publicidade hoxe
Exaltación natural - Cabecera

Exaltación natural

Observa Mondoñedo ancorado e apegado ao seu val os altos cumios que o rodean, cumes decoradas da efémera e branca pureza sólida, tamén dos tapices xélidos das persistentes néboas que esconden as serras de Enfesta, Lourenzá e A Toxiza.

Época de invernía na que as caducas esvaécense para abandonar unha vida de latente, co seu prolongado suspiro que se mantén nunha parálise temporal, sempre axexando o constante queimar no lar, fogueiras de lapa brincadeira con tizón de brasa dormente que procura refuxio preguiceiro entre a borralla e as cinzas. 

O pasaxeiro febreiro acada a capital do antigo Reino de Galicia, como acompañante destacada vén a Candeloria, que ten a súa máxima expresión na coroación nupcial dos alados e na pegada cincenta.

Por todo o val, no ambiente sereno percíbese o pórtico equinoccial. Foi neste intre, segundo o cronista mindoniense, Eduardo LenceSantar, cando o alcalde Luís de Luaces, unha persoa sensibilizada co medio natural, ordenou en 1569 que cada veciño acudise ao campo dos Remedios para plantar tres árbores froiteiras.

O acto tivo un epílogo festivo cunha comida campestre e música para celebrar o éxito da plantación. Non era para menos. Tratábase posiblemente da primeira festa da árbore.

No lugar daquel destacado e honroso xesto sitúase actualmente a Alameda dos Remedios, nesta zona é venerado o impulsor de fomentar a vida natural cun monolito na súa honra.

Hoxe, despois de varios séculos daquel acontecemento, cada primavera en Mondoñedo continúa aloumiñando os oídos da contorna o agarimoso rular e o escorregadizo cucar, ambos dous tentan embriagar o lugar co seu senlleiro cantar.

Porén, actualmente xa non zoa como zoaba o ar en 1503, cando carballos e castiñeiros eran protexidos por unha ordenanza na que se ameazaba cunha multa de seiscentos marabedís a quen cortase de máis as devanditas árbores.

Semella un privilexio en 2016 volver a escoitar os sons feiticeiros dos xílgaros, paporrubios ou merlos, entre o espertar vigoroso dunha flora fortalecida co desexo de seguir acubillando en cada alborexar o engado dun cucar ou dun rular entre o expresivo raiolar.

A mensaxe de Luaces e os seus predecesores é un ideal para transmitir con toda a súa pureza. E as novas xeracións deben rescatar ese encargo do fondal do Masma, co único obxectivo de valorar para conservar o medio natural.

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 24 de Maio do 2016 | 7:03 p.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -