
Demócratas exiliados
Cada recuncho de Galicia é un pequerrecho verxel, auténticos paraísos de fantasía en ebulición, dinámicos e únicos.
Biótopo e biocenose formando ecosistemas ben definidos e diferenciados, a vida neste medio para o ser humano resulta idílica na teoría, pois son lugares que por si mesmos espallan forza a calquera espírito. Mais a realidade é que o ser humano foxe destas contornas, unha realidade que se amosa nas aldeas pantasmas ciscadas por toda Galicia, unha terra agarimosa que pola presión externa se volve opresora e tremendamente inxusta para unha grande maioría.
O potencial de Galicia non ten límites, o que non se entende é tanto desprezo por parte da ben chamada clase política desta terra, sempre impregnando dunha ácida aldraxe, asignando tratamentos con altas doses de desconsideración, ás persoas e á terra.
Os galegos e as galegas, persoas, mozos e mozas incluídos, non son o clásico produto de exportación coma os pementos de Herbón.
Semella irresponsable exportar man de obra e sobre todo formación. Non é serio formar grandes profesionais, perfectamente preparados para que sexan obrigados a saír na procura dunha aventura para tentar subsistir dignamente.
Nunha democracia adulta, como semella a nosa, pola idade non hai dúbida, na Galicia non logramos deixar esa pegada, unha áncora que nos afoga na terra, un tarabelo cantador no cortello, que por necesidade expulsa a todo signo de potencial vitalidade fóra dos ladrais.
Con esta xente foxe o noso grande potencial, eles marchan co alento para crecer e avanzar pola senda do desenvolvemento territorial.
O noso territorio non debe nin pode exportar persoas mozas e formadas, na actualidade son milleiros os que collen as maletas seguindo os pasos dos seus devanceiros. Estamos falando de persoas que naceron e coñecen a democracia. Pois, polo tanto demócratas, eles son o grande continxente dos novos demócratas exiliados.