Carballeira Cantaruxeira
Estoicamente soporta as abatidas atmosféricas que de cando en vez colaboran co xordo e implacable velocidade do tempo, un tempo que na actualidade viaxa ansioso e desesperado cunha velocidade exponencial de máxima rigorosidade.
Mais esta carballeira de árbores centenarias segue cantando por si mesma ao tempo, aquí neste auditorio os sons de calquera estilo e natureza son ben acollidos, nesta paraxe adquiren a personalidade dunha caixa de resonancia cuns acordes que perduran e, se manteñen intactos nun maxín privilexiado, un lugar de soños feitos realidade mentres seguen latexando con intensidade.
Tonalidade de agudos que se combinan nunha sucesión de graves, sempre a carballeira está interpretando nun ronsel de gran sonoridade. O vento goza neste lugar con variado instrumental; follas e ramas, landras e polas secas, escuridade e claridade tamén interpretan a silenciosa melodía das sombras.
No entanto, os carballos deste enclave son auténticos polígamos fónicos, enclave preferido das burlescas e profundas interpretacións nocturnas dos mouchos, tamén acomodaron na máis plácida naturalidade aqueles amenceres da feira do 26, tristemente desaparecida, onde os sons de todo tipo de animais eran prezados por tan gran megáfono. Grande esforzo para a cantaruxeira carballeira lograr un caos sonoro en perfección.
Carnavais, romarías e festas da parroquia de Lestedo tiñan acollida solemne na carballeira, hoxe estes carballos continúan sendo o gran referente dunha comunidade que palpita ao ritmo acompasado que interpreta a súa cantareira.
Mais esta vella e senlleira carballeira non sofre padecementos nin malestar por tantas versións e orixinalidade. Gustosa acolle dende hai tres anos o serán Sons do Ilicinio, onde varias agrupacións de música tradicional fan o último sábado de maio as ledicias da carballeira e de todos os asistentes.
No pórtico do fusco-lusco, comezan as doces voces dos meniños e meniñas no seu Seransiño, variado instrumental e lembranzas de pezas que se esquecen no desacougo do tempo.
Co apardazado na bóveda, mentres o resplandor solleiro brinca ás agachadas, comeza o tempo das agrupacións máis veteranas, este sábado poderemos gozar co bo facer de oito grandes grupos. Na carballeira de Lestedo van estar; A Requinta de Xián, O Ghusto do Boi, Muxicas da Silveira, Cantigas e Agarimos, Son de Gaita, Estralampo, Pandereteiras de Codeso e Recobio.