O xénero
Conforme no tema anterior ao falarmos do número tiñamos unhas regras máis ou menos xerais, no que respecta ao xénero estas regras son moi puntuais e poderiamos dicir que case inexistentes. Algunhas xa as vimos en temas anteriores (“Sufixos e terminacións”) e aquí simplemente daremos algunhas e tamén nos pararemos puntualmente no xénero en si de moitas palabras que á hora da escrita soemos caer no erro lingüístico dos castelanismos por empregarmos para esas palabras precisamente o xénero que posúen en castelán.
En xeral o feminino soe formarse ou ben engadindo un -A ou ben simplemente substituíndo a vogal final polo -A (xuíz / xuíza; raparigo / rapariga…)
Palabras rematadas en masculino en -ÓN e -ÁN
Para a formación das palabras rematadas en -ÓN véxase o tema “Sufixos e terminacións II” no apartado “m” e para as rematadas en -ÁN o tema “Sufixos e terminacións III” nos apartados “n” e “ñ”.
Palabras rematadas no masculino por -ÍN
Formarán o feminino en -INA, coa excepción da palabra “ruín” que permanecerá invariábel.
Exemplos:
-galopín / galopina; benxamín / benxamina…
-Un home ruín / unha muller ruín.
Palabras rematadas en -ÚN
Forman o feminino de maneira diferente. Algúns adxectivos como cabrún, cervún, vacún van formar o feminino en -ÚA (cabrúa, cervúa e vacúa). Por outra banda temos a palabra euscaldún que terá como forma feminina euscalduna. Canto ao adxectivo común permanecerá inalterábel.
-ÉN
Soamente posuímos unha palabra rematada en masculino en -ÉN (refén) que permanecerá inalterábel no feminino.
Palabras rematadas en vogal tónica ou en ditongo
Os substantivos rematados en vogal tónica adoitan formar o feminino engadindo un -A, mentres que os adxectivos soen permanecer invariábeis
Exemplos:
-avó / avoa…
-un home marroquí / unha muller marroquí…
Temos que ter tamén en conta que os adxectivos nu, cru e só fan os femininos en núa, crúa e soa.
Presentan un feminino especial as palabras grou, xudeu e sandeu que teñen como correspondentes femininos grúa, xudía e sandía.
Palabras rematadas en -ÉS
Moitas destas palabras son xentilicios e soen formar o feminino en -ESA.
Exemplos:
-santiagués / santiaguesa; noruegués / norueguesa…
-burgués / burguesa…
Pero tamén podemos achar formas invariábeis como pode ser cortés…
Formacións especiais
Existen moitas palabras que formarán sobre a mesma base o feminino con diferentes terminacións e outras incluso con lexemas do máis variado.
Exemplos:
-actor / actriz; tsar/ tsarina…
-xenro / nora…
Tampouco poderemos esquecer neste apartado aquelas palabras que posúen o xénero epiceno (a mesma forma para o masculino coma para o feminino), algo moi presente nos nomes de animais. Cando queremos salientar o sexo adoitamos empregar o artigo coa palabra ou ben os adxectivos “macho”, “femia”.
Exemplos:
-o gorila / a gorila ou gorila macho / gorila femia; o vítima / a vítima…
Palabras con xénero diferente ao castelán
Hai moitos substantivos que presentan un xénero diferente do español, nestes casos o galego en xeral soe ser moito máis conservador xa que vai manter o xénero orixinal da palabra orixe.
Antes de nada lembremos que os cultismos rematados en -SE e -TE son femininos en galego, tal e como se viu no tema “Sufixos e terminacións I” nos apartados “d” e “e”.
1. Serán masculinos en galego: couce, leite, ubre, sangue, cárcere, dote, alicates, diadema, cume, costume, acedume, legume, lume, mel, fel, sinal, sal, labor, cuspe, mar, asma, masacre, nariz, xiz, til, cal (de pintar)… e os nomes das letras ou fonemas (o ele, o u…)
2. Serán femininos en galego: ademais dos anteditos rematados en -SE e en -TE, as palabras rematadas en -AXE (agás paxe, traxe e garaxe. A palabra personaxe poderemos empregala como o/a personaxe)
Exemplos:
-a viaxe, a porcentaxe, a mensaxe…
Serán femininos os seguintes substantivos: cal/canle, orde, orixe, cor, dor, ponte, árbore, calor, orde, pantasma, ponte, reuma, sebe, síndrome, suor, vertixe, servidume…
Fraseoloxía:
*”Non atar nin desatar” (dubidar moito)
*”Ter un cravo no cu” (ser unha persoa moi inquieta)
*”Bater os dentes” (tremer co frío ou co medo)
*”Andar coma un gato polas ascuas” (andar con moita precaución)
*”Morra a marta e morra farta” (seguir comendo sen medo nin precaución)
*”Estar sobre a terra” (que un defunto está aínda sen enterrar)
Refraneiro: *”Auga de Santa Mariña cura a feridiña” *”Canta máis présa máis vagar” *”Chuvia na semana da Ascensión cría nos trigos mourón” *”Cornos ó nacente, carto crecente” *”En agosto arder e en setembro beber” *”En tellado vello todo sen pingueiras” |