Sabela Arán: “Non vou ao cine todo o que me gustaría, porque non mo podo permitir”
Unha película, un Mestre Mateo. Este podería ser o resumo dos comezos de Sabela Arán. Agora, cun pouquiño máis de experiencia (toda a que se pode ter con 26 anos), esta santiaguesa afincada en Madrid prepara xa o seu segundo filme baixo as ordes Ignacio Vilar, e só pide unha cousa; poder traballar do seu, do que máis lle gusta, do que leva no sangue, ser actriz. O talento non vai a ser o problema. |
Nome e apelidos: Sabela Arán Román Un lugar: Santiago de Compostela Un hobby: cine Unha comida: marisco Unha virtude: constancia Un defecto: son bastante terca Un soño: poder vivir do meu traballo |
Bueno Sabela, empezo con iso de “quédense co seu nome porque dará moito que falar” e “xoven promesa do cine galego”, ou estás xa cansa de escoitar estas cousas? (Risas)
Non estou cansa porque non o escoitei tantas veces! (Risas). Se é así significará que teño traballo e que continúo aí.
A túa primeira película, “Vilamor”, valeuche un Premio Mestre Mateo, si que se está a cumprir rápido a promesa ou que? Imaxino que encantada co resultado desta primeira experiencia…
A verdade é que si, porque foi todo moi inesperado. Empezando por saber que ía traballar en Vilamor e, finalmente a obtención do premio. Encantada é pouco!
E de recibilo a entregalo… O ano pasado recolléchelo e este ano fuches a encargada de dar o Premio Actor de Reparto, como te sentiches?
Entregar un premio foi unha experiencia bonita, e dar un recoñecemento importante por un bo traballo sempre é satisfactorio. Neste caso aínda máis por estar tan ben acompañada polo actorazo Javier Rey e sobre todo, por dicir o nome de Ricardo de Barreiro, ó que considero un actor fantástico e unha persoa increíble.
Que tal estivo a Gala?
A gala non a puiden disfrutar tanto como me gustaría porque a maior parte do tempo estiven detrás do escenario, pero o que vin gustoume. É unha noite importante para o noso audiovisual, unha noite de encontros con compañeiros e ademais, amigos.
E teño que dicircho tamén, o estilismo todo un éxito! Fuches unha das grandes triunfadoras tamén nisto ehhh
(Risas) Iso foi todo mérito de Ángel Nimo e Pedro Fernández! Fixeron un gran traballo…
Cando recibiches o teu Mestre Mateo o ano pasado, deches un discurso ben emotivo no que deches as grazas ós teus pais por terte apoiado dende o principio, creo que foi teu pai o que te avisou do casting, non?
Si! Foi el quen se enterou! (Risas) A verdade é que é así. Meus pais sempre me apoiaron en todo, e así é moito máis doado.
Como foi a rodaxe de Vilamor? Como foi ese primeiro contacto co cine? A rodaxe tivo que ser dura, na Fonsagrada, co frío…
Foi dura si, pero tamén é certo que eu non a podía comparar nese momento con nada porque era a miña primeira experiencia importante. Agora coa distancia as cousas vense doutro xeito… Si que foi difícil por moitos motivos, principalmente as condicións meteorolóxicas, tendo en conta que había moitos exteriores e as localizacións atopábanse en lugares de difícil acceso.
Foi unha película ademais que tivo unha labor de promoción moi forte e moi diferente á que estamos afeitos a ver, ou sexa que máis aprendizaxe se cabe… Fálanos da caravana Vilamor.
A caravana levou, non digo tanto traballo como a película pero case! Foi moi intenso porque estivemos moito tempo dun sitio para outro tratando de compartir a historia de Vilamor coa maior cantidade de xente posible. Estivemos en 291 institutos, ademais de asociacións culturais, facultades etc. Para todo o equipo foi unha experiencia máxica, sobre todo a nivel persoal.
Cada vez máis son precisas estas promocións para que unha película trunfe? Custa máis que antes que a xente vaia ó cine?
