publicidade hoxe
Alba Messa: “Isabel foi toda unha experiencia, unha viaxe na época, con eses vestiarios e peiteados” - Cabecera

Alba Messa: “Isabel foi toda unha experiencia, unha viaxe na época, con eses vestiarios e peiteados”

Alba Messa

En apenas unhas semanas Alba Messa volverá á pequena pantalla coa terceira tempada dunhas das series de máis éxito do audiovisual español, a súper produción da TVE, Isabel. Ademais nestes momentos está rodando “Ciega a Citas”, a serie de Cuatro na que pronto a veremos interpretando un personaxe que leva o seu nome. Ademais, de seguro que non desaproveita a ocasión para aprender todo o que poida do que hai detrás das cámaras, pois xa fixo os seus primeiros piniños como directora e guionista e non lle foi nada mal. Todo isto sen desatender o blog que escribe para a revista Fotogramas e sen deixar, nin por un momento, de darlle voltas ás súas cancións e ós seus concertos. Que como fai con todo isto? Imos ver.

Alba Messa

Nome: Alba Mesa Vilanova (Lugo, 1986)

Un lugar: India

Un hobby: a danza

Unha comida: tempura de vexetais, por exemplo

Unha virtude: a versatilidade

Un defecto: preocúpome demasiado

Un soño: vivir nun país no que se respecte e valore ós artistas

Seguro que serán unha chea de cousas, fainos un resumo Alba, en que andas metida nestes momentos? (Risas)

Sigo co blog de Fotogramas, estou rodando a serie de Cuatro “Ciega a citas” e acabo de estrear en Madrid a película de César del Álamo “La mujer que hablaba con los muertos”.

E que contigo nunca se sabe porque… Actriz, cantante, modelo, directora, presentadora… Sei que estarás farta da preguntiña pero, que é primeiro Alba Messa?

Pois antes que todo iso, o que vai primeiro para min é SER. Primeiro son eu, e trato de mellorarme e crecer como persona, e logo… Fago moitas cousas.

Para comezar o repaso creo que a mellor maneira é facelo polo final, así que cóntanos que tal a rodaxe de “Ciega a Citas”, como vai?

Acabo de empezar e vai moi ben! A rodaxe e o traballo é moi rápido ó ser unha serie diaria, pero moi divertido tamén ó estar rodeada de amigos, é un bo reto traballar a este ritmo e cunha personaxe que ten o meu mesmo nome.

E tamén estamos a punto de verte na próxima tempada de Isabel de TVE, non si? En que papel te veremos? Como foi gravar unha serie histórica como esta?

Isabel foi toda unha experiencia. Foi unha viaxe na época, nos espazos, con eses vestiarios e peiteados. Ademais conta cun equipo tan profesional que o traballo faise doado. Encantoume pasar por este gran proxecto e agardo podelo compartir con todo o público en canto se emita esta terceira temporada.

E que me dis de “Alternativas”? Este é outro proxecto que tamén tes entremáns e que poderíamos dicir que é teu de principio a fin, porque fas de todo…

“Alternativas” é un proxecto de serie de TV que polo momento está nun caixón, pero que agardo retomalo nestes meses. Teño toda unha tempada escrita, o primeiro capítulo e parte do segundo rodados cun equipo estupendo, un montón de traballo feito pero outro montón de dificultades para sacala adiante nestes momentos.

Alba MessaDirixida, escrita e protagonizada por ti… Difícil?

Foi difícil, si, e moi ambicioso. O que aprendín foi moito, pero agardo que esta aprendizaxe tamén me axude a reconducir o proxecto, porque a materia prima é francamente boa.

É certo que a inspiración chegou en Santiago? A que é galega é galega, non? (Risas)

Si, as ideas nunca sabes cando van vir, e a min esta apareceume mentres rodaba en Santiago a película “Tilda&Jean”. O certo é que sempre que estou en Galicia a creatividade multiplícaseme. Será que a tranquilidade de estar no nido axuda.

Falando de series de televisión, non podo deixar de recordar “Os Atlánticos”, a ficción da TVG que che fixo darte a coñecer como actriz. Como recordas aquel proxecto? Eras moi nova, que supuxo para ti?

A miña primeira gran oportunidade na ficción televisiva. Todo son bos recordos, aprendizaxe, ilusión e confianza… Desa que tanto escasea hoxe en día.

E que diferenzas hai entre a Alba daquela e a de agora?

Que agora sei máis, da profesión e da vida. Pero o que non cambiou é que daquela trataba de dar o 200% de min no meu traballo e hoxe sigo igual, sen acomodarme.

Alba Messa

Como xurde a vea da dirección Alba? Como é que decides darlle a volta á tixola deste xeito e pasar de estar diante a estar detrás? Ou a estar en ambos sitios…

Inquietude e moitas ganas de seguir aprendendo. As etiquetas ríxidas non me gustan e, por que non podo ser actriz e tamén dirixir? Son esta clase de cousas que á xente lle sorprenden e a min parécenme o normal. Eu abúrrome se non avanzo, no que sexa, e a dirección ademais fíxome mellor actriz e mellor profesional.

