publicidade hoxe
Saamira Ganay: “Eu quería ser James Bond, non a moza de Bond!” - Cabecera

Saamira Ganay: “Eu quería ser James Bond, non a moza de Bond!”

Saamira Ganay no papel da Cabo Otero en Matalobos

Unha muller forte e cunha historia que contar. Ese é o papel que Saamira Ganay soña con interpretar. E ese seguramente tamén podería ser o resumo da súa vida. Forte porque a pesares de non telo fácil, acabou cumprindo os eu soño e converténdose en actriz. E cunha historia que contar porque a pesares da súa mocidade, son centos os proxectos nos que ten participado e nos que participará. Moitos recordarana como a Cabo Otero de Matalabos, pero asegúrolles que sen o uniforme e na distancia curta gaña un mundo, e non me refiro ó físico, non vaian a pensar. Ou polo menos, non só.

Saamira Ganay

Nome: Mónica-Saamira Ganay Núñez (Ourense)

Un lugar: en Galicia case calquera, pero meu Ourense e meu Lanzarote… van comigo

Un hobby: moitos, o cine e a música son fundamentais

Unha comida: pementos de Padrón e polbo a grella

Unha virtude: soñadora

Un defecto: soñadora

Un soño: vivir con dignidade de este traballo

Case poderíamos dicir que te fixécheste actriz contra vento e marea Saamira, mesmo contra ti mesma porque creo que trataches de evitalo, non? Como foi iso?

Coma moitísimos compañeiros nunca tiven apoios para loitar por esta profesión. Por medo ou descoñecemento, a familia e amigos tentan protexerte… É comprensible. Quixen ser actriz dende os 4 ou 5 anos ou quizais antes, recordo que dende sempre. Pero tiven unha adolescencia, e algúns anos máis, duros en canto a saúde, e funme mentalizando de que así sería imposible. Cando aquilo mellorou as miñas circunstancias de vida eran realmente complexas; traballaba, estudaba, e tiña outros problemas… Non podía pensar niso, doía. Así que tentei esquecelo para non sufrir. Pero hai uns anos alguén apareceu na miña vida que me deu o empurrón axeitado e o apoio preciso, e todo cambiou.

Dende logo foi unha carreira de fondo… Nese intento de buscar outra vocación estudaches deseño e artes plásticas, por que este campo? Como che foron os estudos?

Busquei dúas posibles vocacións, a de monitora deportiva e as artes plásticas e deseño, e compaxineinas durante anos! Era un fervello e precisaba estar en mil sitios. Escollín o deseño porque era algo creativo e necesitaba seguir facendo cousas creativas… Non me foi mal, non me queixo das notas! Cando rematei traballei nalgúns proxectos si, encargueime dalgunha imaxe corporativa, levei un par de proxectos de deseño e dirección de obra para locais hostaleiros… Estivo ben. Onde me sentía mais cómoda dentro da publicidade era na parte creativa, o técnico abúrreme.

 A túa outra gran paixón de feito é a pintura, non si? Continúas pintando?

Si, é algo moi especial para min. Sempre que podo volvo a coller os pinceis ou aínda que sexa, fago un bosquexo no meu caderno.

E que tal se che da?

(Risas) Non son unha grande pintora, non vaias pensar! É un xeito máis de me expresar no que loito por ser o máis honesta posible, e no que me resulta máis doado espirme. Por iso mesmo sempre me custou mostrar os meus cadros, aínda que agora apeteceríame moito expoñer.

E volvendo á interpretación, como dicíamos, a pesares dos intentos non houbo maneira e acabaches sucumbindo. Como foron os comezos?

Case nada que mereza a pena é doado, e isto non é excepción. Viña do teatro estudantil en moitos sitios e con moitos mestres e mestras diferentes e en disciplinas distintas… Commedia dell ´Arte, voz e canto, interpretación cinematográfica, loita escénica, teatro xestual, dobraxe … Aínda que moitos me aconsellaron que non o fixera, decidín compaxinalo facendo figuración onde cadrase, sabía que podía absorber coñecementos como unha esponxa só estando nas rodaxes e centreime en non molestar e aportar o máis posible.

Recordas o teu primeiro papel?

Si! (Risas) Claro! Foi na serie Padre Casares. Río porque a miña primeira frase no audiovisual foi moi coñera! (podo dicir coñera non? –Por suposto, boa sinal esa!- ) . Os curas da diocese fixeran un calendario e a igrexa encheuse de mulleres, o meu personaxe non tiña vergonza ningunha así que no medio do sermón asubioulle ó cura e berrou: “Curita cañón!” Pedro Alonso e o resto do equipo aínda fixeron bromas unha boa tempada con iso!

Saamira Ganay E dos que tes interpretado ata o momento, con cal te quedas? A cal dos teus personaxes lle gardas especial agarimo?

A moitos pero, a cabo Otero ensinoume moito.

Con ela formaches parte do reparto dunha das ficcións galegas de máis éxito de todos os tempos, Matalobos. E de feito foi un personaxe que foi gañando forza ó longo das tempadas, non? Como recordas esta serie?

Foi a escola e a esperanza na profesión. Aprendín moito nela e conseguín chegar viva o derradeiro capítulo, que non era doado! (Risas) (A verdade é que non…). Descubrir compañeiros fabulosos e poder aprender deles era un luxo. Foi un premio que alguén me distinguira entre tanto uniforme e me dera a oportunidade de formar parte do reparto da serie.

Esta é a pregunta típica, mellor televisión, cine ou teatro?

O mellor é no que traballes nese momento. Cada un apórtache algo distinto, e ti lle das algo distinto tamén. Só os diferencio na técnica, a alma dos personaxes debe ser a mesma e todos poden ser igual de enriquecedores. Aínda que é certo que no teatro, a resposta inmediata do público e sen intermediarios ten algo especial.

Participaches tamén en moitos proxectos digamos… “alternativos”. As curtas e os proxectos con menos recursos axudarán a curtirse imaxino, non?

Axudan a aprender e a curtirse moito. Pero sobre todo axudan a valorar o traballo dun equipo. A escaseza de medios é moita e hai que agudizalo enxeño e a paciencia. E por riba contactas con xente da profesión que paga moito a pena, ás veces pasan a ser algo máis que compañeiros.

Algún que destacarías en especial?

Rodando “Rojo” fixen algún amigo ó que boto en falta. A película “Los pájaros de la mina” foi aprendizaxe e cariño. A curta “El deber y al culpa” é moi especial para min, trouxo xente a que quero e traerá máis cousas, estou segura. “Anamnese” foi moi bonito. E no último ata agora, “Clases de lo social”, gocei coma unha nena co personaxe e co equipo, e quedei con gañas de máis. Hai tantos…

Saamira Ganay

O canto e o baile como se che dan? Porque tamén formaches parte dunha compañía de cabaré, non? Tamén lle pegas a estes paus?

Estoulle moi agradecida a Nelson Quinteiro por facerme parte de “Femme fatal” durante algo máis dun ano. Foi un agasallo precioso, cunhas compañeiras do mellor do mundo ás que lle teño moito cariño. O baile tamén lle dei un pouco si, e fun monitora de funky, encántame, no fondo son unha bailarina frustrada! Relacionada co canto sempre estiven e agora quero retomalo con algo que teño entre mans, a ver se hai sorte…

Se puideras escoller, que papel che gustaría interpretar?

Soño con facer un grande musical cun personaxe forte e lonxe de clixés, ou unha historia épica… E tolearía por ser unha tía dura nunha peli de acción podendo ter secuencias de loita, tiros… É unha debilidade que teño. Eu quería ser James bond, non a moza de Bond! (Risas)

Ese é quizais un dos problemas tamén? Que os papeis femininos ás veces non son o que podería ser…

A miúdo en España os roles femininos son anódinos e machistas, muller de, moza de, nai de, e pouco máis… Son pouco enriquecedores e lonxe da realidade, á sombra dos homes. Pero sempre hai excepcións sen ir máis lonxe en “Matalobos” había mulleres fortes cunha historia que contar. Así que eu sería feliz con iso, con mulleres interesantes e fortes.

Con quen che gustaría traballar? Tanto no que se refire á dirección como ós compañeiros…

Fíxate que isto cústame porque impórtame moitísimo máis o proxecto. Teño debilidade por David Trueba, Amenabar e hai máis directores e directoras que me gustan… Sen ter que saír de Galicia tamén! O máis grande é traballar nun bo proxecto cun bo equipo, para min os “nomes” son secundarios.

Saamira Ganay. El deber y la culpa E que me dis da túa faceta de columnista no xornal Ourense por Barrios? Completiña de todo eh! (Risas). De que falabas na túa columna?

Completiña? Máis quixera! O que son é de cu inquedo (risas). Xurdiu de casualidade. Un día atopeime na rúa cun compañeiro de teatro do instituto, Óscar Blanco, a quen facía anos que non vía! El traballaba no periódico “Ourense por barrios” e na súa páxina web “Mundo Ourense”. Ofreceume escribir unha columna para ambos espazos e alá me metín. Durante case 3 anos escribín a columna “Avatares dunha actriz novata”, falaba sobre os temas que me preocupaban como actriz e a miña experiencia na profesión e o que a rodeaba. Foi unha experiencia interesante que non descarto repetir no futuro, pero eu non son xornalista e quizais xa non me volvería a enredar falando de min.

De cara ó futuro, como ves a situación? Como valoras a situación do audiovisual galego?

A situación é moi mala, non creo que poida dicir nada que non resulte obvio, comp moito podo ofrecer unha opinión, pero en ningún caso unha solución, a cabeza no me da para tanto (risas). Xa está moito dito, a subida do IVE acaba con nós e baixa a recadación de impostos, non ten sentido. A mala imaxe que se quere crear dos actores é penosa e insultante. O investimento estatal que se fai no cine en Francia ou en Inglaterra, e tamén na ficción para televisión, son un exemplo de beneficios para todos. Creo que sen investimento, apoios e a procura da calidade non se poden conseguir grandes cousas. Precisamos de subvencións si, pero xa sabemos que con estas o estado recada máis en impostos do que da en achegas. Podemos ter bo produto audiovisual que vender e exportar fora de Galicia e non teñen porque ser os traballadores.

Ese é un dos principais problemas, o feito de ter que marchar…

Si, dende logo. Tamén me gustaría que estivésemos unidos e fósemos autocríticos, se co talento que temos aquí aínda non temos unha industria de verdade hai moitas preguntas que se facer e non todos os males teñen que vir de fora. Aínda estamos afeitos a pensar na nosa leira máis que no monte comunal e iso tamén se paga. Chegou a hora de confiar e falar con honestidade buscando a boa calidade dos produtos, o espallamento do noso audiovisual e o trato digno ós seus traballadores. Non podemos criticar a outros e perdelo noso sentido crítico.

Proxectos en mente? En que andas metida nestes momentos?

Por proxectos que non quede… Pero que saían, xa é outra leria (risas). Uns cantos compañeiros vimos de crear “20Veces” compañía artística, e temos varias cousas abertas. No referente a música tamén estou tentando abrir algunha porta, a ver que pasa. No audiovisual acabo de estar rodando na segunda tempada de “Clases de lo social” e foi xenial, agardo que se estree en breve. E a rodaxe de “Talión” de David Salgado pode que se retrase un pouco pero estou desexando empezar.

E xa para rematar, non o podo evitar, de onde ven o teu nome Saamira?

Algo teremos que deixar para outra, non? (Risas)

Tómoche a palabra entón! Moitas grazas Saamira.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 9 de Xuño do 2014 | 11:32 a.m.

Outros temas de Plató Aberto