publicidade hoxe
Balada saudadosa - Cabecera

Balada saudadosa

Estamos ante un sentimento en propiedade e único, profundo e complicado de entender, para todos aqueles que son alleos a esta terra, territorio cunha impregnación intensamente morriñenta.

Estas datas de Nadal son moi axeitadas para rememorar o pasado e por suposto, tamén ollar e tentar escudriñar no futuro, mais no meu caso, sempre regreso a un soño instigador que me sitúa nunha infancia moi afastada.

Non me considero un nostálxico, mais coa andaina incansable dos anos, observo con serenidade como cada vez estou máis unido e identificado con aquel neno que por esta época pisaba as follas da manta caduca, espolaba as espidas ramas e mesmo collía no mulime. 

Todo era traballo, escuridade e frío, tamén brincar a recoñecer o millangarrido, merlo, reiseñor, xílgaros, carriciños, chincheiros, xiríns, pimpíns ou paporroibos  e,  pola noitebra o arrolo das lapas na lareira con aqueles contos de temática moi diversa. 

Mais o estar tan preto na nenez das brasas e tizóns deixou pegada, posiblemente non sexa saudade, mais hoxe sigo a gozar ollando as lapas e o súa desordenada danza, tamén sigo a escoitar aquilo que tantas veces escoitei en forma de sentenza: O peor está porvir. 

Por iso, no presente, a cuestión que se presenta de convidada nos meus sonos ou soños, non é outra que a seguinte: 

Canta morriña afortunada queda neste terra? 

Morriña de inspirar o ar onírico das noites de treboada, que obrigan ao acubillo preto dunha lareira de charamuscas que se esvaecen no fume chorón. 

Morriña das brexas naturais, barrelo ancestral de milleiros de especies de fauna e flora. 

Morriña de camiñar por camiños mergullados nun floral dosel de flora, onde corredoiras e carreiros sexan sendas para soñar, e imaxinar acadar unha meta esvaecida no infinito. 

Morriña da exclusividade e libre sonoridade de fervenzas e férvedas, instrumental de cristalina pureza que hidrata sentimentos e razón.

Morriña de soutos e carballeiras, que tanto espidas coma vestidas sempre entregan a súa mellor versión.  

Morriña dunha terra protexida e agarimada polo ser humano, digna dun trato de intima familiaridade e protección sen parangón. 

Morriña de que os fillos da terra moren nela, que non teñan que saír na procura de subsistir. 

Morriña de solidariedade e benestar colectivo… 

Voltaremos ao brinco do veado,

ás arañas que tecen labirintos de orballo,

aos corpos alagados que nas silveiras cantan.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 5 de Xaneiro do 2016 | 11:45 a.m.