Andrea: “No que máis se parece Quebec a Galicia é na xente, teñen un humor con moita retranca”
Falar da retranca quebequesa resulta cando menos gracioso, non me dirán que non. Pero cando un bota un tempo neste país decátase de que así é, de que existe. E non hai nada máis agradable a miles de quilómetros de distancia que atopar a alguén que entenda o humor como o facemos os galegos, con esa ironía tan nosa (e tan quebequesa que ninguén se nos enfade!). |
Nome: Andrea Crespo e Cándido Couceiro Idade: 32, 36 Profesión: reporteira gráfica, arquitecto Lugar de nacemento: A Illa de Arousa, Cotobade Lugar de residencia actual : Montreal, Canadá Tempo de estancia: 6 meses |
A xente é precisamente o que está a facer que os nosos protagonistas de hoxe se integren tan ben nesta cidade. Unha cidade dura, non o negan, pero incriblemente hospitalaria e acolledora cando un a coñece un pouquiño máis a fondo.
Andrea é reporteira gráfica, con esta profesión é case unha redundancia falar de valentía e espírito aventureiro, difícil atopar a alguén que se meta nesta profesión sen selo… Despois de traballar varios anos en Galicia, en vista do momento que está a atravesar o sector en España, entendeu á perfección que non lle quedaba outra que coller as maletas e buscar un novo destino.
Na aventura ía incluído tamén o seu mozo, Cándido, para quen as cousas no terreo laboral non pintaban mellor. El é arquitecto e con iso dígollo todo… “Dado que o centro de Europa xa empeza a estar un tanto saturado dos emigrantes da Europa do sur, buscamos posibilidades noutros continentes”. E así foi como xurdiu a idea de vir a este país. “Canadá posúe moitos programas de integración laboral de estranxeiros, é un país cunha superficie enorme, pouca poboación e moitos recursos, polo que precisan dos emigrantes. A ver canto lles dura…”
Chegar a Quebec en inverno
Andrea foi a primeira en chegar a Montreal e polo que nos conta non escolleu o momento… “Vin antes que Cándido para atopar apartamento e arranxar os papeis, e cheguei no mes máis frío do inverno máis duro das últimas décadas!”. Xa ven, mellor momento imposible! “Menos mal que me estaba esperando a xente que coñecíamos aquí e as primeiras semanas quedei na súa casa… (Risas)”.
Esta xente eran Anita (coruñesa) e Antoine (francés, tamén con retranca galega), unha parella de arquitectos para a que Andrea e Cándido non teñen máis que palabras de agradecemento. “Cando emigras, a solidariedade dos galegos que atopas fai todo moito máis fácil, eles foron os nosos padriños e aínda non sabemos cómo agradecerlle todo o que fixeron”.
Grazas a eles o seu aterraxe nesta cidade non foi tan brusco, aínda que ben certo é que un camiño de rosas tampouco… “Tiña que patear as rúas en busca de piso en medio dunhas fortes nevadas, ó chegar en pleno inverno todo é máis complicado. Pero realmente dáste de conta de que se compensa todo coa xente”.
Unha sociedade unida, xenerosa e hospitalaria, que fai que todo pareza menos duro. “Recordo un día que ía camiñando cara a estación do metro no medio dunha forte nevada, e unha descoñecida parou o seu coche ó meu carón, abriu a ventá e ofreceuse sen máis para achegarme. Aí foi onde descubrín a proximidade da xente quebequesa”.
E aínda que custou o seu, finalmente atoparon o seu apartamento. Unha escolla coa que ademais están encantados, “vivimos nun apartamento no barrio Verdun, no sur de Montreal, e encántanos! É un barrio multicultural, familiar, con moito pequeno comercio e moitos restaurantes, estamos a tres minutos da parada do metro, que nos deixa no centro en 15 minutos”.
Importante en Quebec o de ter a parada de metro preto, “ter que andar máis de 10 minutos pola rúa en inverno pode ser bastante duro, aínda que a xente de aquí está afeita, pero para nós…”
En inverno o metro acolle gran parte da vida, de feito Montreal é famosa pola extensa rede de galerías subterráneas que posúe e que conectan as paradas de metro cos centros comerciais ou mesmo as universidades. “Hai unha estación que sae directamente na entrada do Museo de Place des Arts, e outra no hall da Universidade de Guy-Concordia, ou sexa, saes do metro e atópaste rodeado dos estudantes no seu descanso”.
Oportunidades laborais
No que respecta ó laboral, a situación que a parella atopou en Quebec non ten comparación coa que deixaron atrás, “os canadenses dinche que aquí hai moita crise, e a nós cando escoitamos iso éntranos a risa”.
Non é que sexa chegar e encher como se adoita dicir e de feito os seus primeiros momentos foron facendo traballos esporádicos de todo tipo, pero a situación que se percibe é diferente, “en canto chegas aquí, xa se respira un certo optimismo, hai oportunidades”.
