publicidade hoxe
Dende Frouxeira a Ortegal - Cabecera

Dende Frouxeira a Ortegal

Un inmenso retablo que combina estilos insospeitados e abraiantes, o seu percorrido é un excelente exercicio de inmersión nun relicario sen par. Aquí os sentidos do ser humano gozan con intensidade, mais inmersos en contrastes de tanta fermosura, que xorde a sensación do insignificante que podemos ser.

Paradoxal tanta diferenza entre unha dualidade inseparable, home e natureza, unha realidade que nesta paraxe adquire máxima relevancia.

Estamos ante un museo natural, esculpido coa crueza dos elementos que o visitan habitualmente, está sempre aberto para recibir e transmitir sensacións arcaicas, primitivas, místicas,…

Ventear e ollar dende a punta Torroiba e punta Robaliceira, impresionante o movemento de diminutos materiais nos cantís que desesperadamente procuran estabilidade sobre unhas ondas de constancia inestable. Santo André rematará os seus días fondeado entre as laxes oceánicas.

Moitos son os romeiros que ante o perigo de desaparición do seu gran referente, van construíndo convulsivamente incontables milladoiros pola contorna do hospitalario e acolledor santo.

Pinga gorda, mais o sacrificio ben compensa por inspirar o ar no cruceiro de Teixidelo, a inmensidade absorbe unha ollada que reclama continuar ata acadar o cumio da Capelada.

Estamos en esforzada subida, despois de gozar do miradoiro dos Cadrís e baixar ata santo André, dende aquí ata os cantís de Herbeira dous moradores ou anfitrións habituais, as rochas ultrabásicas serpentinizadas e as nubes borraxeiras algodonosas, estas últimas loitan sen tregua fronte os suores esforzados do ascenso.  

No alto a visión é nula, mais o contraste de sons é un fiable indicio de que estamos acompañados. Aquí, aloumiñando as nubes na garita da Herbeira, un é consciente do insignificante e irrelevante que pode ser. No entanto, debemos cavilar e acougar, unha auténtica fantasía deixarse levar polo magnetismo desta zona.

Un longo treito de orografía cabuxeira hai que percorrer ata acadar o miradoiro do Limo, a vila de Cariño dende esta ollada é unha auténtica quimera.

Xa os aguillóns están preto, a chamada do cabo Ortegal induce a seguir con ansiedade a senda, toda esta paraxe en exclusiva, abraia e logra desterrar a intemperanza.

Apampado e xamais saturado dunha visión tan exclusiva, a un e outro lado do maxestoso escenario aparecen impasibles senlleiras estrelas sempre en escena.

Illote de Aguillóns, illas Malveira e Gabeira, Bañóns de Soutullo, cova das Figueiras… unha constelación esculpida sobre ese retablo de inmensos contrastes e variados estilos que delimitan a Frouxeira e Ortegal.

 

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 7 de Abril do 2015 | 1:16 p.m.