publicidade hoxe
Miguel: “Os pistachos flípanlles ós turcos, póñennos en todo o que poden” - Cabecera

Miguel: “Os pistachos flípanlles ós turcos, póñennos en todo o que poden”

 Miguel na cidade subterránea da Kapadokya

O noso protagonista de hoxe é un exemplo máis dese… “marcho porque no me queda outra”, que xa é un clásico entre os nosos Galegos por aí adiante. Mozos, sobradamente preparados, con sobradas ganas de comezar as súas carreiras profesionais e sobrados de ilusión para aportar todo o aprendido durante anos de estudo e requeteestudo, pero que se atopan cun panorama pouco esperanzador para facelo.

Miguel

Nome: Miguel Piñeiro Fernández

Idade: 27 anos

Profesión: Mestre de Música

Lugar de Nacemento: A Illa de Arousa

Lugar de residencia: Estambul, distrito Atasehir

Tempo de estancia: catro meses

“Quixera contar unha historia bonitísima, e dicir que este país sempre me pareceu un destino ideal para vir e coñecer a súa sociedade, pero mentiría. En realidade estaba na procura de algo que facer dada a situación actual, e o Voluntariado pareceume unha boa solución para integrarme noutro país”.

Integrarse noutro país co respaldo dun programa de Voluntariado Europeo e de paso ir vendo se a cousa ía ben para quedar por alá. “Comecei a buscar destinos e a verdade é que cando vin Estambul foi o primeiro currículo que mandei, fixen unha carta de motivación ben lograda e que tivera unha visión profesional. Logreino e aquí estou”.

Mestre de música

Cando un pensa en Turquía imaxina un país e unha sociedade totalmente diferente á nosa, “a verdade é que á miña mente viñan cousas da antiga civilización otomana e o coñecemento oriental, o que viña sendo o estereotipo de Constantinopla. Pero ademais é unha gran cidade, que está chea de lecer cultural e non tan cultural, aquí as cañitas aínda caen, por suposto!”

Miguel é Mestre de Música, e aquí en Estambul dedícase a dar clases de guitarra a nenos turcos e kurdos. Faino dentro dese programa de voluntariado europeo do que falabamos, polo que a súa retribución é un tanto peculiar. “Estou nunha asociación cultural e o tema ven sendo así; a asociación ten que cumprir uns requisitos que se establecen dende Bruxelas, despois ela mesma busca un voluntario á medida das súas características, e ofrece un lugar onde vivir. Ademais recibes uns poucos cartos da Unión Europea, dependendo do país no que te atopes creo que a cantidade oscila entre os 85 e os 120 euros, que é o que se chama o diñeiro de peto, o que no meu pobo é changüí de toda a vida. E a maiores 115 euros para comida”.

Non hai máis que falar un anaco con el para saber que Miguel é desas persoas ás que lles gusta aventurarse, coñecer, disfrutar… “Non é que viaxara moito antes de vir para aquí, pero recordo especialmente unha viaxe, fun dende a Illa ata Noruega en coche! Pero non a Noruega a Oslo, senón ó norte… Quedei flipado cando pasamos un carteliño que poñía: Círculo Polar Ártico. Amálgama de cores… Parecía a paleta de cores do paint! De toda esa viaxe o que máis recordo é Gent en Bélxica, pola súa preciosidade, e a ducha, pola morriña que tiña dela”. (Risas)

A isto me refería co de aventurarse… En Noruega botou un mes e medio nun pobo de 400 habitantes e de 100 quilómetros cadrados, “a vida no pobo era moi tranquila e sobre todo, moi próxima á natureza. Era precioso ver as nutrias, os coellos, os paxaros… Os alces non! Eses eran todo un drama! Vas conducindo tan tranquilo, ti que es das Rías Baixas, acostumado a unhas carreteiras onde o mais perigoso que se cruza é un gato de un quilo, e dun día para outro atópaste en Noruega cunha carreteira malísima (os cambios de clima fan que o mantemento sexa moi complicado), xeo no asfalto e un bicho de 300 quilos (nestes momentos volvía a paleta de cores do paint”. (Risas)

Pero volvamos a Estambul, que moito nos gusta dispersarnos… O momento da chegada sempre é un punto clave para todo aquel que decide establecerse noutra cidade, é case como a primeira cita, e sempre hai ese risco de se será un amor a primeira vista ou unha rotunda decepción.

