publicidade hoxe
Apoloxía do Arterrorismo - Cabecera

Apoloxía do Arterrorismo

Poetarra

Hai dúas fins de semana, Carballo deixouse invadir polas webseries. Celebrábase o Carballo Interplay, un festival pioneiro en España que concedeu a importancia que se merecen estas producións, case sempre de baixo orzamento, que se multiplican aproveitando Internet. Antes de nada, un BRAVO (si, así, maiúsculo) por eles, por apostar por este festival. Agardemos que volva para o ano!

O CIP repartiu sete premios. A catalá “Les coses grans” levou o de imaxe real, o do público e o de mellor actriz para Mar Ulldemolins. A outra gran triunfadora foi “Entre Pipas” (da que xa falamos co gallo dos Mestre Mateo, recordades?), que acumulou o de mellor actor para o seu dueto protagonista (os grandiosos Xulio Abonjo e Luis Zahera) e o de mellor guión.

PoetarraPero hoxe toca falar de “Poetarras”, a mellor webserie feita en galego segundo o Interplay e, para min, un proxecto máis que interesante. Cun formato no que cada episodio é un sketche que rolda os 3 minutos, este “colectivo arterrorístico” ri de todo e de todos. Incluso deles mesmos; sobre todo, das personaxes que recrean. Aínda non me recuperei da impresión que me causou o episodio no que parodian ese medo que collemos na infancia a morrer dun corte de dixestión (Capítulo “Suicidio”). En fin, que non deixan títere con cabeza.

Manuel Gago, Rubén Lino e Daniel Vilaverde son as cabeciñas pensantes, os poetarras que están detrás desta webserie. Detrás e diante. Porque eles escriben, actúan, montan… Pero conseguen un resultado que xa lles gustaría a moitos que si que contan con recursos. Cada pílula de “Poetarras” asegura ao que o ve un rato estupendo. Ademais, se pos varios episodios seguidos poderes saltar dende un sketch que aborda o conflito da diglosia en Galicia ata un no que un rapaz deixa á súa moza polos Simpson. Así de variado.

Mención aparte merecen os dous episodios musicais. Enorme “Te quiero más, pero te quiero menos”, un canto á crueza do amor real, descarnado, sen filtros que o esaxeren e o fagan perfecto, cunha peza que mestura diferentes estilos musicais cos tres “Poetarras” encargados das voces e os instrumentos. Pero, se este é enorme, o dedicado a “Lady Di” é tremendo. Non me podo quitar da cabeza ese poema sobre a princesa do pobo (Belén Esteban non, Diana de Gales) interpretado sobre a melodía de “Let it Be”, de The Beatles. Non ten desperdicio.

E non sei que máis contarvos. Só me resta animarvos a que lles deades unha oportunidade, que é un proxecto que de verdade paga a pena. Se non, preguntade ao xulgado do Carballo Interplay.

Aquí tendes a súa canle de Youtube: https://www.youtube.com/user/resistenciapoetarra

Poetarra

Por: Alba García Vázquez
Publicado o 8 de Maio do 2014 | 10:44 a.m.