publicidade hoxe
Pablo Cacheda: “Estou rodeado de xente que ‘no social’ fanlle falta bastantes clases” - Cabecera

Pablo Cacheda: “Estou rodeado de xente que ‘no social’ fanlle falta bastantes clases”

Pablo Cacheda

Imaxinan unha asignatura dentro dos plans de estudos para ensinarnos a comportarnos ante situacións da vida cotiá? Cantos desgustos aforrariamos se alguén nos tivera dado a tempo unhas “Clases do Social”! O que queira recibilas poder facelo agora a través desta webserie de Pablo Cacheda, que acaba de rematar a rodaxe da súa segunda tempada. Seguro que máis de un se ten visto nalgunha destas situacións…
Pablo Cacheda

Nome: Pablo Cacheda de Paz (Pontevedra, 1989)

Un lugar: Pontevedra

Un hobby: o deporte (fútbol sala, tenis…)

Unha comida: ovos fritos con patacas

Unha virtude: perseveranza

Un defecto: o desorde

Un soño: gravar unha película de xénero musical

Agradecémosche esta pequena parada que fas para charlar con nós Pablo, porque acabades de gravar a segunda tempada de “Clases do Social” e debes estar a tope, non?

Pois non podo dicir que non, cando entras en rodaxe parece que por fin acabou o peor na preprodución, e pasa o mesmo despois da rodaxe, pero entras en postprodución e parece que nunca paras de traballar na serie!

Para quen aínda non a coñeza, cóntanos, que é “Clases do Social”? Que podemos atopar nela?

Clases de lo Social” é unha webserie de comedia que conta situacións cotiás que a calquera lle puideron pasar. A diferenza é que son contadas baixo unha perspectiva didáctica, con clases, profesores e alumnos incluídos e en clave de comedia. Ao final unha webserie de humor coma moitas.

Como xurde este proxecto Pablo? Como decides poñelo en marcha e por que?

A webserie ven dunha curtametraxe chamada “Unhas clases do social a tempo” que se estreou no ano 2012. Cando fixemos a promoción daquela curta a resposta da xente era que o tema daba para máis, fixemos caso e o mellor destino para facelo era internet. Así foi como comecei a escribir a primeira tempada.

E de onde sae a idea? A título persoal, onde ves esa necesidade de recibir unhas clases neste senso? (Risas)

Eu estou rodeado de xente que “no social” fanlle falta bastantes clases… (Risas). Cando estamos en rodaxe acostumo a comentar que moitísimas das situacións son autobiográficas! Creo que a moita xente lle pasan esas cousas e aí está a graza do asunto.

Canta xente conforma o equipo?

A verdade e que é un equipo amplísimo… Na segunda tempada concretamente o equipo técnico de rodaxe debe andar nunhas 28 persoas sen contar con actores… Súmalle a xente que traballa na preproducción, logo tamén a postproducción e un elenco de actores principais e secundarios non demasiado pequeno… Maréome de pensalo, téñoo todo moi recente (risas).

Un momento da rodaxe de Clases do SocialComo foi a posta en marcha de todo isto? Refírome a nivel dificultade, foi moi complicado botar a andar este proxecto?

Si, pero axuda moito vir dun proxecto anterior, moita parte do equipo mantense desde a curtametraxe. Sen dúbida é clave, hoxe pódese dicir que a xente ten anotada nas súas axendas a tempada de CDLS como traballo. Ao principio foi difícil pero o apoio de certas persoas, do equipo técnico e actores foi clave.

E conseguir todo o que facía falta? En primeiro lugar, o máis importante; os patrocinios. Resultouvos difícil atopar o apoio económico necesario?

É complicadísimo, non se pode dicir doutro xeito. Cada ano é como comezar de cero, pero o bo é que temos patrocinadores moi fieis que ano a ano demostran que o produto interesa. Uns súmanse, outros danse de baixa… Eu sempre digo que a publicidade en internet queda “gravada a lume”, os que entran nunha tempada alí quedarán para sempre… Para min investir nunha webserie é moi rendible.

E en canto a localizacións, escenarios e loxística en xeral? Foi complicado atopar todo o necesario ou puxéronvolo fácil?

