publicidade hoxe
Sufixos e terminacións (I) - Cabecera

Sufixos e terminacións (I)

Nestes temas a seguir falaremos de diferentes sufixos ou terminacións de palabras que soen presentar certos problemas á hora de escribir, normalmente producido por mor do descoñecemento do momento de entrada da palabra no noso idioma xa que de se producir a súa entrada nos primeiros tempos do idioma ou en séculos posteriores ese sufixo vai sufrir diferentes evolucións. Trataremos de referirnos a estas evolucións da maneira máis práctica e polo tanto fuxindo de tecnicismos lingüísticos e filolóxicos dado que o importante é o seu correcto emprego na escrita.

-ANCIA, -ENCIA, -IENCIA, -UENCIA, -CIA, -CIO, -ZA e -ZO

Naquelas palabras de entrada máis recente veremos que as palabras que presentan estas terminacións coinciden co castelán e co portugués porque se manteñen sen alteración as terminacións -ancia, -encia, -iencia, -uencia, -cia e -cio.

Exemplos:

-infancia, abundancia, importancia…
-influencia, prudencia, vixencia…
-ciencia, suficiencia, paciencia…
-secuencia, delincuencia, afluencia…
-noticia, malicia, avaricia…
-artificio, negocio, silencio…

Pero hai unha serie de palabras que levan no noso idioma desde a súa conformación polo que teñen unha maior evolución e daquela achamos as terminación -zo e -za. Neste caso imos xa reseñar un maior número de exemplos especialmente daquelas palabras máis empregadas.

Exemplos:

cobiza, crenza, diferenza, doenza, graza, licenza, perseveranza, pertenza, preguiza, presenza, sentenza, xustiza… e tamén aquelas palabra derivadas das anteriores.

andazo, cansazo, espazo, prezo, servizo, terzo, xuízo… e tamén aquelas palabras derivadas das anteriores.

Polo que respecta á denominación do noso país, cómpre dicirmos que as dúas formas son perfectamente correctas polo que podemos empregar Galicia ou Galiza.

-CIÓN, -SIÓN

Nas palabras máis recentes mantéñense inalteradas.

Exemplos:

-acción, atención, educación…
-confesión, invasión, previsión…

Algunhas palabras que xa figuran no idioma desde as súas orixes presentan -ZÓN.

Exemplos:

-doazón, torzón, traizón…

-NTE

Esta terminación emprégase para formarmos adxectivos ou substantivos a partir dun verbo. Aqueles que se forman a partir dos verbos da 1ª conxugación (-AR) ou da 2ª (-ER) manteñen a vogal anterior inalterada.

Exemplos:

-cortante, secante, viaxante…
-excedente, valente, podente

Non que respecta a aquelas formadas a partir dos verbos en -IR (debido a que non todos proveñen da mesma conxugación latina), o resultado xa non é uniforme e podemos encontrar formas coa vogal anterior -E- ou -IE-.

Exemplos:

-producente, lucente, escribente, influente, afluente, vivente, supervivente…
-proveniente, nutriente, suficiente, sobresaliente…

Só uns poucos van presentar a vogal -I- antes da terminación.

Exemplos:

-contribuínte, seguinte, oínte, constituínte…

Dos verbos DURMIR e SERVIR rexistramos as formas dormente e servente.

-SE

oasisEstas palabras derivan do grego -SIS (terminación que se conservou en castelán) e son todas palabras con xénero feminino.

Exemplos:

-a análise, a crise, a parálise, a tese, a xénese…

Soamente temos como excepcións as palabras Oasis e Chasis.

-TE

Esta será a solución en galego para as palabras gregas rematadas en -TIS (terminación que se conserva no castelán) e tamén serán todas palabras do xénero feminino.

necropoleExemplos:

-a apendicite, a hepatite, a meninxite…

De forma semellante teremos que rematan por -E palabras como: acrópole, cute, epiderme, metrópole, necrópole, praxe, psique, sintaxe…

-BLE, -BEL

Calquera das dúas terminacións son perfectamente correctas no galego actual.

Exemplos:

-contable / contábel, sociable / sociábel…

Consonte ao anterior teremos que son correctas as dúas solucións seguintes: establecer ou estabelecer; restablecemento ou restabelecemento…

Tampouco temos que esquecer a formación do plural para as dúas solucións: amable > amables; amábel > amábeis…

Fraseoloxía:

rego*”Estar/ser áspero coma un coio” (que algo é ou esta moi áspero)

*”Ser agarrado coma os dentes dun angazo” (ser unha persoa moi miserenta)

*”Quedar coma un reloxo” (que algo quedou ben amañado, perfecto)

*”Traer ao rego a alguén” (conducir a alguén polo bo camiño, convencelo)

*”Caer os paxaros coa calor” (ir moita calor)

*”Andar ás minchas” (non facer nada)

artesaRefraneiro:

*”Con cans e gatos ten poucos tratos”

*”Dáme pan e chámame can”

*”Masa na artesa, pan na mesa”

*”Quen de novo non traballa, de vello dorme na palla”

poleiro*”O que se ergue cedo, ve o seu e mailo alleo”

*”Pito de xaneiro vai coa súa nai ó poleiro

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 4 de Decembro do 2014 | 12:13 p.m.