O máis importante, unha vez decides buscar a vida noutro país (máis aínda con esta distancia de por medio) é non perder a ilusión. Eles téñeno claro, non desanimarse e mirar cara diante é a única maneira de conseguilo, “o importante é coller as cousas con entusiasmo, sexan relacionadas coa túa profesión ou non, todo pode ter o seu interese”.
Andrea nestes momentos está traballando como Community Manager dunha grande empresa de calzado asentada en Nova York, e continúa buscando traballo como reporteira gráfica, ou como calquera cousa interesante e da que poida aprender algo (valente e aventureira, recordan?). Tanto é así, que foi en Quebec onde atopou unha das oportunidades profesionais máis importantes e gratificantes que viviu. “Estiven fai uns meses en Kuala Lumpur (Malasia) facendo a cobertura do avión desaparecido no Índico. Toda unha experiencia! Foi un pouco tolo. Unha televisión americana precisaba unha cámara con dispoñibilidade para desprazarse, e alá fun. Foi un tanto estresante, pero moi estimulante. Tíñamos que gravar e editar as noticias de última hora para que as puidesen emitir nos informativos nacionais de EEUU”. Incrible!
Cándido pola súa banda, acaba de atopar a súa oportunidade nun estudio de arquitectura, “a arquitectura é a miña profesión e a miña paixón. Iso si, aínda estou na fase de aprender como funcionan as cousas aquí, aprender o francés “quebecoise” (que ten o seu aquel…), e poñerme ó día totalmente”. Algo que de seguro non lle levará moito coa súa experiencia e formación.
Inglés ou francés?
Ambos! A aprender o francés dedican Andrea e Cándido unhas dúas horas diarias. Tempo que lles queda libre despois da súa xornada, posto que aquí os horarios de traballo son continuos. “As comidas pantagruélicas déixanse para o fin de semana, pola semana paras para facer o lunch e continúas, así rendes máis no traballo e ás 5 da tarde estás na casa para levar ós fillos ó parque ou disfrutar do teu tempo libre como queiras”.
Con respecto ó francés de Quebec, o acento é moi peculiar e ó principio custa un pouco entendelo, pero pouco a pouco un vaise afacendo. É certo que todo o mundo fala inglés, pero o francés antóllase imprescindible para integrarse ó completo e disfrutar plenamente da cidade.
Vivir en Québec
Economicamente, Quebec é unha cidade moi equilibrada no que respecta ó nivel de vida, e vai bastante acorde cos salarios. “Hai produtos frescos que si son máis caros, por exemplo aquí os lácteos teñen prezos elevados polas políticas de protección ós gandeiros locais, cousa que está ben, xa que ademais garanten unha alta calidade”. Outra cousa cara nesta cidade é o viño, que só se vende nunha cadea de tendas, o SAQ. En canto á variedade pódese atopar calquera viño, “mesmo viños galegos, ribeiros, albariños, Ribeira Sacra, Monterrei… Agora ben, o que en Galicia vale 3 € aquí está nos 15 $CAD (uns 10 euros)”.
Para a vivenda os prezos están bastante proporcionados, tendo en conta contando que nos atopamos nunha gran cidade. De feito, segundo Cándido, “facendo a conversión de moeda, eu dinme conta de que pagamos menos de aluguer do que pagaba eu fai uns anos por un piso na Coruña”.
Se falamos de estrañar, a pesares desa retranca que tanto recorda ós galegos, e dos moitos amigos cos que xa contan nesta cidade, Andrea e Cándido por suposto botan de menos á familia e ós amigos que deixaron en Pontevedra, que clase de galegos serían se non? (Risas).
En canto á comida, prefiren non caer en tópicos, e aseguran que se afixeron á perfección á gastronomía canadense, “o que non podes é pretender atopar aquí a mellor empanada de zamburiñas do mundo, tes que probar a gastronomía propia do lugar. Eu traería xamón, do resto atopas de todo” asegura Cándido. Andrea, polo súa banda, disfruta do cosmopolita que é a cidade tamén no aspecto gastronómico, “podes atopar gastronomía de todo o mundo, por suposto cunha forte influencia francesa, aínda que non lle dan tanta importancia coma eles á alta cociña. Hai moitísima oferta de restaurantes de todos os países, e os productos que topas no mercado son francamente bos”.
A primavera o sangue altera…
E vai que se a altera, non é para menos! Despois dun inverno duro como o que se pasa nesta cidade, non é de estrañar que cando empeza a saír o sol a xente se tire á rúa,“Isto no verán é absolutamente incrible; unha loucura de actividades a todas horas. Na rúa podes atopar concertos de jazz, circo, teatro, mercados, exhibicións de deportes, zonas de baile de salsa,…” Todo tipo de actividades para recuperar o tempo perdido! “Dende que chegamos todo o mundo nos dicía que no verán íamos a alucinar, pero isto supera todas as nosas expectativas”.