É sen dúbida a forma máis rendible de financiamento, practicamente todos os lugares que aparecen na webserie axudaron en algo; con cartos, comidas, aloxamentos…Outros que interesan máis como pode ser o instituto, puxéronnolo todo moi fácil. E as dúas cidades que serven de escenario nesta segunda tempada, Pontevedra e Santiago, apoiáronos para que CDLS siga en Galicia.

Pablo CachedaHai moita xente implicada e participando nesta serie, mesmo actores con moito nome no audiovisual galego (Santi Romay, Sabela Arán, Federico Pérez, Avelino González, Monti Castiñeiras, Mayka Braña) como conseguiches contar con eles?

Na curta e na webserie contamos co apoio incondicional de Santi Romay e Carlos Blanco. Por isto cando saíu a primeira tempada algunha xente xa coñecía a curta. Nesa primeira tempada entraron actores e na segunda máis! Isto axuda, o apoio de todos os actores, a entrada e saída de personaxes, é algo que axuda moito a que a serie sexa fresca. Non ten moita ciencia, eu chámoos e se queren/poden veñen e se non, non (risas).

Cóntanos algunha anécdota Pablo, haberá unha chea delas, cóntanos algunha!

As anécdotas veñen derivadas a meirande parte das veces do equipo técnico, que escacha de risa en moitas secuencias… Nesta última, e sen desvelar nada dela, varias anécdotas protagonizounas o que fará do cuñado de Santi Romay, Gerardo (David Perdomo).

Supoño que o resultado da primeira tempada foi bo, por iso estades traballando na segunda… Satisfeito? Que aceptación tivo a serie?

Si. Pero a oferta de webseries é amplísima, é moi complicado chegar a números, por dicilo dalgún xeito, “rendibles”. De todos os xeitos conseguimos xerar unha boa comunidade de seguidores en Youtube e en redes sociais. Suficiente para lanzarnos a pola segunda, aprendendo dos erros da primeira.

Caricaturas dos actores de Clases do Social

Está pegando cada vez máis forte o fenómeno das webseries. Precisa o audiovisual de novos modelos? E se é así, podería estar en Internet a alternativa?

É a pregunta do millón! Eu creo que si, de feito é evidente que se non existise internet eu non estaría contestando a esta entrevista! Está claro que falta rendibilidade, pero está chegando, eu xa a empezo a notar…

En que medida dirías que “Clases do Social” é un proxecto innovador? Ou sexa, hai algo similar xa feito ou rompe un pouco os estándares?

Cando estiven no “Carballo Interplay” facendo posta en común e escoitando opinións, a conclusión que saquei, é que o rompedor é o “punto didáctico” da serie. Comedia hai moita, pero a nosa comedia “ensina” un pouquiño.

O que tamén é moi importante é a labor de difusión non? O feito de dar a coñecer a serie. E creo que nese senso vos non podedes estar en máis lugares xa…

Cada vez que sacamos algo, tratamos e trato de ir a todos os lados, coa primeira tempada xiramos por aí a serie con monólogos, torneos de fútbol, festivais… Cidades como Madrid, Barcelona, Oporto, A Coruña, Santiago, Pontevedra… Isto suma xente e espectadores, a promoción online é importante, pero tamén a offline.

Momento da rodaxe de Clases do SocialQue imos atopar nesta segunda tempada Pablo? Novidades?

A principal foi a entrada de Diana López como guionista, isto fai que a serie se “feminice” un pouco, xa que hai situacións “moi de tía”. Profesoras, máis protagonismo de Sabela Arán… A entrada de personaxes como o pai de Carlos, ou o irmán de Marta, unha maior atención aos grupos de amigos e amigas dos protas… Moitas cousas e moi boas que esperamos que gusten!

E xa para rematar, dende a túa perspectiva, como valoras a situación do audiovisual en Galicia? Como están as cousas dende a óptica do que trata de facerse un oco nisto?

Non son de dar consellos porque a situación é a que é e creo que ninguén vai sobrado hoxe no audiovisual e estamos sufrindo bastante. Pero se teño que dar un a quen empeza, é que se non atopa nada, que inicie algo propio. E que escoite os consellos para ir mellorando coa crítica, dunha curta pode saír unha serie… E quen sabe que máis!

Pois agardemos que moitas cousas! E nos que as vexamos. Grazas Pablo!

Equipo de Clases do Social

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Maio do 2014 | 10:00 a.m.

Outros temas de Plató Aberto