publicidade hoxe
As preposicións e locucións prepositivas - Cabecera

As preposicións e locucións prepositivas

Entendemos como preposicións aquelas palabras invariábeis que van funcionar como nexos entre frases, oracións… As preposicións máis frecuentes son aquelas que constan dunha soa palabra, polo que soemos denominalas como “preposicións” sen máis ou tamén “preposicións simples”. A estas haberá que lles engadir as chamadas “locucións prepositivas” ou tamén “preposicións compostas” dado que, funcionado coma as preposicións simples, están formadas por máis dunha palabra (“sobre”, “verbo de”; “excepto”, “fóra de”…).

Non debemos esquecer que, como se viu en temas anteriores, as principais preposicións galegas (a, de, con…) soen contraer con outros elementos (artigo, demostrativos, indefinidos…).

A principais preposicións e locucións prepositivas en galego son:

a

á beira de

a carón de

a causa de

a diferenza de

a forza de

a par de

á parte de

a pesar de

a poder de

a por de

a prol de

a rente(s) de

a respecto de

a son de

a través de

abaixo de

acerca de

ademais de

aga

agás

alén de

amais de

ante

antes de

ao / ó par de

ao / ó pé de

ao / ó redor de

após

aquén de

arredor de

arriba de

ata

até

atrás de

baixo

baixo de

bardante

bardante de

beira de

cabo

cabo de

canda

canto a

cara a

cas

cas de

cerca da

cima de

co gallo de

con

con respecto a

conforme (a)

consonte

contra

contra de

de

de par de

debaixo de

deica

dende

dentro de

derredor de

derriba de

des

desde

despois de

detrás de

diante de

durante

en

en canto a

en favor de

en fronte de

en lugar de

en par de

en troques de

en vez de

encima de

encol de

enriba de

entre

excepto

fóra

fóra de

fronte a

lonxe de

malia

mediante

menos

no canto de

onda

para

perante

por

por ante

por causa de

por cousa de

por culpa de

por medio de

por mor de

preto de

quintando

respecto a

respecto de

riba de

sacado

sacando

salvante

salvo

segundo

sen

senón

so

sobre

sobre de

tocante a

tras

tras de

verbo de

xunta

xunto a

xunto de

 

Exemplos:

avelaina
xirin-1
bocarte

A poder de (a por de) acurrar nas bestas, conseguiron xuntalas todas.

-Fixeron todo aquel traballo a prol de (en favor de) restaurar ben os alpendres

-Podaron aquela amendoeira a rentes do valo

-Fixeron aquela casiña a son dunha antiga parede

-Daquela exposición coñecían todos os apeiros agás (agá, excepto, bardante (de), salvo, salvante, sacado, sacando, fóra de) a sachadora

-Sentiamos o canto do xirín alén do arroio

-Teredes que botar as patacas aquén desa sebe

-Viñeran todas ata (até) aquela varanda para vermos os fogos

-Todas viñeran canda nós para fotografar as avelaíñas

-Foramos cas (de) Henrique para irmos xuntos á festa

Co gallo daquela foliada, xuntaramos grupos musicais abondos

-Fixeramos todos os exercicios consonte (conforme, segundo) nos mandara a nova mestra

-Víase perfectamente o pradairo aquel dende (desde, des) a fiestra do noso cuarto

-Plantaron na eira un ulmeiro en troques de plantar unha abeleira

-Hoxe asistimos a unha conferencia que versaba encol da (verbo de) bixutaría

Malia que insistiron abondo, non agardamos polos bocartes

-Aínda non viñeron onda min para amañar a cabezalla do carro

-Tiveron que testemuñar perante (ante) o xuíz do que fixeran cos estadullos aquela noite

Por mor das (por causa de, por cousa de, por culpa de) obras tivemos que nos pór na ringleira dos coches e agardar

-Os cágados estaban so (debaixo de, baixo de) os brizos da poza

Fraseoloxía:

*”Madrugar coma un cuco” (erguerse tarde)

*”Ser escorregadizo coma unha anguía” (ser unha persoa moi habilidosa)

*”Caer coma unha mosca na sopa” (ser unha persoa moi inoportuna)

*”Ir facendo boca” (ir tomando un aperitivo antes de comer)

*”Ser coma un lóstrego” (ser unha persoa moi rápida)

*”Andar coma un sapo pola cinza” (ser unha persoa moi torpe)

Refraneiro:

*“A auga a correr, os cans a ladrar e a xente a falar, non se poden privar”

*”O que gusta ao dente non se lle dá ao parente”

*”O home que non vale para nada é o único que serve para todo”

*”Lebre espantada non para mentres cheire a espingarda

*”A vida non é como empeza senón como acaba”

*”A vella, de escarmentada, pasa o río remangada”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 29 de Abril do 2015 | 11:44 a.m.