publicidade hoxe
Cruceiros de anxiños - Cabecera

Cruceiros de anxiños

Incandescencia no ar, noites de crepuscular bochorno e suores na procura da brisiña, calquera ventiño que achegue un fresco manancial de contida esperanza é bo.

Ampeando coa boca extasiada, entre expiración e inspiración, percorre Martiño o pasado inmerso no presente. Unha actualidade de nocturnidade que repasa e comproba os pousos da súa ancestral memoria, recordos a longo prazo que de momento non se esvaecen. 

Son os monumentos pétreos a lembranza e reliquia vital do pretérito. Obras de arte, testemuñas silenciosas da tristura e de grandes inxustizas cometidas con aqueles que son xustos. As cruces de pedra que visita Martiño, representan o mundo silenciado en Galicia dende hai varios séculos, todo cruceiro ten varios significados e unha grande carga emotiva.

Ata datas que aínda permanecen na lembranza, os cemiterios non acollían por eclesiástica e posible ecléctica Lei aos meniños mortos sen o bautismo, tampouco aos abortos.

A realidade en Galicia é que a muller galega traballou arreo en terra e mar, posiblemente por esa crueza do labor, os abortos eran o máis común, tamén as mortes das crianzas durante os partos. Por certo, uns partos realizados en condicións pésimas e na actualidade inimaxinables. 

Así foi como nesta terra fomos acumulando unha incontable prole de anxiños mortos prematuramente, todos eles eran trasladados ao limbo dos xustos, un lugar descoñecido onde debían permanecer eternamente. Mais na terra os que non entenden de divindade, o clero católico, observando o canon 1.239/1 negábase a un acubillo digno dos falecidos nos camposantos. 

Segundo as costumes e rituais de cada zona, estes indefensos e inocentes cadáveres eran soterrados ao carón do cemiterio e, na maioría dos casos preto de cruceiros. Estes monumentos pétreos son os que hoxe coñecemos como cruceiros de anxiños, unhas cruces que lembran o desprezo dalgunhas normas cos máis débiles.

No entanto, a sapiencia natural sempre xusta, non abandonou nin esqueceu a estes anxiños, pois preto de cada cruceiro, Martiño observa, admira e cavila na espontánea e orixinal homenaxe da natura, mentres contempla unha fermosa rosa silvestre. Posiblemente, un sinal de enerxías positivas, tamén a reivindicación dunha xustiza no pasado soterrada que agora emerxe dende a raíz de tantas rosas agrestes.  

Por: Xosé Manuel Lobato
Publicado o 4 de Agosto do 2015 | 12:00 p.m.

Outros temas de Portelo do Retorno -