Como dis?
Disque son antepasados remotos que seguen entre nós para conservar o seu patrimonio; antas, castros, castelos, fontes …
Na terra a cor, calquera colorido reclama atención. As diferentes tonalidades na codia terrestre é un atractivo engadido, mesmo en algúns casos provoca un afán desmedido de acaparar un anaco dese encanto vistoso e normalmente escaso.
Tampouco estraña a debilidade por eses lugares encantados que o home venera e admira intrigado. Provistos dese don feiticeiro hai varios enclaves en Galicia, fundamentalmente aqueles relacionados coas mouras e os mouros.
As mouras e mouros galaicos son unha especie absolutamente especial e única, as versións sobre a súa existencia e coñecemento real semella como mínimo moi escasa e difusamente documentada. Así é que unha moura pode ser aquilo, aqueloutro ou ese aquelar que cada mente fixe como referencia válida.
Polo tanto, difícil non convivir con estes afortunados seres e tamén coas súas peculiaridades, moi numerosas, e representativas dun pobo que voa, navega e camiña sempre ao unísono. Mesmo é complicado saber cando chegamos ou marchamos, por iso sempre resulta moi complexo coñecer dos noso desprazamentos e avatares.
No entanto, aqueles iluminados pola fortuna, rematan sendo auténticos privilexiados, gozando dunha natureza colectiva que en moitas zonas da paisaxe galega se reencarna de mourería.
De banda a banda e de extremo a extremo, visitamos aras míticas que nos comunican e amosan ese mundo co que tanta familiaridade temos.
Porén, no polo oposto, pouco afortunados deben considerarse todos aqueles que non coñecen tan emblemáticos e senlleiros lugares.
Cova dos mouros, unha viaxe a un mundo interior, sempre con licenza de ida, mais sen pasaxe para o regreso.
Poza da moura, espectral engado onde a consciencia minimizase ata desaparecer totalmente esvaecéndose nas néboas.
Pena de mouros, clama atención tantas reunións, celebracións e actuacións colectivas moi significativas.
Cántara da moura, o único recipiente desta índole que xamais se esnaquizou nin posiblemente o faga no futuro.
Torre dos mouros, a vixía perfecta, o lugar onde todo é visualizado e analizado polo miúdo.
Estamos pois ante un pobo de cultura moi específica, enigmático, mais sempre achega claridade e recolle todo aquilo que non ten explicación, ou tamén iso que permanece oculto e pode vivir en calquera sitio.
Voa, navega e camiña polas efémeras sendas das mouras e mouros. A experiencia que podes vivir, de seguro non ten comparanza.