Onda finada
A grande inmensidade oceánica latexa sostida polas afogadas inspiracións dun mergullo bambeante entre a desesperanza e a incerteza. Desacougo no chiscar do faro, a súa pausada ollada navega nas bágoas do pasado apresadas no museo do mar de Fisterra.
Historia viva situada no emblemático castelo de san Carlos, non é este un dos grandes castelos, mais o seu emprazamento e a súa historia conseguen a metamorfose ideal para albergar un museo dedicado ao mundo do mar. Sen dúbida, nun enclave que acolle a un pobo que inspira e expira co arrecendo salgado do vaivén constante das marusías fisterrás.
Este noso final da terra e as súas xentes son dende tempos afastados moradores do mar empedrado por numerosos cons con nome propio e unha vaga de mar que se enrabecha ante tanta pétrea presenza.
Admiración e respecto para esa acuosa bravura multicolor que arremete sen compaixón, porén os pescadores e mariñeiros deste Cabo ondean a bandeira ancestral da sabedoría transmitida polos seus devanceiros e logran vivir nestas augas nas cristas das ondas, abalando e devalando con intensa enerxía a procuraren empatía e harmonía co seu mar.
No entanto, esta historia de loita secular sen par debe ser espallada e valorada por todas aquelas persoas de calquera lugar do mundo que se achegan a coñecer Fisterra e o seu máxico engado.
Con profunda tristura e decepción vivín a miña última visita polas terras do Cabo. A sorpresa foi das que deixan pegada cando tentei acceder o castelo de san Carlos, como en varias ocasións anteriores, para min visita obrigada este museo do mar que encontrei trancado.
Posiblemente un museo humilde, mais que se magnifica cos folgos e coa intensa vida acubillada nas explicacións de Manolo, un guía atípico, xa que coñece todos os segredos dun mar que ama e co que durante moito tempo tamén compartiu a súa xornada laboral como mergullador.
Mais iso non é todo, Alexandre Nerium é un dos poetas do mar cun vocabulario máis diverso e limpo.
Hoxe, o museo do mar necesita vida e precisa ser espallado, esa vida intensa que recibe do pasado feito presente na oralidade mareira de Manolo ou Alexandre Nerium.