publicidade hoxe
Adverbios e locucións adverbiais - Cabecera

Adverbios e locucións adverbiais

O adverbio será aquela clase de palabras invariábeis que funcionan como núcleo dun sintagma adverbial ou como complemento circunstancial dun verbo.

Canto á forma, podemos encontrar adverbios simples, ben formados cunha soa raíz (sempre, tarde, lonxe…) ou máis dunha raíz, pero sen separación (outrora, pasadomañá…). Cando nestes últimos encontramos un adverbio onde as diferentes palabras van separadas daquela falaremos de locucións adverbiais (de seguida, de vagar…)

Clases

A clasificación dos adverbios vén obedecendo a criterios de significado e non da función sintáctica que desempeñan.

Adverbios de lugar

Serán aqueles que indiquen unha localización ou posición no espazo.

Formas:

á beira

a carón

a contramán / a desmán

a rente(s)

abaixo

acá / acó / aquí

acolá

adiante

alá / aló / alí

alén

algures

ao / ó lado

ao / ó pé

ao / ó redor

aquén

arredor

arriba

atrás

avante

cerca

debaixo

dentro

derredor

derriba

detrás

diante

embaixo

en fronte

encima

enriba

fóra

lonxe

ningures

onde

preto

u?

velaí

velaquí

xalundes

Exemplos:

-Pásame o alzadeiro que me queda a contramán (a desmán)

-Non che vin a lámpada por ningures

-U-lo lapis? Pois alén

-Pois a lombriga debe de andar por xalundes

Adverbios de tempo

Son aqueles que indican unha localización temporal.

Formas:

a cada canto

a cada pouco

a deshora

a destempo

a diario

a miúdo

a tempo

acotío

agora

aínda

antano

antes

antes de

antonte

ao / ó outro día

ao(s) / ó(s) pouco(s)

ao / ó raro

arestora

arreo

ás veces

asemade

atrás

axiña

cando

cedo

cerca

daquela

de alí a pouco

de aquí a pouco

de camiño

de cando en cando

de cando en vez

de momento

de raro en raro

de tempo en tempo

de vez en cando

decontado

decontino

decote

decotío

deica (un) pouco

deseguida

deseguido

despois

detrás

diante

en diante

en tempo

endexamais

endoutro día

enseguida

entón

entrementres

hogano

hoxe

hoxe en día

inda

logo

mañá

mentres

namentres

noutrora

nunca

o outro antonte

onte

outrora

para o outro día

pasadomañá

por veces

pouco a pouco

pouco e pouco

preto

pronto

seguido

sempre

tarde

trasantonte

xa

xacando

xamais

Exemplos:

moucho-Antano ninguén se preocupaba da conservación das mámoas

-Non iremos pescar arestora porque aínda hai boa marusía

-A verdade é que os mouchos vense de raro en raro

-Hogano estudaremos a medula dos ósos

-Xacando (daquela) ninguén empregaba o olfacto para a cata dos viños

Adverbios de cantidade e de precisión

Son aqueles complementos que indican unha cantidade, pero teremos que ter coidado para non confundilos cos cuantificadores e daquela sempre cumprirá termos en conta que o adverbio é invariábel, aínda que en determinados contextos poidamos ter dúbidas. Vexamos como exemplo: “teño cartos abondo” (aquí vemos que “abondo” non concerta con “cartos” polo que se trata dun adverbio en oposición a “teño cartos abondos”. O problema xurdiría se o substantivo estiver en singular.

Formas:

a medias

abondo

algo

apenas

bastante

ben

canto

case

casemente

dabondo

de máis

de menos

de sobra

de todo

demasiado

logo

máis

malamente

medio

menos

mesmamente

mesmo

moi

moito

nada

por aí

pouco

soamente

talmente

tan

tanto

xustamente

xusto

   

Exemplos:

-Aquel orizó érache ben (moi) molesto

-Naquela institución había mordomos dabondo

-Era xustamente aquela mouteira a que estaba mal delimitada

Adverbios de modo

Son aqueles que precisan a modalidade con respecto ao elemento do que dependen. Temos que dicir que moitos adxectivos en feminino rematados pola terminación -MENTE van funcionar como adverbios de modo (malamente, doadamente…). O mesmo ocorrerá con determinados adxectivos que na súa forma masculina van funcionar tamén como adverbios de modo (falar alto…)

Formas:

a correr

a dereitas

a eito

a escape

a feito

á fin

á mantenta

á(s) présa(s)

a propósito

a treo

adrede

amodo

ao / ó cabo

ao / ó chou

ao / ó dereito

ao / ó fin

ao / ó xeito

ás toas

asemade

así

ben

como

de / en balde

de face

de golpe

de pronto

de propósito

de repente

de socate

de socato

de súpeto

devagar

engorde

gratis

mal

mellor

paseniño

peor

secasí  

Exemplos:

pardela-Metéronse no medio das muxicas á mantenta (adrede, a propósito)

-Botaron as saias novas do ano anterior a treo

-Indicaron a figura da pardela ao chou

-A verdade é que montaron a parrumeira ás toas

-Fixeron as partillas asemade que intentaban mercar outras leiras

-De socato (de socate, de súpeto, de repente…) decatáronse de que o monllo non estaba ben atado

-Avisáronnos que cumpría adubar a carne engorde (devagar, paseniño, amodo…)

-Non sabían como facelo e daquela empaquetaron o agasallo secasí

Adverbios de afirmación

Son aqueles que empregamos para salientar unha afirmación.

Formas:

abofé

de certo

tamén

así mesmo

si

xaora    

Exemplos:

-Abofé que xamais entendín de onde saíra aquel alcume

-Fixestes o que vos mandaron? Xaora que o fixemos

Adverbios de negación

Serán aqueles cos que salientemos unha negación.

Formas:

nin

non xa

tampouco

non

sequera

     

Exemplo:

-Non xa, abofé que non sei por que te alporizas

Adverbios de dúbida

Aqueles que empregamos para indicarmos ou formularmos unha dúbida.

Formas:

acaso

ao / ó mellor

disque

poida que

quizabes

quizais

se cadra

se callar

seica

talvez

   

Exemplo:

-Quizabes (se callar, quizais…) a masa non amoleceu  porque lle faltou tempo tras amasala

Fraseoloxía:

*”Buscar unha agulla nun palleiro” (intentar facer algo case imposíbel)

*”Non andar nin desandar / non atar nin desatar” (ser unha persoa bastante indecisa, non decidirse…)

*”Pasou o día e pasou a romaría” (perder unha oportunidade)

*”Acabar a muxidura” (acabar de sacar proveito de algo ou de alguén)

*”Estar engurrado/-a coma unha uva pasa” (ter engurras, ir vello ou vella)

*”Andar coma as limachas (ter catarro, ter mocos)

Refraneiro:

*”Cando o moucho canta de día, auga para o outro día”

*”Galiña que cacarexa, ou ovo pon ou algo venta

*”Nin parir sen tempo nin limpar sen vento”

*”O viño lava os dentes, alegra os ollos e sana o ventre”

*”Onde non se perde algo todo é miseria”

*”Segundo sexa o burro así terá que ser a albarda”

 logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 8 de Maio do 2015 | 11:23 a.m.