publicidade hoxe
Silvia: “Sentín medo de pensar que non me ía adaptar, pero ós tres días xa adoraba este país” - Cabecera

Silvia: “Sentín medo de pensar que non me ía adaptar, pero ós tres días xa adoraba este país”

Silvia no Pelourinho, o famoso e colorido barrio de Salvador de Bahía onde Michael Jackson grabou un dos seus videoclips

Co recordo do seu Lourenzá querido aínda moi vivo na retina, unha sensación entre a emoción e o susto no corpo, e os ollos abertos de par en par para non perderse nada de nada. Así recorda Silvia o viaxe no taxi que a levou do aeroporto ó hotel no que pasou os seus primeiros días nesta cidade.

Silvia no Mercado Municipal de Sao Paulo, que é famoso polos bocadillos de mortadela e os postos de frutas con centos de especies tropicais

Nome: Silvia Sánchez Varela

Idade: 29 anos

Profesión: comercio exterior

Lugar de nacemento: Lourenzá – Lugo

Lugar de procedencia: Lourenzá (antes Madrid, antes Toronto, antes Barcelona, antes Salamanca… Mudeime moito!)

Lugar de residencia: São Paulo – Brasil

Tempo de estancia: 6 meses

Foi entrar naquel taxi e decatarse de que aquilo ía en serio, que se atopaba en Sao Paulo e que non había volta atrás. Que foi o que lle veu á cabeza nese intre? “Onde te metiches Silvia”. Así, entre risas e morriña recorda agora aqueles primeiros momentos de loucura, “a autopista de entrada á cidade coa xente andando polas medianas, os autobuses medio destartalados, todo parecía estar tan sucio! Chegaba coa miña idea de cidade europea e de repente sentín medo”. Pero medo do que aterra de verdade, ese que sae da boca do estómago cando temes que a situación che veña grande. Medo a que sexa demasiado complicado, a que as diferenzas se fagan insalvables, a non ser quen de adaptarse. Pero por sorte, “foi unha sensación que durou moi pouco, ós tres días xa adoraba este país”.

Dende aquel momento pasaron tan só seis meses, a pesares de que escoitándoa falar semelle que leva aquí unha morea de anos.

O encanto de Sao Paulo

Sao Paulo é unha cidade de contrastes, un cidade chea de decadencia, de normalidade e de luxo, todo en unha. “Aquí dobras unha esquina ou cambias de rúa e parece que estás noutra cidade, e iso tamén lle da certo encanto”.

Silvia tivo a sorte de descubrir ese encanto, ese contraste, acompañada. Chegou a Brasil con outros catro compañeiros que se atopaban nas súas mesmas circunstancias, eran cinco bolseiros do ICEX (antes Instituto de Comercio Exterior, agora España Exportación e Inversións) que se coñeceran en Madrid un par de meses antes de vir para aquí, polo que, “en ningún momento me sentín soa e sempre confías en que se ti non sabes algo algún deles te poida sacar do apuro”.

 

DSilvia con algúns dos compañeiros becarios diante do Monumento aos Bandeirantes (homes que no século XVI se adentraban cara o interior do continente, daquela aínda descoñecido)e formación é xornalista, e antes de lanzarse ó mundo do comercio exterior traballou na radio local de Burela durante algún tempo pero tal e como se presentaba o panorama unha vez rematado este proxecto, e coas ganas que ela tiña de explorar novas alternativas, non o dubidou e presentouse ás probas para acceder a unha destas prazas no estranxeiro. “Pasei todo o proceso de selección e concedéronme unha praza para estudar un Máster en Xestión Internacional de Empresa en Madrid, despois tes a opción de pasar un ano traballando nalgunha das oficinas do Icex repartidas polo mundo”.

E que é exactamente o que fai unha bolseira do ICEX? “Pois basicamente trátase de axudar ás empresas españolas que se queren instalar en Brasil”. Pregunto por aquilo de plantearse unha novas opcións, que nunca se sabe…

A aventura de atopar piso

Coas múltiples posibilidades que tiña, Silvia recoñece que Brasil non era o destino que escollera, e que foi todo un pouco por sorpresa. “Por varias cuestións acabei aquí en Sao Paulo e a verdade é que agora non o cambiaría por ningún outro lugar”.

A pesares do choque inicial e das grandísimas diferenzas, recoñece que tende a oficina lles axudaron moito, o que lle facilitou os trámites co consulado e o papeleo. “Ademais do feito de estar todos xuntos, que da moitísima seguridade. Descubrimos como funcionaba o transporte público, como comprar unha tarxeta de móbil e as cousas básicas para comezar a vivir, os primeiros pasos!”

A cousa cambiou cando tocou buscar piso. “Aí si que comezou a aventura! (Risas)”. E é que atopar o barrio, establecer o rango dos prezos, negociar as condicións… “Foi unha odisea que nos levou case tres semanas, pero finalmente conseguímolo”.

