Móvete se queres adelgazar
Dra. en Farmacia |
NutriCoach: espazo de reflexión sobre os efectos dunha dieta sá e equilibrada na mellora da saúde e a vitalidade. Envíanos as túas consultas e a nosa especialista en nutrición, Amil López, axudarate. Poderás consultar nesta mesma sección as respostas á túa pregunta. Os datos persoais que nos facilites permanecerán ocultos, empregándoos unicamente de xeito interno. |
Tentar adelgazar dende o sofá é cómodo pero pouco efectivo. Por moi equilibrada que sexa a túa dieta se non a axudas cun pouco exercicio non funcionará. Seguro que ao principio che funciona e baixas de peso, pero en canto o organismo se acostuma á dieta, vólvese aforrador, e ou te moves para conseguir adelgazar e activar o metabolismo, ou a perda de peso será moito máis lenta.
Que exercicio facer para conseguir adelgazar
Hai dous tipos de exercicio que debes incorporar ás túas rutinas:
O exercicio aeróbico, axúdache a coller fondo e desenrola a túa capacidade pulmonar. Se o fas con intensidade,queimarás bastantes calorías. Os exercicios deste tipo son pasear, correr, saltar á corda, nadar, andar en bicicleta e os máis divertidos bailar e o sexo. Non me digas que practicar exercicio aeróbico 20-30 minutos ao día é tan complicado!
O outro grupo son os exercicios de tonificación muscular, son fundamentais para que os teus músculos se manteñan tersos e a pel estea firme. Xa sabes que se fas dieta e perdes bastantes quilos corres ese perigo. Non fai falta que vaias ao ximnasio nin que te machuques moito, segue esta táboa de tonificación todos os días 5-10 minutos e verás que bos resultado obtés.
Outros beneficios de facer exercicio
O exercicio é fundamental para o mantemento e a mellora da saúde, prevén enfermidades, prolonga a calidade de vida e é unha gran axuda para o benestar mental. É unha das formas máis baratas de investir en saúde. Fai exercicio e conseguirás:
Beneficios fisiolóxicos
• Reduce o risco de padecer varios tipos de enfermidades como diabetes, cancro de colon, enfermidades cardiovasculares e axúdache a manter baixo control a presión arterial.
• Aumenta a densidade ósea, fortalece os ósos e afasta a osteoporose.
• Fortalece os músculos e mellora a túa capacidade para facer esforzos físicos sen fatiga.
• Afasta a obesidade e todas as patoloxías asociadas.
• Diminúe a frecuencia cardíaca en repouso.
• Aumenta a túa forza, axilidade e elasticidade.
• Regula o estrinximento provocado polo sedentarismo.
Beneficios psicolóxicos
• Mellora o teu estado de ánimo.
• Mellora a xestión da tensión.
• Aumenta a túa autoestima e motivación.
• Reduce a ansiedade.
• Mellora a calidade do sono e reduce o insomnio.
• Xera endorfinas e sénteste máis feliz.
• Ademais aumenta o nivel de dopamina e serotonina, por iso a actividade física engancha.
Beneficios sociais
• Fomenta a sociabilidade.
• Aumenta o grao de autoestima, o que beneficia a túa vida social.
• Estimula a participación e o traballo en grupo.
• Ensínache a aceptar derrotas e a encaixar a frustración.
• Aprendes a organizarte, a asumir responsabilidades e a aceptar normas.
• Conseguirás superar os retos que te propoñas pois aumentas a capacidade de sacrificio.
Beneficios para os máis novos
Se estás rodead@ de nenos e/ou adolescentes, o primeiro paciencia, e segundo ponos a facer exercicio, é a mellor decisión que podes tomar, porque a actividade física:
• Contribúe ao desenvolvemento integral da súa persoa.
• Mantén baixo control a obesidade e o sobrepeso, tan necesario nesta idade.
• Mellora a mineralización dos ósos e diminúe a incidencia de osteoporose na idade adulta.
• Mellora a maduración do sistema locomotor e aumenta as súas destrezas.
• Estimula o sistema inmunolóxico facéndoos máis resistentes ás enfermidades.
• Mellora o rendemento escolar e social.
• Reduce o tempo de exposición a pantallas e videoconsolas.
• Mellora o seu humor ao activar neurotransmisores como a serotonina, as endorfinas e a dopamina.
Estou segura de que te convencín de que facer deporte é unha necesidade e que pode ser moi divertido. Non o deixes para máis adiante, agora que vén o bo tempo proponte saír a dar un paseíño e verás que pronto te enganchas á actividade física.