Buligar nas dunas
Cando se habita nun ecosistema do que a dependencia é case total, sobrevivir nestas zonas tan especiais e sensibles condiciona excesivamente a calquera ser vivo.
Porén, os seres que por necesidade teñen un apego total a estas paraxes, auténticas obras atípicas da natureza, gozan deses recursos escasos e tamén colaboran na súa conservación.
A mobilidade areosa das dunas de Corrubedo é o asentamento ideal da píllara das dunas. Este alado en perigo de extinción ten unha notable presenza neste complexo onde o seu buligar é un sinal de identidade.
O apego areoso irradia magnetismo e unha influencia posesiva sobre o pequeno paxaro. Tanta atracción fai que este alado sexa un morador que brinca coordinado co rebulir da area, goza con intensidade dos días ventosos e das escuras noitebras das dunas, onde observa o devalar do Atlántico coa súa relucente ardentía.
Mais o complemento a unha visión tan espectacular acada o cénit nas noites estrelecidas e mornas, cando unha coral de afinados sons croa para lograr unha das sinfonías máis excelsas da natureza.
As lagoas de Carregal e Vixán son dous auditorios onde as ras compiten por acadar os mellores acordes. A sensación auditiva é tan pracenteira que mesmo logra desacougar a gran duna.
Dous espectáculos, visual e sonoro, que condicionan a contorna creando unha dependencia que afecta á maioría dos individuos vivos que habitan na zona. As píllaras necesitan compartir estas vivencias coa finura e branca quietude das dunas.
Unhas obras monumentais e senlleiras, espoliadas no pasado próximo, esquilmando a súa razón de ser e existir, o seu único composto vital, a area.
Hoxe, dunas e píllaras semellan doentes terminais. Nin a protección, tampouco os programas de recuperación son o suficientemente efectivos para que este dúo inseparable recupere o esplendor e a vitalidade do pasado.
Os máis desconfiados proclaman o fulgor doutros tempos. A recuperación desta alfaia natural depende do bo facer do seu peiteador, o ar, e das fieis maquilladoras que exercitan a súa mestría co devalar das ondas.
As píllaras e o seu constante buligar nas dunas tamén permanecen atrapados na deterioro da masa areosa, aínda que hai un plan de conservación para este habitante das dunas, mais de momento semella que os resultados non son os esperados.
A píllara continúa en extremo perigo. Un estudo recente das universidades de Aveiro e Santiago de Compostela evidencia unha presenza moi elevada de hidrocarburos aromáticos policíclicos nos ovos da píllara.
Cándida acedume, excesiva desconfianza duns ovos, auténtico xerme vital que mesmo conseguen acender todas as alarmas antes de buligar. Os responsables deben actuar con celeridade, menos reunión e máis acción.