publicidade hoxe
Entre sobreiras e bidueiros, experimentados e astutos troiteiros - Cabecera

Entre sobreiras e bidueiros, experimentados e astutos troiteiros

Unha viaxe que comeza no regazo dese gran vixía das terras do medio, alí o agreste monte Faro mesmo se transforma nunha excelente ama de cría de enraizada fertilidade. Malia tantas atencións, dende o primeiro gurgullar deste río, o seu é unha inquietude enfermiza por comezar sen demora a fuxir. Na súa tarxeta de presentación posúe esa característica tan propia de calquera río, mais aquí o protagonista é o escorregadizo Arnego coa súa auga levada.

No río un troiteiro veterano, Manolo, home de idade pesada, coñecedor das numerosas e fatigosas xornadas cos pés en dura oposición coas correntes acuosas dos incontables ríos e regatos de Galicia, sabe que estes esvaradíos son especialistas en abafar coas súas inspiracións bretemosas un territorio de sete capas e varias boinas.

Mais a paixón secreta de Manolo é compartida con todos aqueles pescadores de río. Todos eles procuran esa beizón especial de acadar a cotizada peza. Inquedos sen acougo ata seren consagrados nun maratón líquido para realizar a inmersión dun diminuto torpedo mísil en forma de engado diabólico. Lanzamento tras lanzamento en avance constante. Unha procura sen pausa, un atafego que provoca tanta necesidade vital en clara oposición, mais este encontrón de Arnego e Manolo é aceptado polo dúo e cadaquén exerce o seu rol sen reproches.

O hábil pescador iniciado cos restos reciclados dos vellos paraugas, hoxe, na súa senectude goza de tanta vida buliciosa que o seu lema é unha transcrición fiel dos efluvios e latexos que percibe dos seres deste enclave. Así, pode mergullarse e gozar dun universo de sensacións que entoan o seu salmo vital ao seu carón: son as sobreiras, o merlo, os castiñeiros, o caracol, os carballos, o ourizo, os amieiros, o escalo. Tamén a subxectiva presenza do frío e da calor, o resoar das pedras e da auga. O de Manolo é un escoitar activo, unha observación imaxinativa que o transporta a ese mundo afastado da sapiencia natural.

Malia tan exhausta observación, dende hai tempo o pescador non logra intimar co mexillón e coa toupa de río, dúas xoias desaparecidas das augas do Arnego. O home é perfectamente coñecedor deste ecosistema e na súa mocidade era algo habitual ver estes dous animais nas xeiras de pesca, polo tanto non necesita de complexos programas de estudos e diagnósticos sobre a saúde dos mexillóns e das toupas, nin tampouco enumerar a poboación actual destas especies no seu idealizado río.

O incansable ferro mísil, especialista nos mergullos constantes sentenza dende a súa óptica imparcial. Para non ter que recuperar é obrigatorio conservar, pois os desaparecidos só logran alcanzar a categoría de fantasmas nas néboas do Arnego. Os seus espíritos son agora as sombras dun desembolso xeneroso do LIFE 09. Proxecto que dende hai máis dun lustro tenta mollar os pés despois de sacalos do estribo. A conclusión de tanto esforzo LIFE entoa unha hibrida sensación entre salmo e réquiem ata o presente. E, por suposto, en ningunha das alternativas emerxen os dous nativos ansiados, o mexillón e a toupa do Arnego.      

Manolo presenta un episodio agudo de ansiedade pola proximidade do comezo da época de pesca fluvial. Ano tras ano dende o que escoitou falar do LIFE, esculca meticulosamente con toda a súa habilidade e sapiencia o río. No entanto, a desilusión foi o diagnóstico de anos precedentes, pois de toupa e mexillón nin rastro. O tempo para Manolo esfarélase e o seu único desexo é volver a compartir as augas do Arnego cos mexillóns e coas toupas. Semella que a derradeira oportunidade para o pescador xa está a tanguer.

 

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 12 de Marzo do 2015 | 10:29 a.m.