xa traballara en catro sitios diferentes, “tamén fixen moito voluntariado, para ver como andaban as cousas aquí, traballei en casas de acollida, centros de día… ”.
Pese a que na maioría dos casos o panorama no noso país adoita ser bastante peor que nos lugares de destino, a experiencia de Dudi demostra que non sempre é así, “en España a cousa non está para tirar foguetes, máis aínda con todos os recortes que se están a facer e con todas as barbaridades que están a destruír o estado de benestar, pero na miña humilde opinión, no que se refire á intervención social, dámoslles mil voltas. Hai moitas máis axudas das administracións e a cousa está moito máis profesionalizada, sobre todo dispoñemos máis servizos para a infancia e a adolescencia que é o meu campo. Con isto non quero dicir que non se poida mellorar o que temos alá, que claro que se pode”.
O centro no que traballaba Dudi en Barcelona era o dos Salesianos de Sant Joan Bosco, para el, todo un exemplo de como facer as cousas no ámbito social. “E dicho un que cando entrou a facer a entrevista e viu que o despacho do coordinador estaba dentro dunha igrexa pensou; non duro aquí nin cinco minutos”. E vaia que si durou, tres anos e medio nin máis nin menos.
Primeiros momentos en Roma
Unha das primeiras persoas coas que fixo amizade ó chegar a esta cidade foi Dino, un rapaz ó que coñeceu precisamente facendo voluntariado nun centro dos Salesianos na capital italiana, “xa ves, Deus os cría e eles xúntanse”. A través del coñeceu a Jgor, quen lle ofreceu unha habitación que lle veu “como anel ó dedo, preto do traballo e nun barrio que me recorda moito a Barcelona”. Así foi como deixou a casa familiar da súa moza e conseguiu a súa independencia en Roma.”Puxéronmo todo moi sinxelo, e teño que dicir que os mellores italianos que coñecín son a xente de Lauria, Basilicata. Son tranquilos, hospitalarios, acolledores, son auténticos ata dicir basta. Con eles síntome como en Galicia, xúroo”.
A súa chegada a Italia foi a través do porto de Civitta Vecchia nun cruceiro que viña de Barcelona. Podería parecer outro matiz romántico da historia, pero neste caso foi máis ben unha cuestión práctica, “foi a única maneira economicamente viable de traer a scooter e á miña cadela!”.
As primeiras semanas transcorreron entre a busca de emprego, o afacerse á cidade e o coñecer xente. Unha vez feito todo isto, o resto veu solo. Se tivera que quedar cunha sensación deses primeiros momentos, a palabra que lle ven á mente é, sen dúbida, caos. “A xente en Galicia adoita dicir que os vigueses conducen fatal, pois que veñan pasar unha semana a Roma, agora cando volvo a Vigo dáme a risa que me adianten pola dereita na Gran Vía”.
E a isto hai que unirlle, segundo Dudi, o descoidada que se atopa a cidade. “Téñena moi sucia e maltratadísima. Ademais, hai unha desorganización xeneralizada en todos os aspectos. Vas a un sitio e resulta que tiñas que ir a outro pero non viña indicado, os horarios van ó seu, os medios de transporte fallan moitísimo…”.
Agora, dende que se mudou ó seu novo barrio, pódese dicir que a súa calidade de vida mellorou bastante, posto que dende a casa da súa moza tiña un traxecto de unha hora como mínimo para chegar ó traballo, e iso que o facía en moto e os atascos son máis levadeiros. Agora tarda sete minutos (de reloxo!). “Levántome sobre as 8:15, almorzo na casa, leo a prensa de España para ver que se coce por alá, ducha e paseo matutino coa cadela. Entro ás 10.00, pero grazas á miña clásica impuntualidade chego ás 10.15, e normalmente saio sobre ás 16:30, aínda que hai algúns días que se alonga ata iso das 18:00”.
No aspecto económico di non ter notado grandes diferenzas no que ós alugueres se refire, comparándoos con Barcelona claro, agora ben, se falamos de Vigo a cousa cambia. No que si se nota ben a diferenza é na cesta da compra, “os supermercados son un puñal, ou buscas ben ou para facer un almorzo decente precisas 20 euros (si, no súper!). Os restaurantes tampouco son baratos, as cenas máis caras da miña vida pagueinas nesta cidade e tampouco foron para tanto”. Asegura que o feito de ser unha cidade moi turística tamén inflúe, “despois levas a un italiano a un furancho e dislle que con 10 euros sae a catro patas, e claro, non te cre”. Iso si, tamén hai cousas que se poden atopar bastante máis baratas que en Galicia, por exemplo os cafés, as pizzas, a froita ou os xeados, sectores nos que hai máis competencia.
E con este nivel de vida, a cousa complícase cando un non recibe o seu soldo no momento que debería. “Aquí igual en dous meses non ves un euro e despois págancho todo xunto, digamos que a norma é que hai retrasos. Eu aínda teño sen cobrar unha parte do meu traballo anterior”.
Benditos funcionarios
En todo isto é no que máis diferenzas atopa Dudi con respecto a España, pois dende a súa experiencia, asegura que nas cuestións administrativas e burocráticas Italia se atopa moi por detrás de nós, “todo o que depende de funcionarios do estado vai mal, moi mal. Eu pensaba que en Galicia eran lentos ou que no daban un pau á auga, pero despois de coñecer ós italianos non me parece que as cousas vaian tan mal por alá”.
