Mergullo estival
Disque o Pozo Bastón acubilla dende tempos esquecidos uns seres moi próximos á divindade, segundo as falas murmuradoras e as crenzas da zona, esta irmandade está formada por unha tríade de fermosura sen par.
Belezas de escura pel chegadas das quenturas africanas, dende entón o seu refuxio permanente ou temporal, o único fío vital que posúen son os cachóns de auga que alimentan ao insaciable Pozo.
Cumprindo un ritual que xa é para min algo habitual, todos os anos por estas datas estivais camiño ata o Pozo con caxato ou caxata, unha vez alí, observo durante demorado espazo temporal, agardando algún indicio de beldade. Mais, agardo e remato por desesperar, inmerso no desencanto axiña me libero do vestiario, e realizo o clásico mergullo estival na procura das belas mozas.
Unha revisión meticulosa do sedento Pozo acaba por desenganar ata o máis optimista, nesta ocasión coma en anos anteriores remato con tanto mergullo, absolutamente desolado e desilusionado. Nese intre, as miñas dúbidas teño que aceptalas como razoables.
Acaso, estas fermosas ninfas programan as súas vacacións fóra do seu hábitat nesta época, tamén no ambiente florido da contorna observo certa dose de tristura, quizais as mozas fuxiron aterradas pola miña presenza.
A realidade é que neste ciclo anual realizo un percorrido por unha senda cantareira, este río canta en diversas tonalidades, mais a súa semella unha forzada competición coa numerosa poboación alada da contorna.
Porén no meu camiñar a inquietude na ida e na revolta, chega a corroer un espírito axitado, un desacougo que non me permite gozar con fondura dun festival único, festa da natureza que se desenvolve ao meu paso na procura de fermosura, e tamén cando na volta cavilo nunha vindeira ocasión.
No entanto, o fracaso non foi un veo pernicioso, pois nesta andaina contemplei unha vez máis esa paisaxe condecorada de agreste beleza. Aquí en soidade é doado trasladarse a unha dimensión sen parangón, onde todo é harmonía co latexo vitalicio do río e os cabaliños do diaño.
Despois de moito cismar, a derradeira confidencia mergullada nunha hipótese. Non serán estes voadores do diaño, que non entenden de celibato a metamorfose da fermosura que teimo procurar no Pozo Bastón.