publicidade hoxe
Pepo Suevos: “Case diría que Eladio é o personaxe que menos se me parece de todos os que levo feito” - Cabecera

Pepo Suevos: “Case diría que Eladio é o personaxe que menos se me parece de todos os que levo feito”

Pepo Suevos

Curtido en mil e un escenarios, amante do contacto co público e orgulloso ata a medula ser galego, a Pepo Suevos cambioulle a vida o día que se enterou de que por isto de “pintar a mona” se podía cobrar. Ata ese momento a súa vida ía nun sentido ben diferente, pois é economista e xestor administrativo nin máis nin menos. Vendo como están as cousas parece que non escolleu mal… 

Pepo Suevos Nome e apelidos: José López – Suevos Otero

Un lugar: O Grove

Un hobby: baloncesto

Unha comida: os ovos encapotados da miña nai

Unha virtude: forza de vontade (cando quero)

Un defecto: non collen aquí. Seguramente a cabezonería é o máis presente

Un soño: xogar unha pachanga con “Magic” Johnson, o meu ídolo de sempre

Medo me da que empeces xa a botar demos pola boca ehh “Eladio” (Risas). Eladio é o personaxe que interpretas nesta nova comedia da TVG, “Caseiros”, por que está tan enfadado sempre este home Pepo?

Pois Eladio está enfadado porque é un pobre home que vai de “guai” e non chega a “chachi”. A muller non vai na súa mesma onda, o fillo saíulle parvo, e os inquilinos mangonéano… Case nunca lle sae nada como el quere, e a frustración vaino papando. Pero é un enfado medio de mentira tamén. No fondo Eladio é un miñaxoia, e o encabuxamento é o seu escudo.

“Me cago na corona”, “me cago no viño tinto” ou “me cago no Galicia en Goles”. Imaxinación ten eh…

“Me cago na corona” é a súa favorita, pero ao estar sempre botando pestes pola boca, igual era demasiado repetitiva, así que decidimos darlle un toque creativo e que se cagase sempre en cousas relacionadas coa conversa, e entón inventa os pecados sobre a marcha. Pero cando está enfadado en serio, sempre sae a “corona” (Risas).

Xa sei que é bruto e desagradable coma el solo, pero hai algo (algunha cousiña) na que te parezas a Eladio? Que é o que te cabrea a ti ata desquiciarte?

Parézome fisicamente (risas!). Case diría que na súa forma de ser, Eladio é o personaxe que menos se me parece de todos os que levo feito. Incluso a voz é impostada, co meu ton máis desagradable, así que me sinto moi distanciado del. O que me cabrea moito, moito, moito, é o abuso premeditado. Sobre todo no tema dos nenos. Pódome poñer moi tolo.

Fálanos un pouco da serie, de que vai?  E que tal está a reaccionar o público?

Pois a serie é un formato clásico de comunidade de veciños, pero que son todos uns trastornados. De feito é unha serie que se nutre case totalmente das

“Na rúa é un dos traballos dos que máis me fala a xente, senón o que máis”

reaccións desmesuradas dos personaxes para crear as tramas. Se fosen xente con comportamentos convencionais, non terían a maioría dos problemas que se orixinan en cada capítulo. A verdade que a acollida en canto a números non é espectacular, pero na rúa é un dos traballos dos que máis me fala a xente, senón o que máis. Pero a competencia é feroz, e o mellor que ten o noso público é que non nos abandona ata o fin do episodio aínda que remate un pouco tarde. Iso quere dicir que mantemos a tensión por saber a resolución da trama ata o final.  

Pepo Suevos1É algo diferente ó que puidemos ver ata agora na TVG, estamos vendo xa cambios neste senso? Están os produtores “renovando” un pouco a oferta da Televisión de Galicia?

“Caseiros” fuxe un pouco dese costumismo que tan arraigado está na nosa tele, está claro. Pero xa houbo cousas cun humor similar antes de chegar nós. Eu noto que hai algún intento ou declaración de intencións dende as produtoras para engadir un novo tipo de espectador á programación da Galega, pero por desgraza este non é un bo momento. Os recortes que afectan ao noso sector dificultan moitísimo a competición con outras canles, e os experimentos ou innovacións poden ser perigosos se a audiencia ve algo que non identifica. E quen arrisca, cos tempos que corren?

É o mesmo equipo que o de “Libro de Familia”, nove anos estivo esta serie, veste sendo Eladio tanto tempo?

Eu véxome facendo o que faga falta. Eladio sería unha opción estupenda, pero me conformo con traballar os próximos nove anos como traballei os nove anteriores. Como se teño que repetir todo o feito, (risas!). Pero, falando en serio, Eladio é duro. Deformar a voz como a deformo, e o ritmo frenético que temos de gravación e a enorme presenza que ten o personaxe na serie, habíanme pasar factura ao longo de nove anos. Ao mellor ata adelgazaba e todo!

Pepo SuevosQue tal é a rodaxe? Que tal con Isabel? Cóntanos algunha anécdota!

Moi ben! Houbo algún momento no que o traballo saía polas orellas, xa que son capítulos de unha hora mantidos só por seis personaxes, pero para iso estamos. A Isabel non a podo ver diante (risas!). Evidentemente, é de carallada. Precisamente con ela é coa que teño máis confianza, que xa levamos moitos anos facendo cousas xuntos. E co resto de compañeiros tamén moi ben, e aínda que xa digo, houbo momentos de moito agobio no laboral, no persoal foi todo unha marabilla.

