publicidade hoxe
Sufixos e terminacións (II) - Cabecera

Sufixos e terminacións (II)

-EO, -EU e -AO, -AU

bacallauRematan en -EO palabras como ceo, receo, veo, freo… ás que se lles incorporan moitas palabras de entrada recente como áureo, petróleo, xacobeo, fideo

Pero rematan en -EU as seguintes palabras antigas: chapeu, romeu, sandeu (feminino sandía), xubileu, xudeu (feminino xudía).

Rematan en -AO: arao, cacao, callao, grao, peirao, vao

Pero rematan en -AU: bacallau e pau.

-US, UM, -O

Na adaptación das palabras latinas rematadas en -US e -UM ao galego teriamos que agardar a terminación -O, mais hai moitas palabras que se mantiveron no noso idioma sen se adaptar, como poden ser:

-campus, corpus, ómnibus, virus; álbum, médium, súmmum, quórum

Pero rematarán en -O:

-currículo, espírito, ímpeto, memorando, referendo e tribo.

-INO, -INA e -IÑO, -IÑA

andurinaNas palabras máis antigas, nas chamadas patrimoniais, acharemos as terminacións -IÑO, -IÑA.

Exemplos:

-andoriña, campiña, campesiño, comiño, menciña, veciño, pergamiño

Tamén poderiamos engadir a este grupo a palabra mesquiño que deriva do árabe e non do latín.

Pero nos préstamos de entrada máis recente vanse manter as terminacións -INO, -INA.

Exemplos:

-asasino, aspirina, bovino, casino, divino, doutrina, esquina, medicina

Polo tanto cómpre termos moito coidado porque moitas veces trocamos estas terminacións e terminamos caendo en hiperenxebrismos como *esquiña, *diviña

-E

Podemos dicir dunha maneira practicamente xenérica que no noso idioma non aparecerá a terminación *-EN (salvando un par de excepcións que mencionaremos ao final) sexa cal sexa a procedencia da palabra (do latín, galicismos…)

dolmenExemplos:

-virxe, orde, imaxe, feluxe
-crime, exame, costume…
-homenaxe, liñaxe…
-abdome, ditame, réxime, xerme
-glute, lique, pole, seme.

Soamente teriamos como excepcións as palabras: lumen e dolmen.

-ÓN / Feminino -ONA, -OA

Teremos que van formar o feminino en -OA unha serie de substantivos e adxectivos en que non poderiamos considerar a -ÓN como un sufixo.

Exemplos:

-anfitrión / anfitrioa, bretón / bretoa, campión / campioa, ladrón / ladroa, león / leoa, patrón / patroa…

Polo seu emprego moi abundante tamén poderiamos facer o feminino de ladrón como ladra.

Farían o feminino en -ONA palabras en que esta terminación é un aumentativo ou pexorativo.

Exemplos:

-mullerona, abusona, acusona, faltona, preguntona…

Existe ademais un grupo de palabras con terminación -ON átona.

Exemplos:

-canon, décathlon, neon, párkinson, radon…

O anglicismo Nylon adaptámolo ao galego como Nailon.

Fraseoloxía:

*”Andar ás apalpadelas” (axudarse do tacto para localizar unha cousa)

*”Achegar a brasa á súa sardiña” (facer que algo se adapte á conveniencia de quen o realiza)

*”Andar / estar na horta e non ver as verzas” (Andar despistado ou non se decatar de nada)

*”Andar a mantido” (Que se ten dereito á comida)

*”Ser fino coma un rato” (Ser moi esperto ou dilixente)

*”Estar negro coma unha trepia” (Estar moi sucio)

Refraneiro:

ra*”Amiguiños si, pero o porquiño polo que vale”

*”Castañas, noces e viño, fan a alegría do San Martiño”

*”Cre o ladrón que todos son da súa condición”

*”É mellor librarse dos ditos que dos feitos”

*”Pallas ó palleiro e galiñas ó galiñeiro”

*”Se en marzo canta a ra, en maio xa calará”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 10 de Decembro do 2014 | 8:01 p.m.