publicidade hoxe
Sufixos e terminacións (III) - Cabecera

Sufixos e terminacións (III)

-ÁN / -Á e -ANO / -ANA

Naquelas palabras latinas terminadas en “-ANUM, -ANAM” que levan no noso idioma desde sempre (“populares” ou “patrimoniais”) teremos as terminacións -ÁN para o masculino e -Á para o feminino. No dominio lingüístico galego para o masculino tamén podemos atopar as terminacións -AO e incluso -Á (meu irmao, meu irmá) mais como normativo soamente se contempla -ÁN. A forma -AO aparecerá, como se verá máis adiante, en varios xentilicios.

Exemplos:

aldeán, -á; ancián, -á; artesán, -á; capitán, -á; chan, -á; cidadán, -á; cirurxián, -á; comarcán, -á; cortesán, -á; cotián, -á; cristián, -á; curmán, -á; ermitán, -á; escribán, -á; gardián, -á; gran, gra; irmán, -á; livián, -á; louzán, -á; marrán, -á; musulmán, -á; nugallán, -á; pagán, -á; rufián, -á; san, sa; sacristán, -á; sultán, -á; tecelán, -á; temperán, -á; temporán, -á; truán, -á; van, va; verán; vilán, -á…

Ademais este vai ser un sufixo moi empregado no galego para formarmos xentilicios.

Exemplos:

-afgán, -á; alemán, -á; castelán, -á; catalán, -á; coimbrán, -á.

E, sobre todo, aqueles xentilicios de poboacións galegas.

Exemplos:

-arousán, -á; bergantiñán, -á; compostelán, -á; ourensán, -á…

Como se dixo anteriormente, algúns xentilicios galegos adoptan a terminación -AO para o masculino.

Exemplos:

-arnoiao, burelao, dezao, lancarao, limiao, melidao…

Nas palabras de entrada máis recente, as chamadas “cultismos”, imos encontrar simplemente a terminación latina adaptada ao galego nas terminacións -ANO, -ANA.

Exemplos:

-africano, -ana; americano, -ana; asturiano, -ana; hispano, -ana; provinciano, -ana; semana; urbano, -ana…

-ÁN para o masculino e -ANA para o feminino

Soe aparecer esta terminación para palabras, substantivos e adxectivos, que teñen un carácter pexorativo e ademais porque a súa orixe etimolóxica non é a mesma ca no apartado “n”, algo que moitas das veces nos leva a facer o feminino en -Á erroneamente.

Exemplos:

-barrigán, -ana; burricán, -ana; cacholán, -ana; cangallán, -ana; carcamán, -ana; carneirán, -ana; charlatán, -ana; folgazán, -ana; lacazán, -ana; mentirán, -ana; pailán, -ana; paspán, -ana; testán, -ana…

-DE

aludeA terminación latina “vogal + TEM” dará en galego sempre a terminación -DE.

Exemplos:

alude, ataúde, céspede, hóspede, parede…

-DADE, -TADE

ataudeO sufixo latino “-TATEM” daranos en galego dúas terminacións diferentes dependendo de se vai tras unha vogal (-DADE) ou se vai despois dunha consoante (-TADE).

Exemplos:

-enfermidade, novidade, realidade…

-facultade, maxestade, vontade…

Con todo, temos que subliñar que debido á perda dunha vogal anterior a -DADE poidamos encontrar esta terminación despois dunha consoante.

Exemplos:

-bondade, crueldade, lealdade, verdade, virxindade, liberdade…

A modo de resume podemos concluír que en galego xamais atoparemos palabras rematadas en -D.

-ARÍA, -ERÍA

En galego debemos dar preferencia á terminación -ARÍA -derivada da xa latina -ARÍA-.

Exemplos:

-bruxaría, carpintaría, cervexaría, enfermaría, libraría…

Debido a que xa na época medieval tamén aparecía a terminación -ERÍA podemos considerala tamén normativa, aínda que, como antes se dixo, deberemos dar preferencia á primeira.

Con todo, hai no noso idioma algúns galicismos que teñen que rematar sempre en -ERÍA.

Exemplos:

-batería, galería, galantería, mercería.

Fraseoloxía:

peto*”Ter (un) peto á parte” (Ter separación de bens)

*”Ser calado coma un peto” (Ser unha persoa moi pouco faladora)

*”Ir ao nabo unha cousa” (Estragarse un proxecto)

*”Meter o fociño en algo” (Meterse en algo que non lle importa a alguén)

nabo*”Haber a carreiriña dun can” (Haber unha distancia curta)

*”Marchar nun saco e voltar nunha cesta” (Volver pobre ou sen acadar os obxectivos pretendidos)

Refraneiro:

funil-2*”A rei morto, rei posto”

*”Dichoso mes que empeza por Santos e remata por San Andrés”

*”En abril augas mil, pero que caiban todas por un funil

*”En marzo podar e cavar, se queres colleitar”

*”En xaneiro, media tulla e medio palleiro”

*”O amor, canto máis reñido máis querido”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 22 de Decembro do 2014 | 12:37 p.m.