publicidade hoxe
Morronda, locuaz solidaria - Cabecera

Morronda, locuaz solidaria

Milleiros de idiomas, mais unha soa lingua sobrevoa a fraga da Morronda, esta é unha paraxe coroada dende hai tempo por un halo místico que atrae e convida a unha profunda inmersión nesta xoia natural.

Aquí neste ourive conviven en perfecta harmonía seres de diferentes procedencias, reunidos neste enclave exhiben innumerables personalidades, mais a convivencia sempre se adapta ás leis naturais que imperan na fraga.

Incontables especies de gran diversidade, tanto na flora coma na fauna, continúan a entenderse por medio da lingua milenaria desta densa foresta.

Falangueiro ecosistema que acolle a todos, o seu é un legado de hospitalidade cíclico, mais o seu ciclo pendular ofrece atractivo colorido de diversas tonalidades e, tamén un arrecendo cambiante de perenne embriagador.

Neste gran corazón algo latexa con axitado ritmo, unha excitación que consegue empatía e solidariedade con todos os seres que residen habitual ou esporádicamente, nesta fastosa mai.

Fraga da Morronda, sempre fraga, sobre o teu segredo ninguén comunica. Inútil preguntar ás escasas vacalouras, que de primavera a verán voan sobre o fusco lusco de carballo a carballo, deixando no ar o seu característico zunido.

Unha grandiosa incógnita a túa, o efebo Lor, natal compañeiro, emigra obrigado pola súa propia natureza na procura doutros lares. Porén no seu ciclo expedicionario xamais desvela o segredo desta fraga, esa intensa atracción pola que estas augas viaxeiras sempre retornan a onde gurgullan.

Os moradores habituais desta xoia natural coñecen o seu valor, eles son conscientes que a saúde do seu hábitat está directamente relacionada co seu benestar, por iso a protexen sen dúbida algunha.

Ampeando no presente, sorprende o seu bo estado de conservación, noutros tempos non moi afastados era unha práctica habitual preservar o medio natural, sen necesidade de leis nin sancións.

Na actualidade radiante da Morronda, observase un índice de conservación satisfactorio, este aspecto debe ser realzado e, a súa futura protección unha obrigación adquirida por esta herdanza recibida duns devanceiros que amaron e apreciaron á nai Natura coma ninguén.

A fraga dos milleiros de linguas, segue a entender o valor do natural, a súa linguaxe universal enrocase sombrío, cando observa como as súas xemelgas seguen a padecer todo tipo de agresións.

Fragas únicas, están sendo agredidas ante a pasividade da gran maioría da colectividade, dende a Morronda o seu colectivo fío sonoro, insta á protección das fragas do Mandeo, Eume e Catasós, todas elas con diagnóstico que barrunta un estado de reservada gravidade no presente e no futuro próximo.  

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 22 de Decembro do 2014 | 10:15 a.m.