Cristina García: “Hai que saber calar, os protagonistas dos programas son os convidados”
Podemos dicir sen medo a equivocarnos que Cristina García é unha das persoas máis faladeiras que pasaron por esta sección. Tres horas ininterrompidas dedica cada tarde a conversar con todos nós a través dos micrófonos da Radio Galega. Cristina enche A Tarde de historias, persoas e contos. Contos entendidos á vella usanza, contos dos de sentar a carón dun café e deixarse levar. Faino cunha naturalidade e calidez que xa lles digo eu que non é creada para o personaxe, senón que veñen de serie, e que se manteñen intactas tras quince anos de profesión, e se por ela é, botará outros tantos ou máis. Como se adoita dicir, e nós que o vexamos! Digo, e nós que o escoitemos! |
Nome: Cristina García López (Ourense 1977) Un lugar: cando todo sae ben, o meu estudio de radio Un hobby: ir de tendas Unha comida: a pasta Unha virtude: creo que a empatía, tento ser coa xente como me gustaría que foran comigo. Un defecto: son demasiado vehemente Un soño: se dixera outra cousa mentiría. Sempre soñei con ser de constitución delgada. |
A túa voz Cristina acompaña tarde tras tarde a milleiros de galegos que te escoitan a través da Radio Galega no programa A Tarde, toda unha responsabilidade ehh… (Risas)
Tes toda a razón, é moita responsabilidade. O truco está en que non son moi consciente. Ou sexa, que son unha inconsciente!
Cal é o teu obxectivo á fronte de A Tarde? Que tratas de transmitir ós teus oíntes?
Pois mira, o único obxectivo é que a xente estea a gusto e quede connosco. A nivel persoal penso que debo traballar nun programa que eu mesma escollería como oínte e aínda que esta premisa pareza doada, non o é tanto. Hai días que saes satisfeita do traballo que fixeches e outros, non tanto. Pero o bo é ser autocrítica e aproveitar eses “días malos” para aprender.
Nalgunha ocasión tes dito que para ti, que unha das cousas que máis che gustan é falar, é todo un luxo poder facelo deste xeito…
Si. Pero hai un problema, ás veces falo de máis! Hai xente que mo di, e acepto as críticas. Tamén hai que saber calar, non debemos esquecer que os protagonistas dos programas son os convidados.
Tamén traballaches en televisión, non? De feito se non me engano, creo os teus comezos foron no programa de Ana Kiro, pode ser? Como foi aquilo?
Que memoria! Pois si, o Tardes con Ana foi o primeiro que fixen na tele. Foi no ano 2000 e para min supuxo unha grande oportunidade. Facía o espazo de noticias do corazón con outros compañeiros e paseino xenial. O bo deste tipo de información máis frívola é o divertida que é de facer. Permíteche botar unhas risas, facer bromas… Por suposto gardo un gran recordo da xente que traballamos alí e, especialmente de Ana Kiro que se portou xenial comigo.
Algunha exclusiva? (Risas)
Si! Lembro o meu primeiro día no programa. Conseguín unha entrevista co pai de Julio Iglesias que nos confirmou en primicia que Miranda estaba embarazada! Comecei con moi bo pé.
E comezando así, como foi que chegaches á radio? Era o que buscabas ou foi todo cuestión das circunstancias?
En realidade non comecei alí, cando foi aquilo xa levaba tempo traballando na radio e compaxinei un pouco todo. Foi unha época chula pero esgotadora. Polas mañás interviña todos os días no programa O Miradoiro da Radio Galega, ás dez e media da mañá. Polas tardes ía á tele e polas noites traballaba no programa Operación Maragota na radio que era ata as dúas da madrugada. O meu horario era de nove e media da mañá a dúas da madrugada! Hoxe creo que non o aguantaría. Cando rematou o programa na tele, seguín traballando na radio como fixera ata aquel momento.
Iso si que é coller experiencia! Que ten a radio que tanto engancha Cristina? Cal é esa maxia da radio?
Para os que traballamos na radio, este medio permíteche moitas cousas. Calquera idea que teñas vai ser moi fácil de plasmar, non é como na tele que dependes de moita xente e de moitas cousas. Para o que escoita a radio a maxia está na súa imaxinación. É un medio que, cando o escoitas, ti podes estar creando unha imaxe na túa cabeza moi distinta da que crean outras persoas.
Dos proxectos que levaches a cabo ó longo da túa traxectoria, tanto de radio como de televisión, cal ou cales destacarías? Cal recordas con especial agarimo?
A pesar de que hoxe son moi feliz co que fago, hai un período que lembro con especial cariño. Eu traballaba no programa O Miradoiro (pola mañá) e mandáronme deseñar un concurso para ocupar 15 minutos. Decidín complicarme a vida. Decidín facer unha radionovela diaria na que os traballadores da radio eramos os actores. Cando digo traballadores non falo só de locutores, tamén técnicos, produtores, ordenanzas, xefes… Nos guións de cada capítulo incluíanse gazapos, palabras mal ditas e a xente tiña que atopalas. A radionovela, que se chamaba “Os pobres si que choran” acabou sendo o momento máis agardado do programa! Imaxina que traballiño escribir eses guións… Pero paseino xenial. Para cada personaxe de ficción inspirábame no personaxe real que o ía interpretar, así que cada un de nós interpretaba un personaxe co que compartía virtudes e defectos (sobre todo defectos) que eran esaxerados ó límite. Sorprendeume o ben que cada quen se tomaba este xogo. Hoxe, moitos compañeiros séguenme recordando divertidos aquela época. Foron máis de 400 capítulos e mesmo recibín un premio da Asociación Galega da Radiodifusión.
En que cambiou Cristina García como xornalista? Como fuches evolucionando ó longo da túa traxectoria e por que?
