publicidade hoxe
Monti Castiñeiras: “Gustaríame facer un papel de un malo, malísimo” - Cabecera

Monti Castiñeiras: “Gustaríame facer un papel de un malo, malísimo”

Monti Castiñeiras

Defínese como modesto e impaciente, e despois de conversar con el non lle quitamos a razón. Engadimos se cabe un trazo máis, non ten pelos na lingua. Monti Castiñeiras é unha das caras máis coñecidas do audiovisual galego e, a pesares de que traballou nas series de máis éxito da televisión, non lle gusta botarse flores e prefire falar de proxectos. Proxectos, iso si, escasos nestes momentos. 

Monti CastiñeirasNome e apelidos: Ramón Castiñeiras Rodríguez

Un lugar: O trópico de Cáncer

Un hobby: Facer versións en galego de cancións country (Para consumo propio)

Unha comida: arroz con lumbrigante

Unha virtude: a modestia

Un defecto: a impaciencia

Un soño: unha vida sen débedas

Para empezar Monti, cóntanos, en que andas metido nestes momentos?

Acabo de rodar na película A Esmorga, de Ignacio Vilar. Unha colaboración moi pequeniña. Polo demais, cobrando o paro.

Están as cousas… E iso que ti es polifacético! Ó longo da túa carreira tocaches un pouco tódolos paus, non? En cal deles te atopas máis cómodo?

Gústanme os tres. Cada un ten as súas particularidades. Se teño que escoller, quédome co cine.

E despois está a dobraxe, que tamén te acompañou ó longo da túa traxectoria. É unha maneira de perfeccionar ou mellorar na interpretación, ou máis ben ó revés? Gústache esta faceta?

Non é unha maneira de perfeccionar a interpretación, é unha faceta máis da mesma, coma o teatro ou o cine, só que interpretas coa voz nada máis. É un traballo moi difícil, polo especializado que é. Gústame, por suposto. Empecei cando se creou a TVG, sempre me chamou a atención e cando vin a oportunidade, metinme aí, e aí sigo.

Como empezaches neste mundo Monti? Tiveches vocación dende pequeno ou es dos que a descubriches despois?

Non era algo que pensara de pequeno. Eu quería aprender idiomas, fundamentalmente. Cando tiña arredor de 18 anos, un día que estaba axudándolles aos meus pais no quiosco que rexentaban, un cliente habitual (Eduardo Puceiro) que tiña un grupo de teatro (Ítaca), ofreceume probar. Dixen que si, e así empecei.

“Un día estaba axudándolles aos meus pais no quiosco e un cliente ofreceume probar cun grupo de treatro, así empecei “

De feito estudaches Filoloxía Inglesa e Maxisterio, por que? Era un plan B?

Filoloxía era o plan A, porque quería aprender inglés, pero a carreira non foi como eu imaxinaba e deixeino. Aí foi cando xurdiu o do teatro que acabo de contar. Cando deixei o grupo de teatro, estaba nunha época de non saber que facer. Miña irmá animoume a facer algo e metínme en Maxisterio, aínda que nunca me interesou a docencia. Cando estaba a piques de rematar empecei cun curso de dobraxe e xa quedei na profesión.”

E que che dixeron na casa cando dixeches aquilo de “quero ser artista”, non saíron as voces de “e por que non opositas filliño”? (Risas)

Empecei a traballar moi novo e meus pais, que eu recorde, non me animaron a opositar. Ademais, eu gañaba un soldo decente e iso sempre axuda a ter unha boa opinión paterna do que fas.

Monti CastiñeirasCal foi o teu primeiro papel? Que recordos tes daquel primeiro momento?

No teatro foi JOE, de “Amantes, vencedores e vencidos”, de Brian Friel, coa compañía Ítaca. En cine URBINO, en “Divinas palabras”, de J.Luis García Sánchez. Do primeiro, teño recordos moi bos. Tivemos moito éxito, cunha compañía chea de xente novel e que causou unha impresión moi favorable no público e na crítica. Facíamos un teatro moi naturalista e moi de verdade, algo que non era o común na maioría das compañías daquela época. Tamén recordo os nervios e o medo enriba do escenario. Do segundo, unha emoción inmensa. Traballar nunha peli! Un medio totalmente distinto ao teatro, cunha linguaxe diferente. Non imaxinaba que puidera ser así. E a maxia e a sorpresa de verte na pantalla grande.

