Manquiña: “Estoulle moi agradecido a Airbag, significou moito para min no profesional e no persoal”
Difícil resulta atopar a alguén a día de hoxe que non coñeza frases como “Tú tenías mucha rasón” ou “aquí van a haber hondanadas de ostias”. Airbag é desas películas que un pode ver unha e outra vez e atoparlle sempre algo novo. O mérito disto, segundo Manuel Manquiña, é dos guionistas, aínda que se mo permiten ás veces non só importa o que se di, senón tamén como se di. |
Empecemos por poñernos ó día Manuel. En que andas metido nestes momentos? Que andas facendo?
Respondo ás túas preguntas e fágoo con moito interese.
(Iso é certo, dou fe) Como é a cousa Manquiña, primeiro es monologuista ou primeiro es actor?
Non! É precisamente porque largaba uns monólogos extraordinarios, polo que alguén me suxeriu que me dedicara á interpretación. O de extraordinarios quere dicir que eran moi longos. Unha pesadez vaia!
Pero malia todo, como monologuista, hai certos temas dos que xa tes dito que non che gusta falar…
No fagas moito caso do que leas por aí noutras entrevistas. Xa sabes, o mesmo que hoxe digo unha cousa, mañá dígoche outra.
Como é Manuel Manquiña na casa?
Pois moi modosiño. Por exemplo nunca cociño en bata ou cos rulos postos. Non é que non me guste, ponme moito unha señora con rulos, pero eu non son señora ni teño onde poñer os rulos. A bata si, na súa percha. E ás súas horas, na miña.
Temos esa imaxe simpática e “graciosa” de ti. Non cansa un pouco isto? Non che dan ganas ás veces de mandar á xente a paseo?
Paréceme unha descortesía mandar á xente a paseo cando ó mellor teñen ocupacións que atender. Non debemos dirixir a vida das persoas ata o punto de dicirlles cando teñen que ir a pasear. Tal vez en Corea do Norte ou Albania antigamente. Aquí de momento non!
“Largaba uns monólogos extraordinarios e alguén me suxeriu que me dedicara á interpretación, extraordinatios de longos!” |
Sempre foi así Manuel Manquiña? Ven desde pequeno esta faceta? Xa che gustaba actuar e esas cousas de neno?
Si, xa che digo que me gustaba recitar cousas. Na escola ensinábanche recitados, e máis che valía sabelos. Eu prefería aprender os poemas de Garcilaso que as potencias matemáticas, que lle imos facer! Resultábame máis sinxelo…
E como comezou a túa carreira propiamente? En que momento te fixeches en actor?
O que se di en serio comecei sobre os dezasete anos. Aínda que xa actuara ós catro anos facendo de pastorciño nun Belén. Negueime a dar o meu texto cando me tocaba porque me cambiaron unha pel de cabra por unha de ovella branca con riciños. Dábame vergoña aquela mariconada! Entonces podíase dicir “mariconada”, non era politicamente incorrecto. Aínda que podías levar un sopapo por la palabrota! En fin!
Que che dixeron na casa? “Deixa o escenario e ponte a estudar” por exemplo?
Animáronme moito. A primeira vez que actuei como profesional, invitei a miña nai. Ó rematar pregunteille que que lle parecera a obra, e díxome; “está moi ben meu fillo, pode que lle sobre hora e media, pero está moi ben”. Animoume moitísimo.
A túa película máis emblemática, sen dúbida, é Airbag. Que significou para ti este filme? Como o recordas?
Airbag é unha película á que lle estou moi agradecido. Significou moito para min no profesional e no persoal, pero no teño dela a mesma impresión que poden ter os espectadores. Eu non a descubrín, eu fíxena.
“Nalgunhas vodas, cando os noivos cortan a torta, el cántalle a ela Tú tenías la Rasón… Resulta moi agradable” |
Cantas veces che fixeron repetir aquilo de “hondanadas de ostias”? E inda hai algunha máis… Destas fraseciñas si que estarás farto xa…
É marabilloso ver á xente desfrutar realmente de algo do que ti formaches parte. Nalgunhas vodas, cando os noivos cortan a torta, el cántalle a ela “Tú tenías la Rasón” Iso é gracioso, e se a xente cho comenta, dende logo que non é para mandala a paseo. Resulta moi agradable.
Tes dito que Airbag é unha xoia, e que guste ou non guste é a película máis popular do cine español. É así?
Airbag forma parte dese tipo de películas que independentemente da crítica ou das academias, resisten ó tempo e convértense en obra de culto dende o principio. Se ti decides vela periodicamente, significa que esa película está por enriba do análise sesudo, o de “sesudo” entrecomillas mellor. Simplemente gusta e diche algo de cada vez, sempre lle descobres algo novo. O mérito sen dúbida está no guión e na dirección.
E outro gran éxito foi Torrente. Como foi interpretar aquel “El Francés”? Un sicario…
Os personaxes de sicario son sempre moi agradecidos, Recordo que tiña que traballar con Carlos Barden e con Espartaco Santoni, pero o máis difícil sen dúbida, foi golpear a Toni Leblanc. Eu non quería facelo. O propio Toni animoume e díxome como facelo. El fora boxeador ademais de toureiro, e gustáballe que o recordaramos. Un fenómeno Toni!
Mellor cine ou mellor tele? Dinos unha interpretación de cada medio coa que te quedes. Un personaxe que che quedara especialmente marcado?
Esa era a pregunta que agardaba con máis interese. De verdade que todos os medios son bonitos. A súa técnica é só parecida pero para o actor non hai grandes diferenzas. Cuestión de matices. En televisión disfrutei moito con personaxes como Avellán, un tipo repugnante que espiaba ás súas veciñas e cuxa obsesión era velas en bragas. Con Morris paseino moi ben, e fixemos bonitos personaxes como Tony e Beni e o famoso “En Pelotas”. Agora disfruto moito co cabronazo de Don Anselmo en Era Visto. Como podes ver, todos tipos desprezables e polo mesmo, adorables para un actor.
“Cantar é a maior satisfacción que seguramente podes atopar enriba dun escenario” |
Bueno Manuel, e ademais da interpretación, despois está a túa paixón pola canción. Gústache cantar, non?
Pois si! Cantar é a maior satisfacción que seguramente podes atopar enriba dun escenario. Gústame máis que interpretar. Bailar debe ser marabilloso tamén e todo o que sexa seguila música no ten rival sobre las táboas. Por iso unha boa ópera é un espectáculo casi perfecto. Danza, música, interpretación y canto! Toma xa!
Tanto é esa paixón musical que mesmo cantaches nunha xira con Siniestro Total, pode ser?
Si. Foi un traballo realmente bonito. A historia do blues contada polo gran Hernández. Julián Hernández compuxo unha interesante historia cronolóxica da música blues americana. Había bonitas cancións e eu tiven a honra de ir con eles de xira e contar a historia, cantar algunhas cancións e pasalo ben! Pero non é bonita a vida do músico “moito músculo e pouco cerebro”. Intensas pero breves paixóns e logo demasiadas horas de resaca dentro dunha furgoneta de merda rodeado de tíos, onde as mulleres so son un recordo e unha esperanza. Non compensa, para iso mellor actor.
“O Xabarín foi dos mellores traballos colectivos nos que participei” |
E o do Xabarín? Ollo que iso é quedar na infancia de toda unha xeración!
O Xabarín foi dos mellores traballos colectivos nos que participei. O de colectivo está ben, traballaba moita xente pero tamén é certo que houbo un director. Un único director que sabiamente dirixiuno todo e adiantouse ós orzamentos da crise facendo que aquilo fora posible, Suso Iglesias. Ó meu modo de ver nunca se recoñeceu suficientemente o seu traballo. Todo o Xabarín é obra del. O bos músicos, guionistas, letristas, ximnastas, técnicos, etc. Conseguiunos el. Todos axudamos e fixemos un bo traballo, eramos os mellores daquel momento das catro provincias, pero cando digades a palabra Xabarín, pensade que estades dicindo Suso Iglesias.
En la ducha no canto porqué me entra agua en la boca.
(Risas) E poñéndonos un pouquiño máis serios Manuel, como valoras a situación do audiovisual na actualidade? Estase a notar moito a crise?
Esas preguntas non sei contestalas. Sempre hai alguén que parece saber como superar as situacións de crise da profesión. Levo vendo crise na profesión dende o ano 1971. Cando entrei xa había crise, segue habendo crise e espero e desexo que cando me vaia, continúe habendo crise. Non concibo a creación se non é en estado de crise. O certo é que cada vez hai máis e mellores actores. Máis e mellores producións. Máis e mellores empresas que fan bos anuncios, boas películas, bos curtametraxes. Pero xa che digo, debe haber xente máis lista que saiba responderche a esta pregunta e solucionar a crise.
“Cando entrei había crise, segue habéndoa e espero que cando me vaia, continúe. Non concibo a creación se non é en estado de crise” |
A título persoal como ves o futuro? Algunha espiña cravada que che gustaría quitarte?
Non teño ningunha espiña cravada, nin personaxe pendente, nin penalti que repetiría. A vida de calquera profesional está chea de momentos diversos con resultados variados. O que hoxe parece un fracaso, mañá é un éxito, o que hoxe é e aplaudido, mañá resulta frío. Hai tantas variables, públicos, estados de ánimo. Está vivo!
Proxectos en mente? Onde te poderemos ver a curto prazo?
Sempre hai proxectos en mente sobre as servilletas de papel, apuntes no ordenador, conversacións cos amigos… Pero non os podes poñer todos en pé. Solo algúns saen adiante, os que sobreviven, como nunha selección natural. É estupendo!
Moitas grazas por ter conversado connosco Manuel.