E isto poderíamos amplialo ó que respecta á renovación dos sistemas ou métodos de xestión. “Por exemplo, eu fai 14 anos xa podía pedir cita médica por Internet coa tarxeta do Sergas, facíao en Galicia. É curioso que teñamos ese complexo de que somos o cu do mundo, porque dislle a un italiano que escollías a hora á que querías ir ó médico por Internet, e pensan que estás de coña. Fai 15 anos”.
“Pégase o acento, pero os xestos tamén”
No que respecta ó idioma, a cousa non foi tan sinxela como parecía, “na miña opinión é dificilísimo! Deféndome e teño un B2 Ottimo Certificado, pero para escribilo ou me poño co corrector ou nin de broma!”. Agora ben, no que é todo un experto é no xestos… “ó principio riste porque parece de broma iso de que os italianos xesticulan moito. Non recordo como empecei a comunicarme con xestos italianos, é algo que sucede sen que te deas nin conta. Eu traballo con rapaces de todos os lados; Gambia, Afganistán, Túnez… Pero todos, cando se cabrean, xesticulan moito. É curioso, así como se pega o acento tamén se pega a linguaxe corporal”.
Igual que se pegan as costumes, tanto que despois mesmo che poden xogar unha mala pasada cando volves á casa. “O bico dano no sentido contrario ó noso, nin imaxino cantas rapazas das que me presentan agora en Galicia terán marchado para a casa pensando que lles quixen entrar ó empezar os dous bicos do lado italiano!”
A comida
En canto á comida, ten ó seu favor que para os italianos é tamén un piar importante da súa cultura. “Son de comer ben e a comida para eles é relixión, teñen moito aguante co alcohol e poden facer sobremesas eternas. Iso si, non te equivoques con algo que teña que ver coa cociña, porque enseguida che cae un sopapo”. Tamén asegura que o mito cúmprese, “podo garantirche que comen pasta todos os días, varían as salsas e iso, pero pasta haina sempre. Eu teño sorte porque o meu prato preferido dende pequeno é a pizza, entón por ese lado non teño problema, ademais fágoa cos rapaces no traballo así que… Miña nai sempre me dicía; vas acabar con cara de pizza! Xa ves mamá, sigo intentándoo!”.
Iso si, se é por botar de menos, non se corta… “Un filete de tenreira galega deses que enche o prato e que non sabes nin por onde empezar, ou unha boa churrascada cunha sangría da casa”. E que galego non pensa no polbo! “Case prefiro non falar del porque se me saltan as lágrimas! Unha tapiña acompañada dunha Estrella nun chiringuito calquera da costa galega, ese é un dos mellores momentos que unha persoa se pode regalar. E se o fas na Illa de Ons, iso xa é outro nivel, pirata!”.
E para as sobremesas, esas eternas ás que facía referencia Dudi, fáltalle o elemento principal, iso que nunca pensara el que ía botar tanto en falta, “o licor café, aquí teñen un sucedáneo que se chama caffé borgetti e que non está mal, pero non é o mesmo. Hoxe en día case non bebo alcohol, pero non sabes o que boto en falta estar cos colegas, unha botella de licor café e uns xeos”.
Cando arrivo a casa
E son precisamente estas cousas as que máis lle gusta disfrutar cando ven a Galicia, que adoita ser por Nadal e no verán, sempre que o traballo o permita. “Gústame dar un paseo por Bouzas, polo meu barrio, e sobre todo estar co meu afillado que cada día está máis guapo! Ademais chamar ós amigos, que agora andan todos espallados por aí, e aproveitar eses momentos puntuais nos que cadramos todos na casa para xuntarnos. Se podo, ir comer as empanadillas de Suso, un bar mítico do Pico de Patos, que son as mellores empanadillas da historia, e gústame sacar un momentiño para pasalo só na praia de Area Fofa”.
E é que a praia é algo que tamén se bota en falta, sobre todo cando unha das túas afeccións é o bodyboard (o corcho como di Dudi). Esta foi unha das cousas que tivo que deixar de facer. Si puido manter outro dos seus hobbys; o fútbol. “O fútbol é internacional, teño xogado en ligas clandestinas onde se apostaba de todo! Agora xa non, agora máis de tranqui, xogo os xoves cuns amigos italianos”. E é que o tema do xogo é algo moi presente tamén neste país, “non sei se é tradición, pero en todos lados hai cousas relacionadas coas apostas. É esaxerado!”
Mantén tamén a súa paixón polo Rap, outra desas cousas que non entende de diferenzas culturais, así é que axiña atopou con quen compartilo, “coñecín a un americano, Jamie, que é o mozo da miña veciña e fixemos algunhas cousiñas xuntos. Son risas porque estamos só dúas persoas e falamos seis idiomas!”.
Obxectivo: Galicia
En canto ó futuro, polo de agora, sabe que o seu está aquí, en Roma. Pero agarda poder volver a Galicia e establecer a súa vida preto dos seus, sobre todo de seus pais, ós que máis bota de menos. Tamén á súa irmá, aínda que isto polo de agora está máis difícil, xa que está en Denver (igual ata podemos falar con ela tamén no futuro!). “A miña intención é coller experiencia e aprender moito do bo mestre que teño aquí para despois volver a Galicia con Giulia e montar un centro alá. Un centro cunha panadería e unha pizzería para os rapaces do penal e persoas en risco. Teño un amigo “turco” que é coma un irmán e que seguro que me botará un man cando decida volver á terra”.