Sufixos e terminacións (III)
-ÁN / -Á e -ANO / -ANA
Naquelas palabras latinas terminadas en “-ANUM, -ANAM” que levan no noso idioma desde sempre (“populares” ou “patrimoniais”) teremos as terminacións -ÁN para o masculino e -Á para o feminino. No dominio lingüístico galego para o masculino tamén podemos atopar as terminacións -AO e incluso -Á (meu irmao, meu irmá) mais como normativo soamente se contempla -ÁN. A forma -AO aparecerá, como se verá máis adiante, en varios xentilicios.
Exemplos:
–aldeán, -á; ancián, -á; artesán, -á; capitán, -á; chan, -á; cidadán, -á; cirurxián, -á; comarcán, -á; cortesán, -á; cotián, -á; cristián, -á; curmán, -á; ermitán, -á; escribán, -á; gardián, -á; gran, gra; irmán, -á; livián, -á; louzán, -á; marrán, -á; musulmán, -á; nugallán, -á; pagán, -á; rufián, -á; san, sa; sacristán, -á; sultán, -á; tecelán, -á; temperán, -á; temporán, -á; truán, -á; van, va; verán; vilán, -á…
Ademais este vai ser un sufixo moi empregado no galego para formarmos xentilicios.
Exemplos:
-afgán, -á; alemán, -á; castelán, -á; catalán, -á; coimbrán, -á.
E, sobre todo, aqueles xentilicios de poboacións galegas.
Exemplos:
-arousán, -á; bergantiñán, -á; compostelán, -á; ourensán, -á…
Como se dixo anteriormente, algúns xentilicios galegos adoptan a terminación -AO para o masculino.
Exemplos:
-arnoiao, burelao, dezao, lancarao, limiao, melidao…
Nas palabras de entrada máis recente, as chamadas “cultismos”, imos encontrar simplemente a terminación latina adaptada ao galego nas terminacións -ANO, -ANA.
Exemplos:
-africano, -ana; americano, -ana; asturiano, -ana; hispano, -ana; provinciano, -ana; semana; urbano, -ana…
-ÁN para o masculino e -ANA para o feminino
Soe aparecer esta terminación para palabras, substantivos e adxectivos, que teñen un carácter pexorativo e ademais porque a súa orixe etimolóxica non é a mesma ca no apartado “n”, algo que moitas das veces nos leva a facer o feminino en -Á erroneamente.
Exemplos:
-barrigán, -ana; burricán, -ana; cacholán, -ana; cangallán, -ana; carcamán, -ana; carneirán, -ana; charlatán, -ana; folgazán, -ana; lacazán, -ana; mentirán, -ana; pailán, -ana; paspán, -ana; testán, -ana…
-DE
A terminación latina “vogal + TEM” dará en galego sempre a terminación -DE.
Exemplos:
–alude, ataúde, céspede, hóspede, parede…
-DADE, -TADE
O sufixo latino “-TATEM” daranos en galego dúas terminacións diferentes dependendo de se vai tras unha vogal (-DADE) ou se vai despois dunha consoante (-TADE).
Exemplos:
-enfermidade, novidade, realidade…
-facultade, maxestade, vontade…
Con todo, temos que subliñar que debido á perda dunha vogal anterior a -DADE poidamos encontrar esta terminación despois dunha consoante.
Exemplos:
-bondade, crueldade, lealdade, verdade, virxindade, liberdade…
A modo de resume podemos concluír que en galego xamais atoparemos palabras rematadas en -D.
-ARÍA, -ERÍA
En galego debemos dar preferencia á terminación -ARÍA -derivada da xa latina -ARÍA-.
Exemplos:
-bruxaría, carpintaría, cervexaría, enfermaría, libraría…
Debido a que xa na época medieval tamén aparecía a terminación -ERÍA podemos considerala tamén normativa, aínda que, como antes se dixo, deberemos dar preferencia á primeira.
Con todo, hai no noso idioma algúns galicismos que teñen que rematar sempre en -ERÍA.
Exemplos:
-batería, galería, galantería, mercería.
Fraseoloxía:
*”Ter (un) peto á parte” (Ter separación de bens)
*”Ser calado coma un peto” (Ser unha persoa moi pouco faladora)
*”Ir ao nabo unha cousa” (Estragarse un proxecto)
*”Meter o fociño en algo” (Meterse en algo que non lle importa a alguén)
*”Haber a carreiriña dun can” (Haber unha distancia curta)
*”Marchar nun saco e voltar nunha cesta” (Volver pobre ou sen acadar os obxectivos pretendidos)
Refraneiro: *”Dichoso mes que empeza por Santos e remata por San Andrés” *”En abril augas mil, pero que caiban todas por un funil” *”En marzo podar e cavar, se queres colleitar” *”En xaneiro, media tulla e medio palleiro” *”O amor, canto máis reñido máis querido” |