Claro é que traballar con ese ritmo ten que ser…

Mira como era a cousa, que eu lembro unha secuencia que nos cambiaron, decidiron adiantala e gravala antes do que estaba previsto, e eu non a tiña ben memorizada contando con que ía ter tempo para estudala despois, mentres os meus compis facían outra secuencia na que eu non estaba. Pois aproveitei que na escena anterior só saía ao principio e despois marchaba do decorado, para deixar un guión alí agochado e estudar a secuencia seguinte. Ritmo trepidante, que lle chaman.

“A xente ten que desconectar e deixar a mente un pouco en stand by

Unha cousa que adoitas dicir é que a comedia é terapia, non? É como un servizo social. Moita faltiña nos fai, non?

Pepo SuevosSi, pero ademais comedia “chatarrera”, nada de pensar en segundas intencións ou mensaxes ocultas. A xente ten que desconectar e deixar a mente un pouco en “stand by”, porque pensar moito sempre nos acaba levando a algo desagradable. E para chorar xa están os telexornais, non?

E como servizo social que presta, non deberíamos coidala un pouco máis? Falo agora xa da túa outra faceta, dos teus principios, o que é o humor en directo, o monólogo. Está difícil a cousa?

Non teño queixa ningunha. É certo que cada vez sae menos xente da casa, e os locais intentan ofrecer algo distinto para atraer clientes. Pero tamén é certo que manexan menos orzamento, e entón hai que pensar moi ben o que se quere facer. Pero xa digo que, eu, por sorte, vou bastante ben servido.

Tes algún proxecto entre mans neste senso ou estás agora centrado na televisión?

“Teño feito de malo moitas veces, sobre todo relacionado co narcotráfico, os malos son moi divertidos tamén”

Pois estou facendo, coma sempre, unha media de catro ou cinco “bolos” ao mes. Cando teño moito traballo en tele ou cine, intento dosificar, pero unha vez acabadas as gravacións de “Caseiros” e de “A casa da Conexa”, estou metido en estrada totalmente.

Con que te atopas mellor? (Pregunta orixinal onde as haxa) Que che gusta máis e que che da máis satisfaccións, a televisión ou o directo?

Sempre o directo, pola pronta recompensa. Xa sabes se a xente o está a pasar ben ao momento. Na tele podes estar contento dun traballo, pero a satisfacción ou recoñecemento chega moito máis tarde. Claro que a tele é o mellor escaparate posible para que a xente vai aos directos…

Pepo SuevosOutra destas de escoller, a comedia é o teu medio natural, pero vímoste tamén facendo de malo malísimo en Matalobos, e dende logo o Ruso aquel metía medo… Como foi abandonar as risas e os chistes? Gustaríache facer máis papeis deste tipo?

Pois a verdade é que en ficción teño feito de malo moitas veces, sobre todo relacionado co narcotráfico, e vouno levando ben. Os malos son moi divertidos tamén. E en tele, creo que “Caseiros” é a primeira comedia pura na que teño certo peso. Eu son cómico no directo, pero en tele e cine comedia non fixen moita.

Porque, unha cousa que me pregunto eu, os que vos dedicades ó humor tedes como ese peso enriba de ter que dicir sempre algo gracioso, non? (Risas)

Noooon. Polo menos eu non me sinto obrigado. O que pasa que o feito de traballar de guionista, fai que a cada cousa que pasa lle intentes sacar utilidade “por se acaso”. É como un adestramento permanente, pero voluntario. O que pasa é que eu aínda por riba,  son moi simpático de serie e pode parecer que sempre estou traballando, (máis risas!)

Pepo SuevosO humorista nace ou faise? Isto é de toda a vida ou ti ías por outro camiño e acabaches nisto?

Eu penso que nace. Despois aprendes trucos, textos, recursos, que che fan mellorar, pero senón ven algo xa no animal, creo que non sería posible chegar a vivir disto. Eu ía por outro camiño, son economista e xestor administrativo, pero sempre pintei moito a mona. E un día informáronme de que se podía cobrar por iso. Pois ata hoxe. Ten moito que ver Victor Mosqueira, que foi o que me deu o último impulso, foi aquilo de estar no sitio correcto no momento xusto.

“O día que deixemos de rir de nós mesmos, acábase o mundo”

E en Galicia neste senso temos moito talento! Hai moi bos monologuistas, moi bos humoristas… Isto vai tamén na maneira de ser que temos? Somos de rir de nós mesmos os galegos?

Temos talento para TODO. Non ves que ata o tipo que opera ao Rei é medio galego? Pero na comedia hai moitos nomes na elite, iso está claro. Hai que explotar a famosa retranca e claro que nos rimos de nós mesmos. E que o día que deixemos de rir de nós mesmos, acábase o mundo. Non hai exercicio máis san e recomendable.

Bueno Pepo, pois sexa como sexa, que siga saíndo adiante o humor, en todas as súas variantes e formatos, que ben o necesitamos.

Pois moitas grazas e que así sexa. A Dios muy buenas.

Pepo Suevos

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 25 de Abril do 2014 | 3:13 p.m.

Outros temas de Plató Aberto