Silvia comparte piso con outra das bolseiras do ICEX, e asegura que no seu caso, ó cobrar o salario en euros non ten problemas para chegar a fin de mes. A cousa cambia se falamos dos brasileiros. “En Brasil o salario mínimo é duns 900 reais, 300 euros, e as familias teñen que facer verdadeiros malabarismos, é unha cidade cara e moita xente pensa que Brasil é o Caribe e que se pode vivir con calquera cousa, pero non é o caso”.

No resto do país, dependendo das zonas, o nivel de vida é mais baixo, pero en Sao Paulo non dista moito do de cidades europeas como Madrid ou París. E con ese salario mínimo imaxinamos as complicacións.

“Un piso normaliño coas comodidades básicas para dúas persoas, nunha zona de clase media ou media-alta sobe dos 1.200 euros ó mes, e se é máis grande vai dos 1.500 en diante”.

Prainha Branca, en Bertioga (Sao Paulo). O mato chega ata a area da praia

O custe da vida

Se nos fixamos no supermercado atopamos case de todo o que atoparíamos en España, malia que moitas veces pensemos que hai moitos produtos. “Algunhas cousas como o arroz, a carne de pito ou tenreira ou verduras e a froita son máis baratas, os pratos precociñados teñen máis ou menos o mesmo prezo que en España pero as conservas si que son máis caras”.

En canto ó transporte público, “metro e autobús custan 3 reais que é 1 euro ó cambio. Ir en taxi, está ó redor de 20 – 30 reais (entre 6 e 10 euros) unha carreira duns 10 minutos. Iso si, a gasolina é bastante cara”.

Á hora de saír a cear temos posibilidades para todos os gustos, “hai restaurantes de todo tipo e nunha cena que non sexa de hamburguesa ou sándwich (parece ser que aquí é moi típico, hai por todas partes e é o máis barato), un prato e unha cervexa pode saír arredor de 40 – 60 reais por persoa, entre 14 e 20 euros. Dependo do lugar podes gastar o que queiras, a oferta é inmensa! Para saír a tomar algo, as botellas de cervexa de 600ml valen entre 7 e 12 reais, 3 e 6 euros máis ou menos e unha caipirinha arredor de 12 – 15, uns 4 ou 5 euros”.

Silvia coa súa compañeira de apartamento, Elena, fronte ó Teatro Municipal de Sao PauloAs dificultades da gran cidade

Silvia tarda uns 45 minutos en chegar á oficina, “vivo relativamente lonxe do traballo, inda que co tamaño de cidade de São Paulo a verdade é que ó final non é para tanto”. Iso si, asegura que está madrugando máis aquí que en toda a súa vida! “O meu día comeza ás 6:45 da mañá coa ducha e o almorzo. Ás 7:20 máis ou menos saio da casa para coller o metro. Traballo de 8 a 4, cun tempo para comer, e ó saír volvo para a casa e dependendo do día teño varias actividades pola tarde”.

Non perde o tempo! Dous días á semana vai a clases de portugués e tamén comezou a recibir clases de baile. “Aquí a gran maioría da xente baila, incluso os homes que en Galicia é máis difícil de ver. Estou aprendendo samba, salsa e forro, que é un tipo de música do nordeste do país. Agora empezarei a practicar nas baladas (que é como lle chaman aquí ás discotecas)!”.

O resto do tempo váiselle en saír a pasear, Sao Paulo é enorme e da para moito, ademais andar é unha das cousas que máis adoitaba facer Silvia cando vivía en Galicia, “ó ser dunha aldea saía moito a andar ou ía ata a praia e paseaba, aquí intento seguir facéndoo, pero esta cidade é complicada para camiñar”.

Galicia vs Sao Paulo

Aínda que as oportunidades que está a atopar en Sao Paulo dificilmente serían posibles en Galicia, en canto á calidade de vida pouco temos que envexarlles. “São Paulo é unha gran, gran urbe e iso condiciónate moito para o bo e para o malo. En canto a desprazamentos, ocio, tempo de descanso, planificación de vida… A min gústame vivir na cidade, prefiro isto a un pobo pequeno, pero necesitas saber adaptarte e sobre todo, que che guste, porque senón só ves os aspectos malos”.

Así é que unha das cousas que máis bota de menos esta lucense é esa sinxeleza, “a eficiencia e simplicidade, aquí todo se dificulta demasiado e desespéraste facendo colas ou facendo chamadas cando alá poderías solucionalo cunha soa”.

O mesmo lle ocorre coa seguridade, “é algo no que non pensas habitualmente pero vivir aquí fíxome reflexionar sobre a importancia de vivir tranquilo. Non vivo con medo, nin moito menos! Pero non teño a liberdade que tiña antes, e a sensación de estar alerta é algo que nunca experimentei en ningunha das cidades nas que vivira”.

Pero máis alá das dificultades dunha gran cidade, ou da tranquilidade, está tema da calor! “Eu que son ben do norte levo bastante mal a calor, as temperaturas e a humidade do verán aquí, co clima tropical, son difíciles de levar”.

