publicidade hoxe
O uso de Guión, Diérese e Apóstrofo - Cabecera

O uso de Guión, Diérese e Apóstrofo

O GUIÓN (-):

abruneiroEn galego empregamos o guión para partir unha palabra ao final dunha liña, para separar os membros dunha palabra composta e para o emprego do alomorfo do artigo (-lo, -la, -los, -las).

Cando empreguemos o guión para partir unha palabra ao final dunha liña sempre debemos observar as seguintes condicións: non separar unha sílaba, non separar un dígrafo e tamén se debe evitar deixar unha sílaba formada por unha soa vogal ao final da liña ou ao comezo da seguinte.

araoExemplos:

-acedume (ace-du-me)
-abruñeiro (abru-ñei-ro)
-amalló (ama-lló)
-arao (arao)

Con todo, teremos que ter en conta que cando o corte ao final de liña xa coincide coa existencia dun guión, teremos que volver a colocar o guión ao comezo da sílaba seguinte.

Exemplos:

-vocabulario galego-
-castelán

-vou pilla-
-lo can.

Polo que respecta ao guión empregado para separar os membros dunha palabra composta, cómpre dicirmos que non sempre as palabras compostas comportan o uso de guión.

Exemplos:

vichelocrego-vichelocrego, sapoconcho, vagalume, pata de cabra…

Pero terán que levar guión as palabras que levan como primeiro elemento o adverbio “non”, o grupo de dúas palabras aínda non fixadas na lingua, algunhas palabras complexas e algúns estranxeirismos.

Exemplos:

sapoconcho-zona de non-fumadores, asemblea pola non-proliferación de armas nucleares…
-política socio-econónica, falantes galego-portugueses…
-choivas no nor-noroeste
-estaban a facer strip-tease

Finalmente, o emprego do guión nos alomorfos do artigo (algo que se verá no tema do artigo), dicirmos que soamente é obrigatorio o uso do guión tras o adverbio de lugar “U”. Noutros casos é optativo empregar o alomorfo e non en todos os casos levaría guión.

pata-de-cabraExemplos:

-u-lo libro de Lingua Galega?
-trouxéronno-los libros daquela libraría.
-non tódolos rapaces fixeran os deberes.

A DIÉRESE (¨):

Empregaremos a diérese coa letra “u” para indicarmos que esta vogal se pronuncia nas sílabas “güe” e “güi”.

Exemplos:

-ungüento, bilingüísmo…

Usarase a diérese coa letra “i” nas primeira e segunda persoas do plural do pretérito imperfecto de indicativo dos verbos rematados en -aer, -oer, -aír e -oír, polo que diferenciamos estas persoas das mesmas do presente de subxuntivo destes verbos.

Exemplos:

-caïamos, caïades, roïamos, roïades, saïamos, saïades, oïamos, oïades…

Isto implica que o “i”, a pesar de ser átono, forma sílaba por si mesmo. (ca-ï-a-mos).

Daquela tamén os pretéritos imperfectos de indicativo dos verbos rematados en -uír levarán a diérese no “i”.

Exemplos:

-incluïamos, incluïades…

O APÓSTROFO (´):

En galego non se soe empregar o apóstrofo. Poderá empregarse na transcrición de formas dialectais ou coloquiais ou tamén nos títulos de obras literarias que comecen por artigo e que antes vaian as preposicións “en” ou “de”.

Exemplos:

-n’é verdade, d’el rei…
-esa palabra aparece escrita n’Os Eoas de Pondal.

Fraseoloxía:

buxos*”Estar san coma un buxo” (Estar san)

*”Estralar unha castaña nos dentes” (Levar unha decepción)

*”Estar doce coma o mel” (Que algo está moi doce)

*”Ser retorcido coma unha verga” (Ser unha persoa moi rebelde, maniática…)

*”Meterse en debulladas” (Meterse en conflitos)

*”Comer coma un cura” (Comer abondo)

Refraneiro:

*”Despois de abril a auga vén tras do tamboril

*”Deus fixo a auga, o home o viño; respectemos a auga e bebamos o viño”

*”Marzo marzal, o que non comezou ben, remata mal”

*”Ó chegar o San Martiño, xa se pode beber o viño”

*”O que moito tapa, moito descubre”

*”Poda curto e ara fondo, terás viño e pan abondo”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 25 de Novembro do 2014 | 1:17 p.m.