Hai películas que por diferentes motivos se poden vender soas de por si, pero tal e como estamos neste momento onde á cultura (neste caso concreto ao cine) só se lle poñen atrancos, penso que non está de máis intentar por outras vías que os cines estean cheos. Son a primeira que non vou ao cine todo o que me gustaría, porque non mo podo permitir… Por exemplo, a medida que tomaron algunhas salas de cobrar a entrada a 3.90 euros os mércores está funcionando moi ben. Levaba anos sen ver as salas tan cheas.
Cando menos é para reflexionar, dende logo. E ademais do cine, comezámoste a ver tamén en series, primeiro en Matalobos e despois no teu salto ó panorama nacional con Gran Hotel. Gústache tamén a televisión? Como foi esa experiencia nunha serie emitida en todo o país?
A experiencia foi a mesma pero con caras non tan familiares para min, porque non coñecía a case ninguén do equipo. Si que me gusta a televisión, é un traballo que pode ter unha maior continuidade e iso axuda non só economicamente, senón tamén á hora de adquirir experiencia.
E máis cousiñas, “Las brujas de E´Lente”, outro proxecto diferente e digamos… Terrorífico, non? Creo que hai moita sangue… En que papel te veremos nesta película?
Rodouse hai uns meses a primeira parte, e polo que sei o director Simón Vázquez e o resto do equipo xa están traballando no que falta. Eu teño un papel pequeniño xunto con Xoel Yáñez pero que foi moi divertido de interpretar.
Ademais é unha película financiada por medio de crowdfunding, un sistema aínda bastante descoñecido pero cada vez máis empregado e que está a dar moi bos resultados. En que consiste? Como resultou no voso caso?
Como é normal hai que buscar solucións á hora de financiar proxectos que sen cartos non van poder saír do caixón, e o crowdfunding é un dos métodos. Trátase de que todo o mundo poide axudar a financiar neste caso un filme, facendo a achega económica que queira. Desta forma o propio espectador decide que proxecto quere apoiar. Xa participei nalgúns traballos que recorreron ao crowfunding e grazas a iso se puideron facer.
A promoción loxicamente tamén ten que ser moito maior e os actores implícanse moito máis en todo o proceso…
Si, por suposto, nesta situación todos os membros do equipo témonos que implicar a fondo.
Estudaches Comunicación Audiovisual, dende a túa formación e coñecendo do sector dende dentro como o coñeces, como están as cousas?
Eu estudei esta carreira porque realmente me gustaba (e me gusta), pero tiña claro dende o principio que ao rematar me centraría sobre todo na interpretación. Para saber como está o sector só teño que pensar en toda a xente que formabamos parte da nosa promoción e ver quen está traballando do que estudou… Non tantos como nos gustaría.
Como dicía, estudaches audiovisual en Santiago, fixeches o teu Máster en Madrid e por alá quedaches, contas con volver a Galicia ou o teu futuro está fora?
A verdade é que vivo en Madrid porque continúo formándome alí pero en realidade veño a Santiago cada pouco. Polo momento tiven máis traballo en Galicia que fóra, pero o meu futuro estará sempre onde haxa traballo (de tódolos xeitos na casa estase estupendamente!)
O que si é seguro é que de visita as volver a miúdo porque tes as túas avoas aquí que bos tiróns de orellas che darán como non veñas velas…
(Risas) Precisamente elas son un dos motivos polos que veño con asiduidade. Pero de tiróns de orella nada, elas están encantadas con que estea facendo o que me gusta, sempre e cando me paguen (Máis risas!)
Se non me equivoco pásalo verán, sempre que podes, en Portosín. Que é o que máis che gusta facer cando chegas á casa despois dunha tempada?
Si , Portosín é a miña segunda casa. É o lugar perfecto para desconectar. Para min é sinónimo de vacacións, familia e amigos.
E xa para rematar Sabela, proxectos. Cóntanos, cando te veremos? Onde? Como? (Risas)
Nestes momentos teño un papel na nova película de Ignacio Vilar, “A Esmorga”, que tendo en conta que é unha das miñas novelas favoritas me fai moitísima ilusión. A rodaxe xa está en marcha así que teremos que agardar pouquiño para poder disfrutala.
Pois moita sorte con esa rodaxe, estaremos atentos e agardamos falar contigo de novo cando a presentedes. Sorte Sabela.