Ollada camariñana
Ondas carpideiras acadan máxima fluorescencia na nocturnidade, o seu bater fronte aos cantís da punta Costado é unha auténtica ardentía de penosos acordes.
Marusía de branco reverberar, amenizada polo insistente carpir, unha lamentación constante nunha loita secular do mar aos pés do altar.
Ara natural formada pola punta Castelo, acollida e mimada polo templo natural do monte Farelo. Aquí, neste emblemático lugar, a devoción do visual adquire compenetración e fusión coa realidade dun espectáculo embriagador nun constante episodio anovador.
Ar que sopra e asubía con insistencia, a súa constancia consegue captar en exclusividade máxima atención dos sentidos, o lugar achega sensacións contraditorias, un gran contraste e radical diferenza, entre a enxeñería da natureza e algunhas das grandes chapuzas humanas.
Cantís, furnas, areais, dunas, illas, laxes, pedras,… todos eles perfectamente identificables e formando un conxunto irreverente, mais moi harmónico.
Na banda oposta unha avinza esnaquizada, destruída sen consenso nin argumentos lóxicos, estas actuacións non deixan indiferente a ninguén, pois aquí dende hai tempo moran dous intrusos, amosan unha face de inconsciente ledicia, ambos conseguiron un oco de privilexio, coa forza da inxustiza e fronte ás leis naturais que existen de sempre.
A camariña, un poboador da contorna en perigo de extinción, soporta o roncar enfermizo e xordo dos papa ventos que sobresaen sobre o cabo Vilán, tamén a visión dunha marea branca vogando sen desmaio fronte a granxa dos planos.
Outro dos grandes prexudicados, un cabo fermoso e de sofisticada figura, dos máis emblemáticos da costa galega, o Vilán na actualidade permanece absolutamente encadeado, non se coñecen as súas actuacións delituosas para soportar unha pena tan cruel.
Nas súas costas, xigantescos captadores de ventos do quixote adiñeirado e, nos seus pés unha fábrica de peixes dos insaciables viquingos. Dunas da praia do Trece e o fastoso monte Branco tamén coñecen os efectos nocivos de tan desagradable veciñanza.
As rogativas e pregarias continúan, a virxe do Monte está a clamar axuda á irmá da Barca, as dúas teñen labor abondosa, mais a súa encomenda de protexer de novas incursións e tentar expulsar da zona a todo asentamento que rache co consenso da natura, non parece doada tan destacable labor neste tempos de conquista, pois as esmolas do capital mesmo logran que preguen de xeonllos os que se consideran emperadores.