publicidade hoxe
Os relativos, interrogativos e exclamativos - Cabecera

Os relativos, interrogativos e exclamativos

Os tres comparten a maior parte das formas.

Os relativos

Os relativos fan referencia a un termo anterior, tamén chamado antecedente. Os relativos distínguense entre si polo seu significado xa que uns son substitutos de identidade sen trazos de significado propio e outros teñen trazos de significado específicos como pode ser de persoa, lugar, tempo, modo, cantidade… As súas formas son as seguintes:

Que

Quen

Cal / cales

Cuxo(s) / cuxa(s)

Canto(s) / canta(s)

Onde

Cando

Como

A forma “cal / cales” debe de ir sempre precedido de artigo.

A forma “canto” pode ir reforzada por “todo”.

Cómpre subliñar que xamais poderemos empregar a forma “*Quenes” senón que será obrigatoria e única a forma “Quen”, e se queremos empregar o plural recorreremos á forma “Que” precedida de artigo.

Exemplos:

-O marmelo que mercaches non tiña azucre abondo…

-Foi Xiana quen che trouxo o milfollas / foron elas as que che trouxeron a minestra

marmelo-O nevarío ao cal se referían tampouco fora tanto…

-A cativa cuxa nai era palilleira hoxe non pasara pola escola…

-Todo canto estudamos non nos valeu para nada…

-O orballo onde esvarara xa secara á media mañá…

-O día cando o avisou xa lle esquecera…

-A maneira como levaches a cabo ese exercicio nin me soa…

Os interrogativos

Son aquelas formas que serven para introducir unha pregunta directa ou indirecta (Quen o fixo? / pregúntome quen o faría?). As formas son as seguintes:

Que

Quen

Cal / cales

Canto(s) / canta(s)

Cando

Como

Onde

U

Cómpre lembrarmos que os signos de interrogación poden ir ao comezo da frase e ao final ou simplemente ao final.

Igual ca no relativo xamais se poderá empregar a forma “*quenes”; soamente “quen” e o vergo en 3ª persoa do singular, aínda que ao se tratar do verbo “ser” podería ir en plural (Quen son os que chegaron tarde?)

Tamén temos que salientar que o til é inexistente nas formas do interrogativo e soamente podería empregarse en frases interrogativas indirectas que presentasen máis dunha interpretación, algo demasiado rebuscado.

Exemplos:

-Que finalidade ten a infusión con ourego?

-Quen preguntaba polo ourive?

-Cales pallozas visitastes?

-Cantos níxaros trouxeches?

-Cando lle quitaron a muíña á palla?

-Como te mergullaches coa auga tan fría como estaba?

-Onde che doen as maniotas?

-U-la ferida da pálpebra?

Os exclamativos

Son aquelas formas que van introducir unha frase exclamativa. As formas son as seguintes:

Que

Quen

Canto(s) / canta(s)

Cando

Como

papaventos
ortiga

Igual ca nos interrogativos tempos que lembrar que o signo de exclamación pode ir ao comezo e ao final ou simplemente ao final.

O til é inexistente nas formas do exclamativo.

Exemplos:

-Que desgraza máis grande! / Que me dis! / Que de manobras tivo que facer!

-Quen me dese saber facer un papaventos!

-Canto che me gusta ese biscoito!

-Cando se viu semellante orquestra!

-Como me doe ese proído das ortigas!

Fraseoloxía

*”Andar máis teso ca un morgado (andar moi teso/a, moi dereita/o)

*”Ser brando coma a manteiga” (que algo é moi brando)

*”Andar coma o can na corda” (que alguén anda moi dominado/a ou con disciplina)

*”Ser mouro/a coma o acibeche (ser unha persoa moi morena, case negra)

*”Ter a barriga coma un fol” (estar preñada)

*”Haber de todo coma en botica” (Ter moita variedade de produtos)

Refraneiro

*”Á porta da baiuca non vendas nin auga”

*”Amigo que non dá e coitelo que non corta, aínda que se perdan pouco importa”

*”Arrieiro dunha besta, cesteiro dunha cesta e pescador de cana… máis perde do que gana”

*”Con castañas asadas e viño novo, xa non morre o pobo”

*”De novo adelgazar e de vello engordar, é sinal de malestar”

*”Na terra dos lobos ouvear coma todos”

logo nosa escrita

Por: Carlos Loureiro Rodríguez
Publicado o 13 de Marzo do 2015 | 1:23 p.m.