publicidade hoxe
Restos do precursor - Cabecera

Restos do precursor

Ramiño de oliveira que chega no fardel da mensaxeira pomba, ramallo conquistado no oliveiral e que viaxa sen desmaio no baúl do emigrante, mais o seu derradeiro obxectivo é acougar na finca dese procurador de oportunidades despois do retorno definitivo.

Accións as anteriores, arroupadas e disfrazadas posiblemente para disimular a gran carga emocional do desarraigamento. Ese arraigamento na terra permanece nesa inseparable ramiña de oliveira.

Ollando a historia é doado decatarse de que a natureza sempre foi fiel aos seus principios básicos. Os humanos, que son parte fundamental desa nai natura coherente, non sempre actúan de acordo aos seus designios.

Galicia, ese lugar de soños inimaxinables, sempre dixo adeus aos seus. Entre eses incontables milleiros que procuraron fortuna e fartura fóra tamén marchou Juan García Naveira co seu ramallo de oliveira, mais don Juan, non só retornou, senón que plantou a súa oliveira e como a maioría dos emigrantes da súa época investiu unha gran parte do seu traballo para o ben colectivo e goce dos seus paisanos.

Os irmáns García Naveira amosaron a súa faciana máis espléndida. Estes dous irmáns achegaron arrobas de xenerosidade, así o seu legado é dunha grande importancia aínda na actualidade. No entanto, nesa manda destaca o Pasatempo, a súa obra de magnificiencia.

As bagullas do Mandeo son evidentes, o río que agarima a vila de Betanzos non soporta comprobar en primeira persoa a deterioración incomprensible dunha das atraccións por excelencia de Betanzos, alén do sublime románico betanceiro.  

O parque do Pasatempo, iniciado en 1893 e rematado en 1914, foi no seu día o gran precursor dos parques temáticos. Unha iniciativa pioneira, pois nas súas nove hectáreas asentaba toda unha enciclopedia universal co obxectivo de traer a Betanzos o coñecemento de lugares moi afastados.

Porén, para o Pasatempo o declive comeza coa morte de Juan García Naveira en 1933. E a súa odisea semella un pesadelo dunha noitada de treboada.

A súa primeira experiencia, como espazo inmerso nun pesadelo, foi exercer como campo de concentración para prisioneiros republicanos.

Mais o pesado soño non deixa de tanguer e nos anos corenta unha estrada escangallaba de maneira definitiva o parque, deixando unha caricatura do que era con anterioridade.

Dende entón a noitebra permaneceu sobre esta alfaia longo tempo, ata que en 1986 o concello de Betanzos mercou a súa propia xoia e tentou restaurala e rehabilitala. E o intento foi valorado no seu momento como unha acción destacada.

A día de hoxe o intemporal e indomable tempo é unha testemuña que non deixa dúbida. O parque do Pasatempo, o gran precursor, deambula en soidade, esquecido no máis absoluto abandono.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 5 de Marzo do 2015 | 11:00 a.m.