Miguel recorda aqueles instantes como un bule bule de sensacións, de imaxes, de sentimentos… “Estaba aínda coa miña mochila e a miña maleta ás costas, era de noite e flipaba con todo. Había luces por todos lados, algunhas paredes tiñan plantas pequenas de cores que facían debuxos. Había partes coidadas e había outras con escombreiras. Era todo tan distinto… Eu estaba canso e un pouco desorientado, e o único que tiña na cabeza  era que necesitaba chegar ó meu piso e ter un momento de soidade. Mirar pola ventá vendo todas esas luces da cidade e dicirme a min mesmo: Onde carallo te metiches?”

Miguel xogando a o pano cos nenos ós que da claseO día a día

Un dos primeiros elementos ós que se tivo que enfrontar en Estambul foi ó tráfico, “na miña vida vin facer de dous carrís catro nunha carreteira con mediana, adiantamentos en saídas das carreteiras principais, por dentro e por fora! Da a impresión de que a preferencia é sempre “miña”, sexas quen sexas. Ademais todo o mundo cruza por onde quere, incluso eu cruzo por onde quero xa…”  
Por sorte, Miguel vive no mesmo edificio no que se atopa a Fundación, polo que non tarda nin cinco  minutos en chegar ó traballo. O seu horario é similar ó que podería ter en España polo que neste senso non son moitas as diferenzas.

De feito, aínda que normalmente o que máis nos custa é atopar similitudes con outras culturas, neste caso todo o contrario… “Hai postos ambulantes de castañas asadas e de mexillóns… Incrible!” . Aínda que certo é que as diferenzas entre estes produtos están aí. “Os mexillóns están na cuncha, pechados, e levan arroz que está dentro co mexillón… Sendo sincero, vendo a pinta que teñen e sobre, todo vendo a pinta que ten o mar, non penso probalos (mexillón da ría a tope)”.

Cuestión de cartos

No que respecta á calidade de vida, aínda que non de maneira esaxerada, asegura que cambios si que hai. “ Aquí o prezo da comida ambulante é moi barato. Eu normalmente ceo unha especie de pasta picante (çig kofte) que parece unha masa, esténdena por unha filloa, póñenlle vexetais e fan un rolo, coma un durum de grande pero bastante mais barat. Custa dúas liras con cincuenta kurus, que viría a ser un euro. Un euro son máis ou menos tres liras”.

En Turquía a  moeda está bastante baixa, o que a Miguel lle beneficia, porque ó cobrar en euros ó cambio sae gañando. “O que son as cañas nun bar por exemplo, son algo máis caras, e mesmo o café é algo máis caro. Cando te fixas nas cousas de primeira necesidade como a comida nos supermercados, parece que tratan a lira coma se fose un euro. A lira está a case corenta céntimos…”

En canto ós soldos cústalle facer unha estimación, xa que o seu salario de voluntario non vale de referencia, pero creo que tampouco habería tanta diferenza… “A xente creo que é mileurista en xeral, aínda que hai empregos que creo que cobran máis ou pouco mais, supoño que depende do sector”.

Miguel coa súa irmá e a mezquita azul

Adaptando ó padal

No que respecta á comida, en contra do que puidera parecer pola diferenza de costumes e cultura, asegura o leva ben e que se trata dunha gastronomía moi variada. Agora ben,  hai que acostumar ben o padal para non quedar no intento… “Ó principio custoume moito que todo tivese picante. Todos me dicían que era un mexericas, pero eu dicía que me parecía unha mágoa que tendo unha comida tan variada e rica, toda rematase co mesmo sabor: a picante! Acabeime acostumando e a verdade é que non sufro como sofren outros en países como Gran Bretaña… Aquí hai boa comida”.

