publicidade hoxe
Santi Romay: “Mareas Vivas sempre me acompañará porque foi a mellor escola posible” - Cabecera

Santi Romay: “Mareas Vivas sempre me acompañará porque foi a mellor escola posible”

Santi Romay

Tiña 13 anos cando entrou por primeira vez nun plató de televisión, e foi no de Mareas Vivas nin máis nin menos. Naquel momento xa tiña dous requisitos cumpridos; anos de experiencia no teatro (con nove anos subiu por primeira vez a un escenario), e unha vocación que non lle ía permitir tirar a toalla. Vímolo en de comuneiro en Vilamor, de trastornado en Matalobos e tamén como organizador de eventos se falamos do Nordestazo. Esta cita estase a converter en todo un referente no mundo dos festivais musicais, unha espiña que este apaixonado da batería e a guitarra continúa a quitarse pouco a pouco.

Santi Romay

Nome: Santiago Romay Lema (Malpica, 1983)

Un lugar: Malpica de Bergantiños

Un hobby: escoitar música

Unha comida: Bufff… Unha soa? Fideuá por exemplo

Unha virtude: a puntualidade

Un defecto: o desorde

Un soño: poder traballar toda a vida do que me gusta, actuar

 

Para darlle un pouco a volta á tortilla, imos comezar falando de música. Supoño que xa estaredes a tope coa organización do Nordestazo Rock, cando é a cita? Cóntanos cousiñas!

A edición deste ano celebrarase o 26 de Xullo e xa temos confirmadas bandas de primeiro nivel nacional como Los Enemigos ou El Drogas, e outras con moita proxección como Anima ou Terbutalina. Iremos completando o cartel e esperamos que o festival siga medrando pasiño a pasiño coa axuda do público. Intentamos crear un espectador fiel ó Nordestazo.

Como foi que te metiches nisto Santi? Como decidiches comezar a organizar este festival?

Pois todo empezou por uns amigos da infancia que querían facer un festival de música no noso pobo e enleáronme de mala maneira (risas). O que comezou como un festival pequeno de amigos estase comezando a consolidar en Galicia. Fóisenos das mans!

Bueno a paixón pola música xa viña de atrás, non? Porque ti tocabas a batería e mesmo tiveches un grupo…

Mi madriña o voso é periodismo de investigación (risas). Si, tiven un grupo que durou pouco, chamábase Gandaf… Sempre me apaixonou a música, sobre todo o rock and roll. Comecei tocando a batería para liberar tensións, pero agora doulle máis a guitarra. E como agora chapurreo ca guitarra e non teño grupo, pois como alternativa organizo un festival.

E como foi a cousa, fixécheste actor porque o da música non saía, ou deixaches a música porque tiraba máis a interpretación?

Santi Romay e Sabela Arán nunha escena da webserie "Clases do Social"Gústanme as dúas cousas, pero sobre todo a interpretación. Creo que me defendo mellor na interpretación ca na música, aínda que non descarto seguir evolucionando nalgún instrumento. Os actores temos que estar en continua formación.

O que é certo é que na interpretación empezaches moi novo, como foron os comezos? Que foi o primeiro que fixeches?

Eu fixen teatro dende os 9 anos. Comecei na escola de teatro de Malpica, logo con 13 anos entrei en Mareas Vivas. Mareas Vivas sempre me acompañará, porque foi a mellor escola posible e permitiume dar un paso importante na profesión.

Que significou para ti esta serie? Foi o berce de moitos grandes actores do noso audiovisual, e ti debías ser dos máis mozos…

Foi un privilexio traballar con todo ese elenco de grandes actores e actrices. Era unha formación continua e aínda por enriba pagaban! (Risas). Ademais fixen grandes amigos naqueles anos que me axudaron e apoiaron na miña carreira.

Despois de Mareas Vivas viñeron outras moitas series, tamén participacións a nivel nacional, que proxecto recordas especialmente?

Pois sempre me quedo co último que fixen, porque é co que máis estás envorcado nese momento. Acabei agora a rodaxe de ‘Clases de lo Social – A webserie’. Carlos é un personaxe co que me divirto

En Matalobos vímoste facendo de malo malísimo… Metías medo ehhh (Risas) Como foi aquela rodaxe?

