Mes Castelao
É no intre en que a terra, pra se durmir, vaille virando as costas á luz e o fume das tellas, mesto e leitoso, vaise esparexando no fondo do val. Non é cousa de outro mundo pintar o que ven os ollos, que serán comestos polos vermes; pero na paisaxe hai máis cousas que fitar…
Observar, cavilar e identificar a imaxinación creativa cunha realidade propia, de seu, unha causa sentida profundamente.
Mais relacionarse coa paisaxe, mergullarse nun universo natural que acolle un incontable número de estímulos e acontecementos, significa capacidade ilimitada de empatía co medio.
Xaneiro é tempo de adormecer e amorriñar, porén un ollo sempre permanece ao axexo, escrutando o próximo espertar dunha natureza sempre latente e receptiva aos ciclos vitais.
Mais ese espertador á espreita e a natureza de Galicia, lograron confabulación co setestrelo máxico que alumea nesta contorna, para traer e levar neste adormecido mes ao referente máis sólido desta terra.
O neno Daniel, quixo arribar a este Aquén cunha ondada teimuda, que nos derradeiros días de xaneiro porfiaba co seu forte avalar conquistar a ribeira de Rianxo.
Quince escasos lustros, despois de ingratos e crueis acontecementos, Castelao despídese na outra ourela atlántica, no Alén, mentres en Galicia o devalo cincento dese sete de xaneiro deixa pegada inmorredoira.
Amante e defensor coma ninguén dunha realidade natural, Castelao amosou ao mundo unha terra esplendorosa e fermosa. Mais, o vate rianxeiro, sempre denunciou o asoballamento e inxustizas das que Galicia e o seu medio natural é doente permanente.
Normalmente xélido, ventoso e chuvioso, o mes de xaneiro é dende o pasamento de Castelao, unha época de homenaxes e recoñecementos para o debuxante, escritor e político dunha causa, defensa e dignidade de Galicia.
Escenas tinxidas de brancas amañecidas, raras anoitecidas coa brincadeira no solpor, noite de luar inmerso nunha coral estelar,…
Por iso, este polifacético e relevante persoeiro, decatouse e afirmou sen dúbida que; hai máis fermosura nas floriñas dos campos que nas flores do xardín.
Contundente, asegura que esas floriñas ventureiras, que nacen libremente nos campos son a súa razón para ser un ventureiro das letras.
Asubiando marchou xaneiro, mais Castelao e a súa obra seguen con todos nós por sempre, a súa causa tamén permanece presente nese mundo natural que non esquece.
Porén, a diversidade humana é moi retorcida, pois a paisaxe que visualiza un ser humano dos ollos para fóra, normalmente é o reflexo do que agocha, de ollos para dentro.