Supoño que hoxe son máis prudente que antes. Tamén a experiencia me deu máis seguridade. Cando empecei a traballar, un imprevisto supoñíame moito medo, hoxe encántanme os imprevistos. Espero seguir medrando en confianza pero nunca confiarme demasiado.
E como evolucionou a radio ou o sector en xeral? Tecnoloxía, internet, redes sociais… Dirías que mudaron as cousas?
Imaxina… Eu levo 15 anos na radio e o cambio foi radical. Pero para min moi positivo. A través de internet a xente escóitate en calquera lugar do mundo a calquera hora. Coas redes sociais coñeces as opinións dos oíntes, o que lles gusta… E en tempo real! É xenial estar facendo un programa e que a xente vaia aportando opinións ou datos no momento.
E outra cousa, antes os locutores de radio eran un misterio, non se lles poñía cara e cada quen imaxinábaos dunha maneira. Agora xa é máis complicado, Pasouche iso algunha vez iso de… Quen es que me soa a túa voz?
Bueno, iso exactamente creo que non. Pero si é certo que ás veces hai xente que te coñece polas fotos ou por saír algunha vez na tele. Si me ten pasado ó revés do que ti dis. O outro día coñecín a unha persoa e, falando, comenteille que traballaba na Radio Galega, no programa A Tarde. Entón contestoume, “Ah! con Cristina García?” Entón tiven que dicirlle que eu era Cristina García!
(Risas) Entón por norma xeral pasades máis desapercibidos…
No meu caso si, paso desapercibida. É moi raro que alguén me aborde para dicirme algo. É curioso que me ten pasado que hai xente que me ve nalgún sitio e logo me escribe para dicirmo. Eu sempre lles contesto: e por que non me dixeches nada naquel momento? Coa ilusión que me faría!!!
E tantas horas fronte ó micrófono dan para moito, terás unha chea de anécdotas… Algunha que recordes especialmente?
Anécdotas hai de todo tipo. As mellores son os momentos de risas, pero eses só teñen graza cando os estás a vivir. Logo cando os contas, non tanto. Pero logo hai anécdotas non graciosas pero que son desas que che quedarán gravadas para sempre. Por exemplo, este pasado día de Nadal non ía traballar porque o programa quedara gravado, pero, como saberás, ese día ardeu a Capela da Virxe da Barca en Muxía, así que me chamaron pola mañá para ir facer a Tarde en directo. Tiven que deixar plantada á familia en Ourense. Claro, se agora che digo que eu quedei encantada de ter que facer un especial non me crerás, verdade?
O que tamén é certo é que é unha profesión que permite coñecer a moita xente e moitas historias. Algún persoeiro que che emocionara especialmente entrevistar?
Por fortuna entrevistei a moita xente interesantísima pero falareiche da que foi, a nivel persoal, a miña entrevista favorita. Insisto, a nivel persoal, porque interesantes houbo moitísimas. Dende que empecei a traballar nisto eu tiña unha teoría: se entrevistas a alguén de quen es fan, sempre, sempre, vas levar unha decepción. Entrevistei a moita xente que admiraba moito e todos me decepcionaron un pouco. Pola contra, xente da que a priori non agardaba moito, sorprendéronme para ben. Pero a teoría deixou de valer cando entrevistei a Manolo Tena, a quen eu sempre admirei moitísimo. Descubrín un home encantador, que gozaba mentres o entrevistaban, que tarareaba as súas propias cancións cando as poñiamos. Acabei confesándolle que el fora a única persoa na miña vida á que lle pedín un autógrafo. Foi cando eu tiña 18 anos. Acabou dándome unha aperta.
Que tería sido Cristina García se non fora xornalista?
Sen dúbida profesora. De feito, nun principio, é o que tiña pensado ser.
Dicíamos antes que te defines como unha gran amante da conversa, non? Máis aínda se falamos de viaxes, de series de televisión e de compras?
Todo iso me vale! (Risas) Pero ten unha explicación. É moi frecuente que a xente me pregunte pola miña afección ou hobby e, realmente, creo que non teño ningún. Non fago deporte nin toco ningún instrumento, nunha época pintei pero xa o deixei. Así que cando me preguntan polas miñas afeccións eu respóndolles co que fago no meu tempo libre, que basicamente é iso: ir de compras, viaxar ou ver series.
Confésanos un de cada. Unha viaxe, unha serie e un tipo de compras ou lugar para comprar?
Pois mira, a viaxe é faciliña porque agora hai moitos voos, recoméndovos Londres. Eu vou todos os anos. A serie de televisión que vos vou recomendar é unha que me está dando moitas ganas de viaxar a ese lugar: Nashville. É unha serie de cantantes de Country. Non vos ten boa pinta, verdade? a min tampouco ma tiña, pero hai que vela. E para compras valen moitos sitios, por exemplo o propio Londres ou París, pero claro, de rebaixas. O subidón cando compras é conseguir un bo prezo así que vou recomendarvos Nova York e, de paso, estou recomendando outra viaxe.
E xa para rematar Cristina, como te ves dentro de 10 anos? Como che gustaría verte polo menos? (Risas)
Primeiro delgada! Non. É broma. Imos deixar o de delgada de segundo. A sorte que teño é que se hai 10 ou 15 anos contestase esta pregunta, a miña resposta tería sido unha situación moi parecida á que estou vivindo. Se son optimista véxome no 2024 como unha cuarentona interesante rodeada da súa familia e amigos de sempre. Co seu traballo de sempre, que afortunadamente conserva, e cos seus compañeiros de traballo de sempre que afortunadamente tamén conservaron o seu traballo. Asinaría por iso.
Moitas grazas por ter conversado connosco! Un pracer!