publicidade hoxe
O verbo (III) - Cabecera

O verbo (III)

Verbos con alternancias vocálicas na raíz

Neste apartado veremos unha serie de alternancias vocálicas nalgunhas persoas do presente de indicativo e tamén no presente de subxuntivo. Ao se produciren estas alternancias nestes dous tempos, dos máis regulares dos paradigmas verbais, non soen considerarse como verbos irregulares, dado que nos demais tempos son totalmente regulares; por isto os encontraremos con diferentes denominacións como ás veces “verbos semirregulares”… As alternancias, como veremos a seguir, non sempre son gráficas xa que ás veces simplemente son variacións fonéticas.

Verbos en -ER

Estes verbos que leven “e” (beb-er, conced-er…) ou “o” (com-er…) como última vogal da raíz soen presentar unha alternancia simplemente fonética, presentando un “e” aberto (/ε/) ou un “o” aberto (/כ/) nas 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª do plural do presente de indicativo.

 

CONCEDER

COMER

Presente de Indicativo

conced-o (/e/)

conced-es (/ε/)

conced-e (/ε/)

conced-emos

conced-edes

conced-en (/ε/)

com-o (/ο/)

com-es (/כ/)

com-e (/כ/)

com-emos

com-edes

com-en (/כ/)

Con todo, tamén existen verbos deste tipo que, por razóns de evolución histórica, tamén presentan “o” aberto e “e” aberto na primeira persoa do singular do mesmo tempo (querer, quecer… poder…)

Exemplos:

-Podo os repinaldos cando podo e non cando quero.

-Sempre que poden, beben un bo godello.

Verbos en -IR

A maior parte dos verbos da terceira conxugación van manter inalterada a última vogal da raíz en toda a súa conxugación. Isto sempre ocorrerá cando esta última vogal é “a” ou “i” (partir, invadir… vivir, dividir…)

Verbos en -IR que presentan “e” como última vogal da raíz

Estes verbos van presentar dous tipos de alternancia vocálica. Por un lado haberá unha serie deles que van trocar o “e” por un “i” soamente nas 1ª, 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª do plural do presente de indicativo e en todo o presente de subxuntivo, así como na correspondente forma do imperativo (pedir, competir, espir, vestir…)

ESP-IR

Presente de indicativo

Presente de subxuntivo

Imperativo

ispo

ispes

ispe

espimos

espides

ispen

ispa

ispas

ispa

ispamos

ispades

ispan

 

ispe

 

 

espide

alfinetesExemplos:

-Cando ispas ao rapaz non esquezas de antes mirar se lle quedan algúns alfinetes dos que usan para ganduxar a roupa.

-A nena ispe a boneca con moito aloumiño

Por outro lado vai haber cinco verbos (servir, seguir, sentir, mentir e ferir así coma os seus derivados e compostos) que van trocar o “e” por “i” na primeira persoa do presente de indicativo, en todo o presente de subxuntivo e na correspondente forma do imperativo; e levarán un “e” aberto (/ε/) nas 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª do plural do presente de indicativo.

SENT-IR

Presente de indicativo

Presente de subxuntivo

Imperativo

sinto

sentes

sente

sentimos

sentides

senten

sinta

sintas

sinta

sintamos

sintades

sintan

 

sinte

 

 

sentide

androllaExemplos:

-Ela mente descaradamente cando di que non sabe o que é unha androlla.

-Din que senten demasiado balbordo co parladoiro que hai no quinteiro

Verbos en -IR que presentan “u” como última vogal da raíz

A maior parte destes verbos soen manter inalterado o “u” ao longo de toda a conxugación (discutir, diminuír, fluír, rustrir, tupir, unxir, urxir, zurcir…).

Pero, por outra banda, hai unha serie destes verbos, menos numerosa, que trocan o “u” por un “o” aberto nas 2ª e 3ª persoas do singular e na 3ª do plural do presente de indicativo, nada máis.

DURM-IR

Presente de indicativo

Presente de subxuntivo

Imperativo

durmo

dormes

dorme

durmimos

durmides

dormen

durma

durmas

durma

durmamos

durmades

durman

 

durme

 

 

durmide

De igual maneira ca este verbo conxúganse: acudir, bulir (rebulir), cubrir (e derivados), cumprir (só co significado de “ser necesario” e non co significado de “completar”), cuspir, engulir, fundir (co significado de “render” e non co significado de “derreter”), fuxir, lucir (e derivados), mulir, muxir, pulir, ruxir, sacudir, subir, sufrir, sumir (e derivados), tusir, ulir, urdir, xunguir, xurdir.

Exemplos:

-Sempre que acoden á romaría mercan algunha peza de ourivaría.

-Sofre demasiado cando ve como moxen ás vacas.

-Por que sempre toses cada vez que che fan ñáñaras?…

Fraseoloxía

*”Ter máis antollos ca unha preñada” (ser unha persoa moi antolladiza)

*”Ser coma unha gaita sen fol” (ser unha persoa demasiado inútil ou algo sen valor)

*”Ter un corazón coma unha seda” (ser unha persoa moi boa, moi humilde…)

*”Correr as noticias coma a pólvora” (que algo circula de boca en boca axiña)

*”Andar coma pisando ovos” (andar moi lento/-a ou con moito tino)

*”Arrenegar coma do demo” (rexeitar algo con decisión)

Refraneiro

cuco*”Lúa nova traxada, trinta días de mollada”

*”Das cereixas aos nabos todos son afagos; ai!,dos nabos ás cereixas todas son queixas”

*”Fai o que o crego dixese e non o que el fixese”

*”Se non viches o cuco a mediados de abril, ou morreu o cuco ou quere chegar o fin”

*”A auga en outono, nin lle corre ao xornaleiro nin ao seu dono”

*”Amigo que non dá e coitelo que non corta, que se perdan pouco importa”.

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 6 de Abril do 2015 | 11:01 a.m.