 Imaxe captada dende o camiño que leva a Prainha Branca, no municipio de Bertioga na costa de Sao Paulo

Os doces máis doces

E que sería dun “Galegos por aí adiante” sen que aparecera a palabra polbo? Quen non o bota de menos estando fora? Silvia non ía ser menos e, xunto co peixe é unha das cousas que máis estraña.

E é que o peixe en Brasil non é algo que se coma demasiado, nin o peixe nin o xamón ibérico! Malia todo, non hai queixa. “Comen moita carne e a min encántame e uns doces… Deliciosos! Teño a impresión de que aquí todo é moito; o doce moi doce, o salgado moi salgado, incluso a cantidade de comida é moita cando saes comer por aí”.

Asegura terse adaptado á perfección e mesmo pensa xa no que botará de menos cando marche, “aquí acompañan os pratos con arroz, e a feijoada é o mais típico da comida brasileira, pero tamén hai moita verdura e unhas froitas incribles. O sabor da froita e a variedade chamoume moito a atención, cando me vaia vou botar de menos os zumes, que teñen un sabor incomparable!”.

Cada día unha aventuraVista desde o Elevador Lacerda do Mercado Modelo e un dos portos de Salvador de Bahía

Por suposto falar da familia son palabras maiores, sobre todo da súa nai (mamá é mamá), e da súa irmá. E ademais están os amigos por suposto, “estou acostumada a estar separada deles pero cando hai algún encontro ou evento no que sei que están todos encantaríame poder estar con eles, agora temos whatsapp, skype, emails, teléfono e de todo! Así que a distancia parece menos, pero ás veces si que me entra moita morriña da miña xente”.

En canto ás anéctotas, Silvia podería contalas por milleiros, “taxistas que se perden e ós que ti mesma tes que indicarlles o camiño coa axuda de Google Maps, días nos que non podes nin saír do vagón do metro pola marabunta de xente que intenta entrar, e outros nos que as rúas están completamente baleiras porque xoga a selección de Brasil” E non só polo Mundial, non pensen!

A felicidade brasileira

Se hai algo que tamén destaca neste país é o carácter da xente, a pesares de todas as dificultades e necesidades que poden chegar a vivir. “É verdade o que din do pobo brasileiro, que sempre ten un sorriso e un motivo para cantar e bailar. É contraditorio e admirable a partes iguais”. Nesta liña, Silvia destaca tamén outra sensación que dende o principio parece respirarse nesta cidade, “unha especie de necesidade de estar xuntos, de reunirse para calquera tipo de evento coa familia ou os amigos”.

E todo isto sen esquecer o tema da música, “sempre oes música en calquera lugar, hai miles de concertos e música en directo en pequenos bares”.

Ante isto resulta sinxelo entender que ás veces nos tomen por demasiado pechados ou mesmo aburridos. “Ós galegos sempre nos achacan que temos un carácter triste e indeciso e eu creo que aínda que non é de todo así, si que temos moitas diferenzas na forma de afrontar a vida”.

A Catedral de São PauloUnha cidade por descubir

A xente di que São Paulo non ten moito que ver pero, por sorte para nós Silvia, que como sabemos é de pasear, ten a ruta feita, “as visitas ineludibles son a Praça da Sé e a catedral (non é como unha gótica europea pero é preciosa igualmente); o parque de Ibirapuera, o gran espazo verde da cidade; a avenida Paulista, o corazón da cidade con todos os seus rañaceos e antenas de comunicacións de colores; o barrio de Jardins, coas tendas e restaurantes e bares; Vila Madalena, un barrio para divertirse; o Teatro Municipal que chama moitísimo a atención e recorda o esplendor da cidade; etc”.

E se ademais de todo isto, nos da tempo a quedar con ela e que nos leve xunto cos seus amigos a un típico churrasco brasileiro, temos a festa asegurada!

E mentres agarda a visita, Silvia continúa descubrindo a cidade, sen pensar demasiado no futuro. Polo de agora sabe que quedará por aquí ata finais de ano, despois? “Non me importaría vivir aquí un par de anos máis, pero se me xurde a oportunidade de vivir noutro país ou de volver a España a traballar tampouco o descarto”.

O que dende logo non perdoa son as visitas á terriña, esas que lle serven para coller as forzas necesarias para seguir, “de vez en cando fai moita falta volver a Lourenzá, abrazar a miña familia, dar unha volta por todos os cuartos da casa para asegurarme de que todo está coma sempre e pedirlle a miña avoa que me prepare algunha das súas especialidades para a cena. Despois chamar ás miñas nenas e ós amigos e quedar para tomar uns viños e contarnos todas as novidades”. E é que no fondo non che somos tan diferentes ós brasileiros, quizais un pouco máis comedidos, pero no que respecta á necesidade de reunirnos… Chéganos ben!

Imaxe do sambódromo de Rio de Janeiro este ano no Carnaval cando desfilaba unhas das escolas de samba das favelas

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 2 de Xullo do 2014 | 5:39 p.m.

Outros temas de Galegos por aí adiante