Antonio Mourelos: “Nunca tiven interese en poñerme diante das cámaras, aínda sigo sen estar a gusto de todo”
É difícil decidir por cal das túas facetas comezar esta conversa, así que vou deixar a decisión nas túas mans, nestes momentos de cal delas hai máis en Antonio Mourelos?
Na academia estamos a voltas coa gala dos Mestre Mateo deste ano, pero, agora mesmo no que máis centrado estou é na miña faceta de docente na facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. Seguramente traballar cos meus alumnos sexa a faceta que, de momento, mais satisfaccións me produce.Teño claro que, se algún día tivese que deixar o mundo do audiovisual, habíame gustar dedicarme á docencia.
A dobraxe foron os teus comezos, coma actor e coma director de dobraxe. Que aprendiches deste mundo? Que che aportou para dedicarte despois á interpretación?
Durante moitos anos estiven vendo e escoitando durante horas ao día como o facían os mellores e os peores actores. Só tiña que ter ansias de aprender. Esas ansias de aprender dos demais tereinas sempre, sexa a través da dobraxe ou dos compañeiros e compañeiras coas que teño a sorte de traballar.
Adoitas dicir que dos personaxes ós que dobras, Michael Caine é o teu preferido, que cres que pensaría el da túa dobraxe? Non se pode negar que gran parte da imaxe que temos del é cousa túa, unha boa ou mala dobraxe pode ser determinante?
Pois non sei o que pensaría, pero se algún día puidese coñecelo, sería o último que lle preguntaría… Por se acaso (risas). O que si fago sempre, antes de dobrar a primeira frase, é pedirlle perdón. Sei que, no caso da dobraxe ao galego é por unha boa causa, pero non podo deixar de sentir que, aos actores que dobro, lles “roubo” unha parte moi importante do seu traballo. Respecto á segunda pregunta, unha mala dobraxe pode ser determinante para que cambies de canle… Non sei se me explico.
“Non podo deixar de sentir que, aos actores que dobro, lles “roubo” unha parte moi importante do seu traballo” |
E como foi o salto á interpretación? Cal foi o primeiro papel que interpretaches? Querías ser actor ou foi unha cuestión das circunstancias?
Nunca tiven especial interese en poñerme diante das cámaras, aínda hoxe sigo sen estar a gusto de todo. Un día, unha persoa que me coñecía do meu traballo como actor de dobraxe, propúxome para facer unha proba para o personaxe de Gonzalo Lantaño en Rías Baixas. Tiven a sorte de interpretalo, pero sobre todo tiven a sorte de traballar con un equipo impresionante, tanto técnico como artístico, encabezado polo director Jesús Segura… E aquí sigo.
E despois de ser ese malísimo “Gonzalo Lantaño” fuches tamén o “Capitán Táboas” en Matalobos, defensor da integridade e a xustiza. En que tipo de papeis te ves mellor? E sobre todo, con cales gozas máis?
Calquera dos dous son personaxes moi “agradecidos”. Véxome cómodo con personaxes de carácter forte; normalmente son máis sinxelos á hora de compoñer, e por outra parte, o público deseguida se “identifica” ou empatiza con eles. Postos a escoller, gústanme os personaxes reais, humanos, con matices. Detesto ós de “cartón-pedra”… Pero supoño que hai que facer de todo, ou de case todo.
Algún papel ó que lle gardes un cariño especial? Por que?
A Pombo de “As Leis de Celavella”, porque era un personaxe moi ben escrito, co que me sentín especialmente cómodo. Tamén porque me permitiu formar parte do equipo da que, para min, é, con diferenza, a mellor serie que se fixo en Galicia. A Victor o meu personaxe de “18 Comidas”, porque me fixo sentirme orgulloso de ter participado nunha película de culto. E a Octavio de “Imperium”, porque cada día de rodaxe era unha “masterclass” impagable e porque grazas a esta serie podo dicir que “fixen” unha de romanos en Cineccittá.
“Gárdolle especial cariño ao papel de Pombo, de As Leis de Celavella, porque me permitiu formar parte da que para min é, con diferenza, a mellor serie que se fixo en Galicia” |
As series de ficción galega están acadando cada vez máis recoñecemento, por exemplo Matalobos foi seleccionada como mellor ficción europea competindo con máis de 20 países. Quere dicir isto que en Galicia as cousas estanse a facer ben?
Sempre se fixeron ben, e non se fan mellor, porque non hai vontade de risco. O día que as produtoras decidan reducir o marxe de beneficio, a televisión pública aposte por unha ficción de calidade, aumentando os presupostos, e uns e outros confíen nos bos profesionais que ten esta terra, será cuestión de intentalo quizais un par de veces, pero á terceira, a nosa ficción ocupará o lugar que, por talento e “saber facer”, merece.
Se cada vez hai máis profesionais galegos repartidos polo panorama nacional e internacional será por algo non? Porque raro é atopar unha serie española na que non haxa actores ou profesionais do audiovisual galegos.
Raro non, eu penso que é imposible. Pero xa non é cuestión de cantidade, senón de calidade. Directores, produtores, guionistas, directores de foto, actores, actrices, montadores ou cámaras galegos están entre os mellores e mellor considerados do panorama audiovisual estatal; e cando digo entre os mellores, digo entre a elite. Precisamente, e grazas a eses profesionais, nunca tanto respecto se lle tivo á “Marca Galicia” mais alá de Piedrafita
Supoño que este aspecto é o máis doce de ser o Presidente da Academia neste momento, o que ten que ver co orgullo e a satisfacción polo traballo ben feito que se está a realizar. Pero seguro que tamén hai moitos amargos. Que é o peor?
Non sei se será o peor, pero doe moito ver, por exemplo, na gala dos premios Mestre Mateo a mais de mil profesionais do sector e comprobar que deles só douscentos son socios da academia. Penso que nunca, como agora, o sector necesitou tanto da unión de todos os que o compoñemos.
É algo moi teu dicir que non che gusta a palabra crise, pero supoño que tal e como están as cousas é imposible obviar o que está supoñendo a cuestión económica para o audiovisual galego…
“Defender uns recortes fronte a outros é, a parte de demagoxia ruín, defender a falta de liberdade” |
Non me gusta a palabra crise, mais que nada porque se utiliza en moitas ocasións para disfrazar, esconder ou escusar determinados comportamentos. De verdade alguén pensa que detrás da suba do IVE cultural ao 21% está a crise? De calquera xeito o que está claro é que a falta de recursos para o audiovisual galego está supoñendo un duro golpe para a industria, para a supervivencia no sector de tantos e tan bos profesionais, e para o futuro dos que hoxe teñen 20 anos e queren, algún día, dedicarse a este mundo.
É unha cuestión de subvencións? Pode ser que as veces resulte difícil defender as subvencións para a cultura ante os recortes doutros sectores?
Afortunadamente hoxe a sociedade empeza a saber que o mundo da cultura en xeral, ou o cine en particular reciben menos en subvencións do que recada o estado vía impostos. Cando falemos de cultura non falemos de subvencións, sexamos honestos e falemos de inversión. Defender uns recortes fronte a outros é, a parte de demagoxia ruín, defender a falta de liberdade.
E neste caso, que perigo pode supoñer isto a longo prazo? Unha sociedade sen cultura?
A longo prazo non sei, a medio prazo, unha sociedade escravizada, e a un prazo más inmediato, o que xa estamos sufrindo: un sistema cada vez menos democrático.
Ademais, custou tanto traballo chegar ata aquí que deixar agora que se veña abaixo…
Pois sexamos realistas… Só queda confiar en que sexamos capaces, algún día, de volver comezar de cero, coas mesmas ganas, ilusión, talento e intención de crear.
Por que decidiches presentarte á reelección, alguén te tomou por tolo? Non hai moitos que repitan en cargos coma este. Que obxectivos te marcas dentro deste segundo período?
O certo é que toda a xunta directiva pensou que, logo de dous anos, abandonar agora cando empezabamos a recoller parte do que foramos sementando era, como mínimo, desatender un compromiso que tiñamos con nós mesmos e co sector. Os obxectivos, agora que conseguimos establecer unha boa vía de diálogo, son seguir defendendo o sector do audiovisual galego diante da administración, que se nos siga tendo en conta como industria. E por outra parte, estamos mantendo contactos con Latinoamérica para establecer convenios de colaboración como os que temos coas academias española ou catalá.
Algunha mensaxe que darlle a alguén? Ós políticos, ó sector, á sociedade?
Ós políticos que non perdamos nunca a capacidade de diálogo, ó sector que se non somos capaces de unirnos, polo menos non nos separemos máis, e á sociedade…que sexa crítica.
De que te sentes máis orgulloso na túa vida, Antonio, a nivel persoal e profesional, con que te quedas?
No persoal, sen dúbida do que mais orgulloso me sinto é da miña familia e dos meus, poucos pero escollidos amigos. No profesional, aínda non fixen nada polo que sentirme especialmente orgulloso… Se acaso, ás veces non podo evitar un sorriso orgulloso e cómplice cando vexo na pantalla ou escoito na radio algúns ex- alumnos e alumnas. Gústame pensar que eu tamén colaborei nunha pequena, pequenísima parte á súa formación.
E xa para rematar, en que andas metido nestes momentos? Acabamos de verte en “El tiempo entre costuras”, fai nada en “El secreto de Puente Viejo”, próxima parada?
Pois ando moi ilusionado con un par de proxectos; un deles ao outro lado do océano que parece xa moi encamiñado, e outro por estas terras que me apetece moitísimo e polo que vou cruzar os dedos para que saia. Tamén, e xa a outro nivel, querería empezar a darlle forma a un guión co que levo uns meses traballando, e que, xa postos, me gustaría dirixir.
Pois moita sorte Antonio. Moitas grazas por todo e ata sempre.