Boa comida cos seus ingredientes típicos e sabores especiais claro… “Teñen uns doces moi distintos. As míticas delicias Turcas son coma un osiño de goma pero con pistachos por dentro. Os pistachos flípanlles ós Turcos, póñennos en todo o que poden. ata o pican finiño para pór por riba de tortas ou pequenos pasteis, rollo como facemos nos co azucre glass, pero sen picar tanto. E polo visto aquí para eles ‘pétalos de rosa’ é un sabor. Merquei unhas delicias turcas e mentres as comía dicía… Joer, pero isto sabe a deterxente!”.

Malia todo, botar de menos sempre se bota… “O típico: o xamón, os chouriciños ou un bo chuletón. Iso si, hai algunha mañá que digo… Cagontó… o que daría por un colacao desente!, iso si, o que estou seguro que levaría para alá son tres ou catro quilos de çig kofte. Ó principio non me gustaba pero pouco a pouco funlle pillando o rollito e agora cómoo case tódolos días”.
    
Miguel cun can que se parece ó seuA avoa

Que terán as avoas que son as primeiras que veñen á mente cando de botar en falta se trata… Miguel tamén estraña á súa por enriba de todo! Aínda que non só… Que en Galicia vívese moi ben… “Bótase de menos o relax da Illa, aínda que despois cando estou alá máis dunha semana xa estou aburrido. Claro que agora no verán entre festa vai e concerto vén, pasase o tempo voando! E tamén o feito de saír de tapas e que me dean as tantas. Saír saio igual, pero ando máis pendente do reloxo ca antes. Boto de menos a sensación de despreocupación…”  

A relixión na rúa

Segundo Miguel, ó principio resulta chocante ver ás mulleres co pano na cabeza, rapazas de quince ou vinte e cinco anos incluso, pero a relixión está moi presente nesta sociedade e ós lugares ou aspectos que non son puramente relixiosos, malia todo, sempre lles queda algún resquicio. “Ás veces estou con Aysun e estamos nalgunha zona menos turística ou máis residencial e chámame a atención que si a toco moito, a xente mírate e murmura sobre ti, ou mírate a con mala cara. A min dáme igual pero teño que respectar estas cousas porque ela vive aquí e ten que convivir con isto”. Nin que dicir ten quen é Aysun…

O contacto físico funciona dun xeito peculiar en Turquía, posto que é no caso das mulleres onde está mal visto, entre os homes está moito máis normalizado e ocorre totalmente ó contrario do que poderíamos estar acostumados aquí, “as mulleres non soen dar bicos ou abrazos para saudar. E sen embargo os home entre eles si, danse bicos e abrazos e andan de ganchete polo camiño. Sen embargo as mulleres non, creo que entre elas tampouco”.

Coidado con roubarlle ó nariz a un turco

Nun país no que a relixión ten tanta presenza, non é de estrañar que a superstición e os costumes tamén estean moi presentes… “Á porta das casas e dos comercios tiran caldeiros de auga ou usan unha regadeira. Segundo a tradición é para que volvas, nas casas para que volvan as visitas e nos comercios para que volvan os clientes. Non sei a orixe de esta tradición, pero é interesante. E outra ben curiosa é que non podes facer a broma de roubar o nariz, aquí ese xesto coa man é moi grave, coma un corte de manga. O curioso é que é o mesmo xesto que a nosa figa, comenteillo a unha colega miña e fíxolle moita graza, cando veu miña irmá a visitarme encargueille un colgante dunha figa e á miña colega fíxolle moita ilusión. Xa sabedes, moito coidado con roubarlle o nariz a un ou unha turca, porque te podes meter nun follón”.

