Para unha crianza
Tenra idade, inocencia que perturba a realidade, un desenvolvemento nun medio humanizado e hostil. A incipiente variable temporal aínda permanece aparellada coa inconsciencia, este dúo unido intimamente magnifica ao ser humano, que comeza amosando con intensidade o seu ego acaparador, sen contemplar o maquinado ameazador.
Dende sempre escoitamos con insistencia enfermiza, fundamentalmente a estas idades, que un corpo debe gozar de saúde. E cando esta acompaña, todo o demais semella secundario, mais non tanto.
A contorna familiar que acolle a un meniño dende o primeiro choro debe, como mínimo, ser coñecedora da responsabilidade que supón educar a un ser humano na sociedade actual.
Dedicación en exclusiva, sen renunciar á orixe e á historia propia, alteración do medio físico o menos posible, protección especial para o universo comunicativo que se desenvolve dende o primeiro día de existencia.
O ideal é favorecer un proceso natural. Forzar aprendizaxes en etapas nas que os cativos non teñen maduración cognitiva é un trauma, que racha cos elos dunha cadea perfecta que posúe todo ser humano.
Familiares, educadores e sociedade en xeral, deben colaborar a prol dunha axeitada formación para os máis novos.
Na maioría dos casos as leas e as discrepancias de familiares, por unha banda, educadores e unha sociedade representada polas administracións, pola outra banda, son un grande obstáculo, mesmo pode ser insuperable para unha gran maioría de mentes en formación.
Por unha vez, imos tentar ser explícitos, deixando a un lado o complexo e intricado universo familiar, e tamén o gran gremio dos especialistas educativos.
A escola do futuro non pode ser un resón constante de ida e volta. A educación está por encima de inexistentes ideoloxías políticas. O poder brinca coa educación do pobo, cada goberno trae baixo pergameo unha nova Lei educativa.
A estas alturas a única beizón para o noso sistema educativo había ser o consenso absoluto. A formación do pobo está directamente relacionada co benestar dese pobo. E sen consenso en algo tan importante como é a educación, os que aínda cremos nela a estas alturas xa permanecemos mergullados no limbo da descrenza.
Non procuremos a causa do fracaso educativo nas aulas, pois o auténtico fracaso está na sociedade e nos seus representantes públicos, estes últimos están doutorados en executores de toda Lei precedente.
Unha xoaniña voa en liberdade, non ten ideoloxía nin maldade.
Dous anos cumpre Fátima, procura os parruliños do Sar, moito a fan alegrar e sempre os quere visitar. |