publicidade hoxe
Salgueiro na procura de regueiro - Cabecera

Salgueiro na procura de regueiro

A riqueza acuosa de Galicia non admite discusión. Mananciais con son, entoan a canción multitudinaria dunha terra que posúe un numeroso e bulicioso caudal acuoso, co seu propio sistema de circulación interior.

No exterior, os percorridos fluviais atraen e recompensan case sempre as expectativas máis esixentes, en calquera das súas manifestacións. Este país dos mil ríos supera con xenerosidade este número se falamos deses espectáculos e manifestacións espontáneas; caldeiras, cadoiros, chusmiallos, remuíños, remansos,… dos que podemos gozar en calquera río ou regato.  

Preto deste inmenso deambular cantareiro unha explosión de vitalicia felicidade, incontable a diversidade de especies que procuran o feitizo das augas, mais este sortilexio é realmente eficaz no caso do salgueiro. Esta árbore sempre está presente, acompañando o paseo no remanso silandeiro e, tamén o brinco tumultuoso bulicioso, de todo caudal acuoso. 

A súa necesidade de auga fai do salgueiro un decorado común e abondoso nas brañas, brexas e terreos húmidos. No entanto, o seu hábitat común é permanecer perfectamente ordenados custodiando ríos e regatos. A súa imperiosa necesidade de auga é un feito constatado na súa sedenta e insaciable denominación hídrica, con adicción e talante hidrófilo. 

Para o ser humano non lle pasan desapercibidas estas características e necesidades do salgueiro, para o home sempre foi unha árbore moi útil en diferentes ámbitos, por iso, para a xente que vive cun apego especial á terra é moi prezada e non desaproveita ningunha das súas potencialidades.

A procura desesperada de auga sempre foi o grande reto dos seres vivos, moitas veces esa auga escondida que é necesario sacar do seu agocho con artimañas de todo calibre. Porén, non todos son afortunados nese rol de conquistar aquilo que se esvaece facilmente e sempre encontra saída por calquera recuncho. 

Disque só uns cantos afortunados, grandes privilexiados teñen o incomprensible don de ser unha prolongación do iluminado caxato de salgueiro.

A cuestión é simple, ese caxato e un home con poderes identifican calquera desprazamento de auga subterránea. Estamos ante un importante avance da máis avanzada tecnoloxía, encontrar o manancial. Ese maná para manar, co que os nosos devanceiros e o caxato de salgueiro veñen tendo unha comunicación fluída dende tempos esquecidos.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 22 de Outubro do 2015 | 10:29 a.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -