Fede Pérez: “Á xente gústalle e a nós tamén, é un regalo facer Era Visto”
Agora todos o coñecemos coma o Moncho de Era Visto, aínda que para moitos seguirá sendo será Josito, aquel bo rapaz de Padre Casares que sempre acababa levando… Federico Pérez, Fede, é actor, humorista, guionista, filólogo,… Se lle preguntamos a el que é primeiro, que é o que máis o define, asegura que ante todo, primeiro que nada, é afortunado. Bonita resposta dende logo. Afortunado de poder dedicarse ó que lle gusta, máis aínda cando o que fai vale para que alguén pase un bo rato. |
Nome: Federico Pérez Rey (Düsseldorf – Alemaña, 1976) Un lugar: Calquera xunto as miñas tres chiquitinas Un hobby: Frodo Bolsón Unha comida: O polbo, o churrasco e a tarta xeada Unha virtude: a ausencia delas Un defecto: que o digan os demais Un soño: agora mesmo, durmir |
Que tal Fede? (Pódoche chamar Fede ou hai que ser máis serios para comezar? (Risas)
Pódesme chamar como queiras. De pequeno, chamábanme de todo menos Federico: Pepe, Pepiño, Joseíño, Neno… Sobre todo miña tía María. Fede sempre se prestou ao chiste aromático-festivo. Gústame mesmo que me chamen pola corda. Agora faime gracia porque hai xente que me chama Jose, por Josito, de Padre Casares. Pensan que o meu nome real é José. É simpático.
(Risas) Cóntanos que andas facendo? A tope con “Era Visto”, non?
Pois agora a tope coas miñas fillas, que xa están de vacacións. “Era Visto” gravámolo en dous meses ao ano, marzo e outubro, máis ou menos. Como estamos bastante en emisión parece que gravamos todo o ano. Pero si, a tope. Á xente gústalle e a nós tamén. É un regalo pode facer Era Visto.
Como está sendo esta experiencia? Pasádelo tan ben como parece? Como son as rodaxes?
Como che digo é un regalo. Un regalo, primeiro dos Zopilote, os pais da criatura, que son os que contaron comigo para isto (e para outras cousas). Estareilles eternamente agradecido. Inda por riba, e iso é o que non entendo, son colegas, amigos. E tamén é un regalo poder compartir experiencia con Touri, Marcos, Víctor, Manqui, Patri e Isa Risco. Pasámolo moi ben, rímonos, gozamos, experimentamos… e por riba págannos. E tamén é un regalo pola marabilla de equipo co que traballamos: Ángel, Sabela, Olaia, Ana, Deirdre, Bertitxi, Ana Aldrey, Juan, Santi, e moitos máis que están, que pasaron antes e que estarán. Bueno, ser non somos tantos, pero armamos un bo barullo. Teño que darle as grazas a todos.
E como notades ó público? Que gusta está claro, pero nótase na rúa? Que vos din?
Gusta moito. Na rúa a xente mira, cuchichea, e algúns ou algunhas atrevidas páranse a falarnos: “Oe, sodes coma a vida mesma. Por iso nos gusta e nos rimos tanto”. Ou outros que che falan de cousas concretas: “Iso do nicho pasoume a min o ano pasado”. Nós limitámonos a coller retallos da vida cotiá, do día a día, darlles un toque de humor, ironía e surrealismo, e gravar.
Ademais ves de participar tamén en “Clases de lo Social”, da que xa falamos nesta sección, máis de un precisaba unhas clases destas, non cres? (risas)
Clases do Social facíanlle moita faltiña aos nosos políticos. Creo que non souberon comportarse nada ben nestes anos, faltoulles educación, cultura e responsabilidade. E moito sentido do humor! En xeral, aos políticos cústalles rirse de si mesmos, algo moi necesario para ser humano, fundamental. Pero ríronse (non todos, eh) da xente sen pudor ningún.
Como te decidiches a participar nesta webserie? Está o futuro neste tipo de proxectos Fede? Renovarse ou morrer?
O futuro está onde nós queiramos. Evidentemente as institucións, a administración e o Estado teñen que garantir unha serie de necesidades básicas para a formación das persoas: cultura, educación, etc. Pero somos nós os que debemos crear, imaxinar, inventar e crear o noso propio futuro. As series web, como as de televisión, o cine, o teatro, a música seguen sendo o futuro. O importante é xerar contidos, contar historias. O vehículo xa é opcional. Eu podo facer o Camiño de Santiago a pé, en bici, en coche ou en avión. Os xeitos de expresión poden cambiar e diversificarse. As historias están aí para seren contadas. Está claro que, co auxe e cosolidación de internet, as webseries ocupan un espazo fundamental agora mesmo na videocreación.
Se botamos un ollo cara atrás e facemos un repaso pola túa traxectoria, Padre Casares é parada obrigada. Que significou Padre Casares para ti?
Padre Casares significou coñecer un xeito particular de facer televisión para min. Eu viña de Air Galicia, outra parada obrigada na miña traxectoria. Era un formato máis de sketches, humor puro e duro, cun xeito de gravar diferente. Padre Casares supuxo enfrontarme a unha serie en toda a súa dimensión, un personaxe con máis presenza. O xeito de gravar ensinoume moito, a realización, os planos cortos… E tamén os novos compañeiros que fixen daquela: Morris, Fina Calleja e moitos outros. E de Josito, que dicir? Un tipo entrañable, de bo corazón, boa xente,… Ata eu lle collín cariño!