E acompañando o calor, chega tamén o momento de sacar a bici, “é incrible a cantidade de pistas ciclables que teñen por toda a cidade e por todo o país. Poderías percorrer Canadá por carrís bici. Foi a mellor compra que fixemos dende que chegamos, xa que é a mellor maneira de coñecer a cidade e os seus recunchos”.
E por suposto, esta é a mellor época para que os amigos e a familia se animen a visitalos, calquera vai en pleno inverno… “Non, no inverno non é sinxelo, pero agora en agosto veñen uns amigos de Vilagarcía e seguro que o van disfrutar a tope”. Sobre todo porque os montrealeses son tamén moito de terraceo, e con iso a nós xa nos teñen gañados! O das tapas igual xa é demasiado pedir pero en canto a facer vida na rúa, ven poderían competir connosco. “O primeiro día de sol e calorciño as terrazas petáronse de xente, moi parecido a Galicia”.
O que falta, e iso si que non hai quen o pague, é a praia… “Téñenas fluviais, pero non é o mesmo… E hai que pagar! Iso a un galego non lle entra na cabeza… A verdade é que na terra temos un luxo que estando aí ás veces non sabemos valorar o suficiente”.
O hockey aquí é o deporte rei e xa se sabe, para integrarse en condicións o primeiro paso é saber das costumes e as actividades de ocio. De algo haberá que falar nas terraciñas esas tan ó noso estilo… “Comezamos a ir ós partidos hockey, que é algo que aquí viven cunha paixón desmesurada. Iso si, as pelexas só as hai na pista de xeo entre os xogadores, unha vez remata o partido non hai ningunha clase de disturbios. É sorprendente porque é un deporte bastante violento pero despois iso non se reflicte nas celebracións. A verdade é que é algo admirable, de un país realmente civilizado”.
De Quebec a Compostela
Esta é sen dúbida a anécdota máis sorprendente das que poden contar Andrea e Cándido da súa estancia en Quebec. Unha tenda dedicada por enteiro ó Camiño de Santiago no centro de Quebec? Imaxínana? Pois así é. Existe! “ Foi pouco despois de chegar, íamos paseando polo noso barrio e atopamos un establecemento que se chama “La Tienda D’ici à Compostelle”. Por suposto entramos pensando que eran galegos, e resulta que era unha quebequesa simpatiquísima que se namorou do camiño de Santiago cando o fixo fai uns anos e ó regresar decidiu abrir unha tenda para axudar ós futuros peregrinos a facer o camiño e evitar os inconvenientes que ela tivo na súa experiencia. Vende equipo como mochilas, botas, roupa térmica,… Todo o necesario para facer o camiño. Ademais organiza cursos (en francés e español), conferencias, xornadas gastronómicas, rutas,etc.” Ó final vai ser certo iso de que o mundo é un pano e podes atopar calquera cousa en calquera punto do planeta!
E non vaian a pensar que se trata dunha tenda dirixida a uns poucos, os peregrinos canadenses son moitísimos, sobre todo do Quebec, unha rexión que aínda que agora é laica, ten un pasado profundamente católico. Hai xente en Canadá que fai ata oito horas en coche para ir á tenda de Anne. Unidos dun xeito especial por este vínculo, Andrea e Cándido fixéronse moi amigos de Anne, “quedamos moitas veces con ela e co seu home Ángel, un madrileño tamén moi divertido que coñeceu na súa peregrinaxe. Toda unha historia! Dúas grandes persoas”.
Conciencia colectiva
Quizais a dureza do clima sexa a orixe desa solidariedade entre os veciños, e é que probablemente esa fora durante séculos a única maneira de sobrevivir neste país, cando as comodidades da vida moderna inda non chegaran. Sexa o que sexa, a conciencia colectiva chega aquí ata o punto de celebrarse no mes de marzo a “Grande Nettoyage” (Gran limpeza), un acto cívico que Andrea cualifica de emocionante. “É o que ben sendo unha limpeza colectiva de parques e rúas por parte dos voluntarios de cada barrio. Un acto cívico emocionante. Aquí o voluntariado é moi importante e valórase moito facer traballos para a comunidade, mesmo á hora de buscar traballo”.
Unha mostra máis este voluntariado, da xenerosidade dos canadenses, dese pobo que tanto lle está a facilitar as cousas os nosos amigos. E aquí, entre a multiculturalidade, a natureza, as bicicletas, a neve e o frío, pensan quedar polo de pronto.
E a quen queira vir a visitalos, xa lle teñen a ruta feita, “primeiro subir ó Mont Royal, para ter unha boa panorámica da cidade e do paisaxe, e despois pasear polo Plateau, o barrio máis céntrico e con máis actividade de toda a cidade, a rúa Saint Laurent ou Saint Dennis non teñen nada que envexarlle ó Village de New York”.
Polo de agora non teñen data de regreso, e se as cousas continúan a irlles así de ben non ten pinta de que sexa moi cedo, dígoo por se queren ir pensando en facerlles unha visita, así abertamente, digo eu que a estas alturas xa se lles contaxiaría a hospitalidade quebequesa, non?