publicidade hoxe
Os relativos, interrogativos e exclamativos - Cabecera

Os relativos, interrogativos e exclamativos

Os tres comparten a maior parte das formas.

Os relativos

Os relativos fan referencia a un termo anterior, tamén chamado antecedente. Os relativos distínguense entre si polo seu significado xa que uns son substitutos de identidade sen trazos de significado propio e outros teñen trazos de significado específicos como pode ser de persoa, lugar, tempo, modo, cantidade… As súas formas son as seguintes:

Que

Quen

Cal / cales

Cuxo(s) / cuxa(s)

Canto(s) / canta(s)

Onde

Cando

Como

A forma “cal / cales” debe de ir sempre precedido de artigo.

A forma “canto” pode ir reforzada por “todo”.

Cómpre subliñar que xamais poderemos empregar a forma “*Quenes” senón que será obrigatoria e única a forma “Quen”, e se queremos empregar o plural recorreremos á forma “Que” precedida de artigo.

Exemplos:

O marmelo que mercaches non tiña azucre abondo…

Foi Xiana quen che trouxo o milfollas / foron elas as que che trouxeron a minestra

marmelo-O nevarío ao cal se referían tampouco fora tanto…

-A cativa cuxa nai era palilleira hoxe non pasara pola escola…

-Todo canto estudamos non nos valeu para nada…

-O orballo onde esvarara xa secara á media mañá…

-O día cando o avisou xa lle esquecera…

-A maneira como levaches a cabo ese exercicio nin me soa…

Os interrogativos

Son aquelas formas que serven para introducir unha pregunta directa ou indirecta (Quen o fixo? / pregúntome quen o faría?). As formas son as seguintes:

Que

Quen

Cal / cales

Canto(s) / canta(s)

Cando

Como

Onde

U

Cómpre lembrarmos que os signos de interrogación poden ir ao comezo da frase e ao final ou simplemente ao final.

Igual ca no relativo xamais se poderá empregar a forma “*quenes”; soamente “quen” e o vergo en 3ª persoa do singular, aínda que ao se tratar do verbo “ser” podería ir en plural (Quen son os que chegaron tarde?)

Tamén temos que salientar que o til é inexistente nas formas do interrogativo e soamente podería empregarse en frases interrogativas indirectas que presentasen máis dunha interpretación, algo demasiado rebuscado.

Exemplos:

Que finalidade ten a infusión con ourego?

Quen preguntaba polo ourive?

Cales pallozas visitastes?

Cantos níxaros trouxeches?

Cando lle quitaron a muíña á palla?

Como te mergullaches coa auga tan fría como estaba?

Onde che doen as maniotas?

U-la ferida da pálpebra?

Os exclamativos

Son aquelas formas que van introducir unha frase exclamativa. As formas son as seguintes:

Que

Quen

Canto(s) / canta(s)

Cando

Como

papaventos
ortiga

Igual ca nos interrogativos tempos que lembrar que o signo de exclamación pode ir ao comezo e ao final ou simplemente ao final.

O til é inexistente nas formas do exclamativo.

Exemplos:

Que desgraza máis grande! / Que me dis! / Que de manobras tivo que facer!

Quen me dese saber facer un papaventos!

Canto che me gusta ese biscoito!

Cando se viu semellante orquestra!

Como me doe ese proído das ortigas!

Fraseoloxía

*”Andar máis teso ca un morgado (andar moi teso/a, moi dereita/o)

*”Ser brando coma a manteiga” (que algo é moi brando)

*”Andar coma o can na corda” (que alguén anda moi dominado/a ou con disciplina)

*”Ser mouro/a coma o acibeche (ser unha persoa moi morena, case negra)

*”Ter a barriga coma un fol” (estar preñada)

*”Haber de todo coma en botica” (Ter moita variedade de produtos)

Refraneiro

*”Á porta da baiuca non vendas nin auga”

*”Amigo que non dá e coitelo que non corta, aínda que se perdan pouco importa”

*”Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de cana… máis perde do que gana”

*”Con castañas asadas e viño novo, xa non morre o pobo”

*”De novo adelgazar e de vello engordar, é sinal de malestar”

*”Na terra dos lobos ouvear coma todos”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 13 de Marzo do 2015 | 1:23 p.m.