Ti, e os espectadores! Por que cres que foi así?
A xente colleulle cariño porque era un bo tipo. Fiel ao seu alcalde, cuñado e amigo Delmiro. A min pasoume algo parecido con Morris. A parte de admiralo, agora somos amigos. Só por iso, pagou a pena estar en Padre Casares. A xente pola rúa tamén me dicía. “Ai, Josito, moitos paus levas, do alcalde, do cura vello… “. Supoño que esa lástima que daba a personaxe ás veces axudou a querelo.
Despois tamén viñeron Libro de Familia ou O Show dos Tonechos, entre outros. Algún que recordes en especial? Ou algo que recordes de cada un dos proxectos…
En Libro de Familia fixen un personaxe episódico. No Show dos Tonechos traballei como guionista tamén. Grazas aos Tonechos coñecín tamén un bo amigo, Xavier Manteiga, un dos mellores escritores deste país. Faciámolos guións. E eu, a maiores, fixen algún papeliño.
Como empezou a túa carreira Fede? Como foron as orixes? En que momento decidiches que querías dedicarte a isto?
As orixes non tiveron nada que ver con como se desenvolveu e desenvolve a miña carreira a verdade… Fixen Filoloxía Galega en Santiago e grazas a unha boa amiga, Rosa Moledo, entrei a traballar de lingüista en Mareas Vivas. Iso si, sempre me gustou pintar o parvo e actuar e rir. E así, pouco a pouco, primeiro escribindo guións e despois facendo pequenos papeis, fun metendo a cabeciña. A verdade é que son un afortunado. Tiven a sorte de poder entrar neste mundo. Unha vez dentro, é máis fácil facer ou intentar facer cousas que che gustan. En realidade hai moita xente válida e boa e con calidade que non teñen a sorte que eu tiven. Xa che digo, son moi afortunado.
Apoiáronte na casa ou es dos que tiveches que escoitar aquilo de… “Deixa de facer o parvo e ponte a estudar” (Risas)
Na casa sempre me apoiaron. En todo. Meus pais nunca me cortaron as ás nin me puxeron impedimentos. Todo o contrario. Ata creo que lles gusta como o fago!
A televisión fai que un entre na casa do espectador e case se converta en membro da familia. Isto é positivo ou pode ser tamén arriscado de cara a encasillarse nun papel determinado? Nunca che deu medo esta posibilidade?
A televisión é un medio máis para contar historias, como che dicía. O meu traballo destes anos desenvolveuse sobre todo en televisión. A xente vete pola tele e é grazas á xente que as series e programas permanecen en antena ou non. Se non te ven, non hai serie. Retírante da emisión. Que a xente che fale, che pare, che comente cousas, é sinal de que algo funciona. Polo tanto, o teu traballo gusta. O feito de encasillarse depende doutros factores. Penso que depende sobre todo dun mesmo.
Algunha anécdota que recordes con algún fan? Seguro que houbo moitas. Chega a cansar isto da fama?
Non sei se chega a cansar iso da fama. Nunca o comprobei. Pero anécdotas hai moitas. Unha vez unha vella case me dá un morreo. “Ai, Josito, encántasme”. E dous segundos despois, empezou a bater en min coma unha posesa: “Pero non sexas burriño, que o cura malla en ti coma no ferro”.
Como dicías, ademais de actor tamén fuches guionista, é difícil a labor de guionista?
En Mareas, como xa che comentei, empecei de lingüista. Aprendín moitísimo, de feito, foi unha gran base para o meu traballo como actor. Como tamén me gustaba escribir, fixéronme unha proba e escribín varios guións. Se algo che gusta, velo menos difícil. Eu, sen ter formación específica como guionista, fíxenme un pouco autodidacta e confiei bastante no instinto. Polo de agora vai funcionando.
E sempre dende o humor… Non te ves noutro xénero ou é que é difícil cando un chega a converterse nun referente como es ti?
Eu véxome en calquera lugar para o que me chamen. Polo de agora as experiencias foron máis ben cómicas, pero gústame actuar, sexa do que sexa.
Gustaríache cambiar de rexistro? Que tipo de papel che gustaría interpretar?
Gustaríame facer de todo. A comedia é unha forma de enteder a vida, para min. Pero explorar outros puntos de vista, outros xeitos de contar cousas, tamén me apetecen.
Fálase moito nestes momentos da necesidade do humor e o entretemento, da vía de escape que isto supón para a xente nun momento ben complicado. Velo así? É case unha labor social a que se vos encomenda?
O humor pode axudar a relativizar as cousas, a sacarlle ferro aos problemas. Pero dille a un pai ou unha nai en paro con fillos que non atopa choio que hai que rirse. Dirache: “De que? Rite ti”. Eu non pretendo facer labor social ningunha, (Dios me libre, que diría miña nai). Pero se co que fago hai xente que se sente un pouco ben, de puta madre.
E xa para rematar Fede, non sei se che toca traballar no verán, pero no caso de que teñas algún tempo de descanso, que farás? Que che gusta facer nese tempo?
Pois intento facer deporte, pero ao final acabo nas pulpeiras e nas parrilladas!
(Risas) Moitas grazas por conversar connosco!