Despois daquilo, participaches en case todas as series galegas de éxito; Mareas Vivas, Libro de Familia, Matalobos… E tamén a nivel nacional; El Comisario, Hospital Central, Los Misterios de Laura… Con cal te quedas? A cal lle tes máis cariño?

En todas non, nin moito menos! E cun papel de peso en moi poucas. Gustaríame engadir ás que nomeas, O Nordés, serie da que só nos deixaron facer unha tempada, pero que creo que tiña gran nivel, e á que lle gardo un cariño enorme. Penso que quedaría con Mareas vivas, porque foi a primeira na que tiven un papel importante, pero, sobre todo, polo que supuxo para o audiovisual galego. E un personaxe co que gocei moito foi o Vargas da quinta tempada de Matalobos, un agasallo precioso dos guionistas. Das españolas, pois quizais con Los misterios de Laura, na que tiven un papel fixo durante varios capítulos, e foi a última na que traballei. Gustábame moito ese personaxe e era un luxo traballar coa gran María Pujalte.

Mareas vivas, porque foi a primeira na que tiven un papel importante pero, sobre todo, polo que supuxo para o audiovisual galego”

Hai moitas diferenzas entre traballar a nivel galego e facelo a nivel nacional? Cales?

Non. Quizais a máis importante é que aquí coñeces a case todo o mundo. Vas atopando membros dos equipos técnicos de unha produción a outra. Debo destacar que a xente de aquí é moito mellor e máis profesional do que encontras fóra, a maioría das veces. Hai un nivel impresionante en Galicia.

O certo é que o audiovisual galego está nun gran momento (no que a talento se refire), e os nosos profesionais tendes un gran recoñecemento. Tanto é así, que resulta complicado agora mesmo atopar unha serie española na que non haxa actores galegos…

Iso é certo, temos uns actores e actrices de nivel. Máis tiña que haber por aí… O malo é que hai moita xente boísima sen traballo.

Monti CastiñeirasE que me dis das curtametraxes? Tamén hai unha gran actividade en Galicia neste senso. Que posibilidades ofrecen estes proxectos, digamos, máis pequenos? Como actor que che permiten?

As curtas son, sobre todo, unha plataforma de “fogueo” para os novos valores que van saíndo das escolas de imaxe ou cine. Aínda que tamén hai curtametraxistas, digamos, profesionais, que se dedican á curtametraxe porque lles gusta máis que outros formatos. Como actor, sempre procuras botarlle unha  man á xente que cho pide. E, ao facelas, mantés o contacto coa profesión e se non hai traballo, serven para desenferruxarse e manterte activo.

No que se refire ó teatro, puxeches en marcha tamén un proxecto no que ademais de actor, fuches autor e produtor, non si? Fálanos de Borracheira de Paixón. Como foi aquilo? Complicado?

Moi complicado. Meterse a facer algo que non sabes, como producir, é un erro. Non repetiría. Paseino moi ben coescribíndoa e interpretándoa, pero foi un fracaso de funcións. Non tiñamos quen a movese polos teatros.

Para ir rematando Monti, algunha espiña cravada? Algún papel que che gustaría facer, director co que traballar ou premio que gañar?

Sempre digo que me gustaría facer un gran papel nunha película de moita acción. Gustaríame facer un papel de un malo, malísimo. Director… Non teño moitas preferencias. Gustaríame traballar cos mellores. E premios, encantaríame recibir todos, claro. Algún na miña terra faríame especial ilusión.

E como se presenta o futuro? Proxectos? Algo que nos poidas adiantar?

Escuro. Poida que haxa unha cousiña de cine no verán. Espero que se confirme axiña. Eses son todos os meus proxectos, de momento.

Fotografías: Sue Rainbow 

 

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 31 de Marzo do 2014 | 9:51 a.m.

Outros temas de Plató Aberto