Non podes marchar de aquí sen…Miguel cos seus amigos no Festival One Love (Estambul)

E para non variar, preguntámoslle a Miguel que é iso que temos que ver si ou si se vimos a esta cidade, iso que non sempre sae nas guías de Estambul ou que se sae non ven acompañado dunha descrición das de verdade… “O que máis me gustou foi o museo de arte moderno de Estambul. Ten moita arte feminista moi interesante. Gustoume moito isto, porque me parece importante xa que aínda que Turquía é laica, ten unha presenza moi grande da relixión. Igual hai xente que di que levar un pano na cabeza e un gabán largo non é algo grave, eu simplemente respondo que agora mesmo, nestes momentos, aquí fan vinte e cinco graos e as mulleres teñen que levar o gabán e o pano igualmente”.

Por outra parte, está a parte asiática, a zona de Kadikoy “non hai monumentos ou moitas cousas que visitar, pero é un sitio moi cómodo para vivir. Está no centro, ten mercado, os barcos están moi preto e ademais hai ambiente para saír de festa ou ir de cañas (sen tapas claro), é o sitio que máis me gustou. Taksim é totalmente cosmopolita e persoalmente non mola tanto para saír de festa”.

O perigo de xesticular de máis

A pesares da dificultade do idioma, Miguel sobreviviu apenas cun kit básico de imprescindibles, polo que de entrada non debería ser algo que nos bote para atrás. Se cadra é máis preciso coidar os xestos ou os comportamentos, que falar turco á perfección, e se non que llo digan a el… “Creo que sen darme conta fago xestos obscenos. O outro día ía no metro e estaba facendo ritmos coas mans e coas pernas. Miro para a miña compañeira de traballo e vexo que me esta facendo sinais de que o do lado está molesto (despois díxome que me estaba mirando fixamente). Pero como xa comezara decidín non miralo e actuar con naturalidade seguindo ó meu rollo. O tío comezoume a falar en Turco e díxenlle que era español. Cambiou o tono completamente e comezou a falar de fútbol. Eu creo que case me meto nun marrón, pero saín sen ningún percance”.

Miguel coa súa irmá na mezquita azulAmigos turcos

A estas alturas Miguel está xa perfectamente integrado e ten o seu grupo de amigos turcos cos que leva a mesma vida que podería levar co seu grupo aquí, “a xente trátate moi ben, non creo que sexa por ser español, son moi hospitalarios en xeral. Alégranse moito e mesmo son máis amigables se lles falas en Kurdo, ós que son Kurdos claro (risas). Teño un pequeno círculo de amigos, grazas a unha colega que fixen na asociación que se chama Buşra, foime presentando colegas e a verdade é que lles gustei moito e eles a min. Imos de cañas, facemos botellón en Kadikoy onde hai unhas vistas caralludas a Sultananmed. Fai pouco fomos a o festival One Love na zona de Parkorman”.

Pero falar un chisco de galego sempre se agradece, aínda que non sexa cun galego propiamente… “Foi unha anécdota boísima! Un dos meus amigos turcos presentoume un americano, e resultou que estivo dando clases de inglés durante dous anos en Ribeira!. Que gusto da volver a falar galego… Aínda que sexa con un americano!.

Así é que a pesares de que a historia non comezou cun desexo da infancia de coñecer Turquía, nin cunha paixón de anos atrás por Estambul, finalmente a escolla parece que non foi mala, se ten que recomendarlle a alguén esta cidade Miguel non o dubida “que non o pense e que se veña, é un país moi bonito e Estambul é unha cidade caralluda, tanto para vivir como para visitar. O que si digo é que mellor que se busque onde vivir en Kadikoy, que é mais fogar e non hai moito turisteo, iso como consello”.

Polo de agora el non sabe o que fará no futuro, o que ten claro é que agora toca pasar unhas boas vacacións na casiña e disfrutar das súas Rías Baixas. O primeiro de todo? Tres bicos, un para a avoa, outro para mamá e outro para súa irmán. Creo que cumprida a parte familiar, unhas tapas, unhas cervexas e algo de troula ha de caer…

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Xullo do 2014 | 4:38 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante