publicidade hoxe
Rubén Riós: “Estar vendendo chourizos nunha feira, e ó día seguinte rodar con ese actor que admirabas de cativo” - Cabecera

Rubén Riós: “Estar vendendo chourizos nunha feira, e ó día seguinte rodar con ese actor que admirabas de cativo”

 ruben-rios-5

Rubén medrou detrás da barra do ultramarinos que rexentaba a súa familia en Riós, e aí foi onde se converteu no que é hoxe. No ultramarinos, en Riós, na súa casa familiar e na dos seus veciños, nas rúas, nos montes, entre os castiñeiros e ó carón da lareira. Para facerse actor tivo que marchar de Riós e formarse, pero de aquí levaba xa a bagaxe máis importante; a persoal. Nas nosas casas entrou sendo o Marcos de Libro de Familia, pero o seu currículo recolle ademais outras series, películas e curtas tanto como actor como detrás das cámaras, como director. Por non falar do Festival de Riós, que está a piques de celebrar a súa edición deste ano e que se consagra xa como unha cita ineludible do audiovisual galego. Que como pode con todo? Imos ver se nolo explica…

 

ruben-rios-1Nome: Rubén Rodríguez Rodríguez (Riós, 1980)

Un lugar: un souto de castiñeiros

Un hobby: o meu traballo

Unha comida: cocido galego

Unha virtude: gústame pedir e fascíname dar

Un defecto: son moi desordenado

Un soño: seguir soñando

Normalmente cando se fala de ti faise como “actor e produtor galego” non sei en cal das dúas facetas te atopas máis cómodo, con cal te identificas máis?

Son facetas distintas, como actor dou renda solta a miña imaxinación, creo as miñas personaxes mirando ós que me rodean e ós que me educaron. Como produtor aprendín da xente e dos grandes profesionais dos que levo rodeado dez anos. Gústame aprender de todas as facetas desta bonita profesión. O coñecemento permítenos ser cada día máis libres e crear dunha forma máis extensa. A verdade é que me sinto cómodo coas dúas, como actor formeime pero como produtor son autodidacta.

Iso si, coa de galego sempre, non? Moi galego e moi de Riós, que papel xoga o teu pobo na túa vida?

Empecei nomeando Riós alí onde ía por estar orgulloso de onde son e de onde veño, nun primeiro momento só era iso. Pero iso foise convertendo nun xeito de vida, e Riós foi quedando no apelido. A implicación, tanto miña como do meu equipo, co rural galego é total. Os avós, as cortes, as costumes… A aldea ten dado moito a este país e nós temos que darlle tamén a ela. Galicia é unha aldea grande, con todo o bo que iso quere dicir. Cando o admitamos seremos a ostia.

Adoitas dicir que lle debes moito a Riós pero dende logo Riós tamén che debe moito a ti. Despois de seis edicións, o Festival de Artes Escénicas de Riós consolidouse xa como unha cita ineludible do calendario audiovisual e isto dende logo doulle moita visibilidade o pobo…

Temos que estar orgullosos do noso, eu simplemente utilizo o meu traballo e a miña popularidade para facer un festival onde é moi difícil visualizalo. Está claro que o distinto hoxe en día é o que lle interesa o espectador. O festival de Riós é un festival pequeno, enxebre e, sobre todo, distinto… O que son como persoa transmitíronmo a Pacita, o Hermógenes, os meus avós e tamén os meus veciños. Eles eran os que entraban no ultramarinos da Pacita e me atopaban detrás da barra. Facer isto con 12 anos é algo que marca moito; ves aprendes, sentes, soñas, falas… E acabas creando.

Como xurde este festival? Como decides poñer en marcha este proxecto? Foron duros os comezos?

Os comezos sempre son duros, pero non vou desaproveitar esta bonita entrevista que me servides en queixarme. O festival xurde da unión de Abelardo Gabriel e máis eu, Abelardo deixounos no ano 2010. Todos somos o que nos dan, e Abelardo a min deume ganas e ilusión. Axudoume a xuntar xente e prensa cando eu era un perfecto descoñecido. Dende que nos deixou o festival chámase Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel.

ruben-rios-3Toda unha homenaxe. A día e hoxe que supón esta cita para a cultura? Que papel xoga? Conforma, xunto co Festival de Cans, unha corrente na que o rural está a adoptar un papel cada vez máis importante dentro do sector cultural…

Con este festival chega ó rural unha proposta cultural que de non ser así dubido moito de que chegase. Nel podemos atopar audiovisual, monólogos, música, actividades de socio-culturais… De aí unha das seccións que creamos o ano pasado: “Todos podemos facer cine”, onde os protagonistas son xente con discapacidade traballando diante e detrás da cámara. Esta sección está dirixida pola actriz e pedagoga Estíbaliz Veiga.

Por un lado festivais en escenarios rurais, polo outro películas como Pradolongo ou Vilamor que se desenvolven el lugares como Valdeorras ou a Fonsagrada, podemos dicir que se trata dunha volta á nosa esencia, ás nosas raíces?

Ese creo que é o gran problema, que o vemos como unha volta as orixes as nosas raíces. Esas cousas deben estar sempre presentes e non ter que recordalas nin  facer bandeira delas. Ás veces véxome obrigado a ter que defender algo que non debe ser defendido, simplemente ten que estar presente en corpo e alma dentro de nós. Como a lingua, as raíces, as lendas dos nosos devanceiros, as nosas costumes… Hai outros proxectos como “La carne cruda”, “Clases de lo social”, “Las brujas del elente”. Son proxectos que non falan do rural e tamén forman parte do meu currículo.

Que supuxeron para ti estas dúas películas? Sobre todo Pradolongo, que foi o teu salto á gran pantalla…

Aprender, aprender, aprender! Verme en grande co pequecho que son  e pensar; ostia ese son eu!!!

Ata ese momento virámoste na televisión, participaches en varias series, pero o teu papel por excelencia foi o de Marcos en “Libro de Familia”, onde estás máis cómodo? Na televisión ou no cine?

Cómodo estou nos dous sitios. A tele é máis cómoda e dáche unha fama e unha repercusión máis inmediata, o cine non ten nada que ver coa tele aínda que de portas para fora pode parecer que si. Todo vai máis coidado, hai máis tempo, máis de todo…… Marcos deume moito, Libro de Familia foi un máster durante 9 anos no que por enriba me pagaban.

ruben-rios-4

En canto a Libro de Familia, que sentes cando a recordas? Despois de nove anos, a nivel persoal ten que haber moitos recordos, vivencias e anécdotas…

Ves pasar a vida na ficción e na realidade dunha forma fugaz. Veste no primeiro capítulo e no último e dis; esta e a vida Marcos!!! Saes do set, atópaste no plató, miras ó teu arredor e ves os que casaron, os que tiveron fillos, os que nos deixaron, e dis; esta e a vida Rubén!!!

A nivel profesional unha serie destas características e duración ten que aportar unha bagaxe incrible…

Moita, sobre todo gañando confianza nun mesmo. Na interpretación unha parte é talento, outra formación, e unha grande tamén autoconfianza. Esta última é froito das dúas anteriores.

Máis aínda unha vez se converteu no fenómeno que foi. Imaxinabades que ía ter o éxito que acabou tendo?.

Cando lin o primeiro capitulo chorei! Casualmente era un domingo “eu chorei, chorei o domingo á tarde” (Risas) E pensei, isto vai pegar forte, pero non pensei que tan, tan forte.

ruben-rios-2E se falamos da túa faceta de director? Tes dous Premios Mestre Mateo, un por “Adeus Edrada” e outro por “Coser e Cantar”, isto non é casualidade… Como xorden estes dous proxectos e como te sentes dirixíndoos?

Creo que na medida en que un profesional controla as distintas facetas, é máis completo no seu traballo e pode dar máis de si. Eu tiña unha historia autobiográfica que me pasara con 7 anos, un día contándolla a un compañeiro de piso díxome; Rubén agora que traballas na tele, xa levaba catro anos en Libro de Familia, conta esta historia en imaxes. Faleino no plató, e unha serie de profesionais do mellorciño de Galicia, xunto comigo, atopámonos en poucos días rodando  en Edrada. Edrada é unha  pequena e fermosa aldea do Concello de Vilariño de Conso. É unha curta de amigos que me levou a moitos lugares do mundo e a moitos recoñecementos. Despois, como quedou tan bo sabor de boca, apareceu “Coser e Cantar”, que a nivel recoñecementos nos deu aínda máis que Adeus Edrada?. E agora estamos preparando dous proxectos para dirixir; “O meu último avó”, que é consecuencia de Adeus Edrada? e da persoa que nos abriu Edrada, que nos permitiu entrar no seu mundo e no seu corazón. Este foi Adolfo, ese home galego, pastor fornido en mil batallas. No novo ano será unha realidade. E tamén estamos preparando “Vida”,  un proxecto audiovisual onde os protagonistas serán persoas con discapacidade de Aspanas Termal, xunto con actores e actrices profesionais.

Que me dis desta faceta túa máis social? Sempre lle deches moita importancia a esta cuestión. De que proxecto te sentes especialmente orgulloso?

Eu sinto que lle debo moito á sociedade.  Eses sorrisos que me botan pola mañá, esa persoa que ben sacar unha foto contigo, ese home ou muller que te aconsella, ese orgullo que ves cando te miran, tamén hai os que miran doutro xeito, non todo e idílico! (Risas) Pero eu quedo co positivo! Claqueta Coqueta, a produtora que dirixo, e todo o equipo que a forma, está moi envorcado en temas sociais, porque temos que dar un pouquiño do que nos dan. Do proxecto que máis orgulloso me sinto é do que estamos a levar a cabo agora, “Vida”.

cartel-riosOutro tema no que tamén estás a traballar, dentro do Festival de Riós, é o da Ruta do Talento, non? Creo que nace coa vocación de manter o espírito cultural, o espírito de Riós, durante todo o ano. Canto se pode facer cun castiñeiro se sabemos aproveitalo, verdade?

Canto se pode facer cun castiñeiro, canto! Queriamos que o festival estivese presente todo o ano, en Cannes teñen as palmas no chan, iso e vida? O paseo da fama de New York ten a pegada no chan coas estrelas, iso é vida? (Risas) Nós, tentando ser distintos, quixemos plasmar iso nun ente vivo que lle dera moito a esta terra e ó mundo, e pensamos nos nosos veciños máis milenarios e con máis experiencia: os castiñeiros. Así comezamos o ano pasado con Javier Gutiérrez e Moncho Fernández, e este ano será Carmen Avendaño. Agardámosvos o 14 de agosto á 13.00 no souto de castiñeiros!

Máis proxectos Rubén! Inda hai máis?

Si! Estamos tamén con Galaicus, idea orixinal miña, unha película de celtas e romanos xunto con Farruco Castroman e Luis Tosar, en breve saberedes moito máis disto.

E xa para rematar, unha frase que che temos escoitado, “o que trunfa nestes momentos é aquilo co que a xente se identifica”, con se identifica Rubén Riós? Que é o que te emociona?

Eu identifícome con Galicia en todos os seus sentidos. Eu identifícome cos valores que me ensinaron ó redor dunha lareira. Eu identifícome con poder vender chourizos nunha feira e ó día seguinte estar rodando co actor ou actriz que vías e admirabas dende cativo. Eu identifícome co cariño e entrega da miña parella e da miña familia, e todo iso emocióname.

Moitas grazas Rubén por ter conversado connosco.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 30 de Xullo do 2014 | 9:40 p.m.

Outros temas de Plató Aberto