E a de guionista? Como comezas a escribir guións? Porque isto é se cabe máis diferente aínda, non sei se o ves así.

Sempre me gustou escribir, de feito foi unha das razóns polas que tamén estudiei Xornalismo. Atrevinme cos guións de ficción polas ganas que tiña de contar certas historias e por probar novas formas de expresión.

Pero a parte interpretativa non tes pensado abandonala, non? Non se trata do paso dunha a outra faceta, a actriz segue estando aí…

Claro, a actuación lévoa no sangue, e serei actriz toda a miña vida, teña traballo ou non.

“El último fin de semana”, “Summertime”, “Buenas noches dijo la señorita pájaro”, “Tilda y Jean”, “La mujer que hablaba con los muertos”, de todas as túas películas, con cal te quedas?

Cada unha delas foi unha aventura e unha viaxe diferente ás outras. “Summertime” abriume moito camiño a nivel profesional, ademais de ser a rodaxe máis divertida.

Alba MessaE se falamos de música? Cantante dicía eu ó principio, e é que as orixes de Alba Messa son aí, co micrófono na man cando pesaba case máis ca ti aínda… (Risas)

Sí… Non sei qué sería da miña vida sen a música.

O “Tequele”, “Veo, Veo”, “Menudas Estrelas”, gañáchelo todo! Nena prodixio que se di!

Fun unha nena con moitas fantasías, soños, ilusións e forza.

Pero o salto definitivo, no que respecta á canción, foi co musical “Sesbefú”, non si?

Foi máis ben o comezo dunha carreira profesional como actriz, e a música axudoume a que me deran esta oportunidade de actuar.

Houbo máis musicais pero gustaríame que me contaras a experiencia en a “Ópera dos Tres Reás”, na que facías de muller de Tosar, non si? Como foi aquela xira?

Facía máis ben da amante, ou da muller dende o punto de vista da miña personaxe (risas). A xira foi unha experiencia fortísima en todos os aspectos, na vida e no traballo, cambios radicais, aprendizaxe cada día, e moito crecemento como actriz, cantante, profesional, compañeira e persoa.

Que significa a música na túa vida?

Expresión e conexión. Coa música conéctome conmigo mesma e co mundo e persoas que me rodean. Escoito música, bailo música e canto música. A música é para min a mellor medicina que existe.

E as saetas da Semana Santa de Lugo? Debes ser a única galega que canta saetas…Alba Messa

Xa ves, 20 anos facéndoo. As ganas que tiña de cantar sendo unha nena ben pequena convertírono nunha tradición en Lugo.

E agora en que momento te atopas como cantante? Hai un tempo que empezaches a escribir as túas propias letras, xa tes varios temas teus e fixeches algúns concertos con eles, como vai o disco?

Momento de búsqueda, de impulsos por atopar novas vías de expresar e expresarme, e de traballar coa música e coa miña voz dunha maneira máis achegada a miña verdadeira esencia. Que cal é? Aí estou, buscándoa e experimentando. Fai unhas semanas estrenei un tema na película “La mujer que hablaba con los muertos” que compuxen con Héctor García Roel.

Como é a túa música? Que pretendes transmitir?

Estou buscando, teño a tentativa de ser máis auténtica, na vida e polo tanto tamén na miña música. O que quero transmitir é verdade, a miña verdade, e compartila con humildade e coraxe. Tamén estou mellorando a nivel musical para ter máis facilidade para compoñer.

E ademais de todo isto, es xornalista. En que tipo de xornalismo che gustaría traballar? É compatible esta profesión coa interpretación?

Agora mesmo escribo artigos soltos para algunhas revistas, e cando presento algún evento acostumo a escribir eu os guións. Gústame moito o xornalismo escrito, a radio e o “xornalismo de guerra”. Este último coido que non é moi compatible con rodar películas. Teño tamén o soño de pasar algún tempo no estranxeiro de voluntaria nalgún proxecto solidario, e escribir da maneira que facía Kapuscinski.

E é posible facelo todo? Xa sabes o que din, “quen moito aperta…”

Supoño que é máis agotador, inda que como creo que nunca fixen unha soa cousa, non podo comparar ben. Pero a miña experiencia amósame que o agotamento mental é bastante grande cando no mesmo día podo pasar de facer cousas absolutamente dispares cada dúas horas. E hai que parar, sobre todo para poder profundizar, no que sexa, e non seguir contribuindo á industria do light.

E cando precisas ese pequeno respiro, que fas? Que te relaxa?

Gústame moito bailar, vou a clases case todos os días. Tamén saio a correr. Ler, ver pelis, series, meditar, escribir… E acompañarme de bos amigos.

Pois moita sorte con todos eses proxectos Alba e moitas grazas por conversar connosco!

Alba Messa

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 23 de Xuño do 2014 | 12:28 p.m.

Outros temas de Plató Aberto