publicidade hoxe
Loce un ventre plano en primavera - Cabecera

Loce un ventre plano en primavera

amil-lopezAmil López Viéitez

Dra. en Farmacia
Especialista en Nutrición www.dietacoherente.com

A natureza ofrece distintos alimentos de enerxía específica para a época do ano, para reforzar a túa enerxía vital: os pratos a base de alimentos de tempada primavera, interiorizan a enerxía e relaxan o teu organismo como ensaladas, sopas frías, gazpachos, alimentos salteados ou ao vapor, sementes e froitos secos.

En primavera debes consumir máis vexetais de folla verde e amarga (agróns, cóengos, escarola, rúcula, endivias…), verdura fervida ou ao vapor, alcachofas, apio, porro e champiñóns para axudar a depurar o fígado e a vesícula.

Reduce toxinas facilitando o labor do fígado e a vesícula. Para iso evita irritantes hepáticos: café, fritos, alcohol, azucre (dextrosa, glicosa, maltosa, lactosa, frutosa, mel), leite (iogur, queixo), graxas procesadas (saturadas e trans), hidratos de carbono refinados (pan, pasta, galletas, bolería), aditivos, colorantes e conservantes, alimentos procesados ou moi elaborados e carnes vermellas. Evita tamén espárragos, coliflor e brócoli pois reducen a capacidade detoxificadora do fígado.

É importante que o teu tránsito intestinal estea activo, para eliminar toxinas acumuladas durante o inverno por unha alimentación inadecuada, a contaminación ou o estrés. Para iso aumenta o consumo de alimentos con fibra (cereais integrais, froita e verdura) que por fermentación bacteriana no colon xeran ácido butírico que acidifica o intestino e favorece a función da flora intestinal, coñecida tamén como probióticos. Consume tamén máis alimentos prebióticos (alimento da flora intestinal) como mazá relada, espinacas, remolacha, queixo de cabra, cebola e feixón vermello. Se queres tomar un suplemento podes depurar o teu organismo 15 días con fitoterapia líquida a base de alcachofa, dente de león, cardo mariano, ravo negro ou groselleira.

Para evitar o estrinximento e estimular as túas defensas debes repoboar a túa flora intestinal que tamén che axudará a reducir os efectos das alerxias. O 80% da capacidade funcional do sistema inmunitario localízase no intestino.

En primavera é frecuente a astenia que se caracteriza por cansazo e certa apatía. Para mellorar a túa vitalidade debes equilibrar a acidez do medio interno, cun vaso de auga con 2-3 gotas de limón no almorzo e consumindo alimentos alcalinizantes como froitos secos, hortalizas e verduras (que reducen as enfermidades carenciais por esgotamento mineral como cansazo, anemia, osteoporose, carie, uñas quebradizas, caída de cabelo, etc.).

É esencial asegurar o descanso nocturno para garantir a rexeneración celular. Por iso débese realizar unha cea lixeira (ensaladas ou pratos á prancha con gornición vexetal cociñada ao vapor). Evita as graxas saturadas, de dixestión máis lenta ou os alimentos curados (queixos, embutidos), conservas, cervexa, vexetais do grupo das solanáceas (pataca, tomate, cabaciña, berenxena, etc.), pois o seu contido en tiramina, ten un efecto excitante, similar ao da adrenalina. Especialmente recomendables son os alimentos con triptófano (plátanos, froitos secos, pavo, atún e cereais integrais).

Se a pesar destes consellos segues notando que te levantas canso ou te desvelas con frecuencia podes probar coa melatonina como indutora do sono ou a pasiflora para regular os desvelos nocturno.

Ás veces co cambio de estación tamén se nota malestar dixestivo e/ou gases. Para mellorar estes síntomas debes comer con tranquilidade, sentado/a e nun ambiente favorable. Evita os alimentos máis problemáticos como os ricos en amidón (pasta, arroz, pan e legumes) e algunhas verduras crúas ou pouco cociñadas, como a coliflor, as coles e a leituga de folla ancha. Pon os legumes a remollo toda a noite e bótaas a cocer en auga fría.

verdurasAs ensaladas con follas amargas (endivias, agróns, cóengos, etc.) melloran a dixestión e estimulan a función hepato-biliar. Consume máis kiwi e piña porque achegan encimas dixestivas que melloran o rendemento da dixestión.

Evita o consumo conxunto de féculas (pan, pasta, arroz, legumes) con froitas ácidas, tomate, piña, iogur, azucre ou vinagre.

O xenxibre resulta un bo tratamento para combater as malas dixestións que se acompañan de náuseas e vómitos. Tamén axuda a eliminar os gases e a mitigar os mareos. Ademais, reduce os niveis de triglicéridos e colesterol. A planta de xenxibre tamén se emprega en afeccións respiratorias e actúa como laxante. Para preparar unha infusión de xenxibre, tora unha parte de rizoma e pulverízao. Engade unha cullerada sopeira por cada cunca de auga e deixa ferver 3-5 minutos.

NutriCoach: espazo de reflexión sobre os efectos dunha dieta sá e equilibrada na mellora da saúde e a vitalidade.

Envíanos as túas consultas e a nosa especialista en nutrición, Amil López, axudarate.

Poderás consultar nesta mesma sección as respostas á túa pregunta.

Os datos persoais que nos facilites permanecerán ocultos, empregándoos unicamente de xeito interno.

Nome e apelido*

Idade* Peso* Altura* Concello*

O teu email *

A túa consulta

 

Consultorio

Pregunta

Juan Carlos Carbajales de Teo, 41 anos
Peso: 74 quilos / Altura: 170 cm.

Necesito asesoramento porque para seguir coa depuración éme case imposible. Porque me prohibes todo o que normalmente consumo. Ademais non me gusta o verde a menos que estea mixturado con algún dos meus alimentos prohibidos.  

Poderías facerme un menú para intentar seguirlo?

Resposta

Ola Juan Carlos,

Para facer unha boa cura depurativa debes aumentar o consumo de auga e de alimentos vexetais, para mellorar o tránsito intestinal e aportar minerais e vitaminas para activar os procesos metabólicos e depurativos.

Debes reducir os alimentos que indicamos no artigo para que os procesos de eliminación de toxinas se activen. Podes ver unha cura depurativa con menús no meu libro: Activa tu Metabolismo con la Dieta Coherente https://tienda.dietacoherente.com/libros-dieta-coherente/424-ebook-activa-tu-metabolismo-con-la-dieta-coherente.html

Pregunta

Vanesa Otero de Abadín, 34 anos
Peso: 73 / Altura: 167

Ola,

Estou tentando perder algo de peso facendo exercicio xa que pouco a pouco vou gañando quilo tras quilo. Gustaríame saber como podo reducir as ganas de comer algo doce que me asaltan sobre todo polas tardes, é como con algo de ansiedade.

Tamén estou tentando coidar a alimentación.

E esquecía dicir que teño 200 de colesterol. Non quería tomar estatinas, do que xa me falou a miña doutora, pero non sei como controlalo, como normal, máis ben san.

Grazas

Resposta

Ola Vanesa,

De momento o colesterol está nos límites normais. Coidando un pouco a alimentación e baixando de peso, manterase ben.

Para reducir a ansiedade pola tarde-noite é moi importante que fagas as 5 comidas e que inclúas proteína nos teus tentempés.

 

Por: Amil López Viéitez
Publicado o 13 de Marzo do 2015 | 11:18 a.m.