Encantado de facer de malo. Xa tiña ganas. Foi un papel moi agradecido, un trastornado. O Tarado como lle chamaban. Gústanme os papeis de malo, quizais porque tiven pouca ocasión de facelos.

Santi RomayE que me dis de Vilamor? Esa si que tivo que ser unha rodaxe dura… Conta unha historia desas que poucas veces chegan á gran pantalla, non?

Foi unha rodaxe dura porque aínda que as paisaxes que se ven na película son impresionantes, non permiten traballar moi comodamente. O esforzo por parte do equipo técnico e artístico foi enorme. Pero creo que o resultado foi bo, e transmitíronse os valores da comuna de Foxo, que era o que se pretendía. Intentamos mostrar como aqueles comuneiros buscaron un mundo mellor, sen propiedade privada e en contacto permanente ca natureza.

Neste filme confluístes unha xeración de actores, a que temos en Galicia nestes momentos, que a verdade é que é un luxo. Estamos nun momento no que sodes unha chea e todos bos! (Risas)

Si a verdade é que coincidimos unha xeración moi próxima en idade. Esperemos que siga habendo traballo para todos (risas), e que non quedemos esquecidos para os directores.

Pero case tirades máis para o cine e a televisión que para o teatro, non? Ti adoitas dicir que che gusta moito este xénero, pero non sei se economicamente un se pode dedicar a el…

Cada ámbito ten a súa técnica, os seus pros e os seus contras. Quizais a contra do teatro é que economicamente está menos remunerada… Aínda así, o teatro permíteche o directo co público, a emoción do espectador in situ, e ti percíbela de inmediato, sen pantallas de por medio.

Como están as cousas nese senso? En que momento se atopan as artes escénicas en xeral, e o audiovisual en particular?

Pois xa non hai tanta diferenza económica, a cultura en xeral pasa por momento difíciles. A falta de cartos provoca que haxa menos producións en todos os ámbitos. Con menos cartos, inda por riba hai menos tempo para facer cousas… Parece que intentan bater o récord de gravar as máximas escenas no menor tempo posible.

Santi Romay xunto con Sheila Fariña durante a rodaxe de "Vilamor"É preciso un cambio de rumbo? Hai que cambiar o modelo? Por exemplo cara as webseries? Está aí o futuro?

Non sei se o futuro está en internet, o que si sei é que hai que intentar que as webseries sexan rendibles como o pode ser unha serie para televisión ou unha película para o cine.

Ti estás metido nun proxecto deste tipo que ademais tamén ten unha temática diferente, e que trata de innovar un pouco (contábanolo o seu director hai uns días) Son precisos tamén os cambios neste senso? Novos temas, novas postas en escena?

Clases de lo social, non é unha webserie ó uso… Senón que se divide en dúas partes; unha teórica e unha práctica. Todo isto en clave de humor. Sen dúbida, é unha webserie innovadora e que ten moitas posibilidades de futuro. Pouco a pouco están entrando patrocinadores.

Santi Romay coa Xarra Casares ao mellor actor secundario (2011)E xa para ir rematando Santi, falemos de ti, despois de todas estas cousas nas que andas metido, queda tempo para algo máis? Que che gusta facer cando tes algo de tempo?

Pois descansar, gústame moito durmir (risas). Tocar a guitarra, pasar tempo coa familia, algo de deporte, nadar… E se aparecen cousas interesantes para formación actoral, pois aproveito e fago algún curso.

Seguro que tamén ir a Malpica, non? A pesares de non residir alí creo que a estás moi apegado á túa terra?

Tamén. Alí está a miña familia e os meus amigos. Malpica é un lugar precioso, sobre todo no verán…

Plans de futuro? Algún proxecto en mente?

Acabo de rematar a gravación dunha serie para tv, que esperemos retomar en setembro, e agora mesmo ando coa xira de primavera do Da Vinci Tiña Razón de P.T Excéntricas, que continuaremos despois do verán. Tamén teño un proxecto que aínda non está cerrado, así que polo de agora non podo dicir máis! (Risas).

Estaremos atentos logo! Moitas grazas por ter conversado connosco Santi!

Representación de "O Xardín das Pernas Roubadas"

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 2 de Xuño do 2014 | 2:32 p.m.

Outros temas de Plató Aberto