publicidade hoxe
Sonia López: “Para min, ser parte de Luar foi un luxo” - Cabecera

Sonia López: “Para min, ser parte de Luar foi un luxo”

Sonia López

Ó carón de Gayoso, así deu Sonia López os seus primeiros pasos televisivos. Con apenas 21 anos, a pequena confianza que lle deran as pasarelas, e unha valentía digna de admirar, non dubidou en subirse ó escenario do programa máis visto da Televisión de Galicia e demostrar que o seu eran as cámaras. E saben quen foi a primeira sorprendida? Ela mesma. Así foi como esta amante da cociña e a costura descubriu a súa verdadeira vocación, o xornalismo. Profesión onde precisamente esa valentía cotiza a alza.

Sonia LópezNome e apelidos: Sonia López Sánchez

Un lugar: Sarria

Un hobby: cociñar, coser, andar na horta…

Unha comida: chourizos da casa nas brasas da cociña de leña

Unha virtude: adáptome ben ós cambios

Un defecto: un pronto que teño por aí e que sae… Cando lle peta!

Un soño: Mamaíña, que me quede como estou!

Se damos uns pasos atrás e vamos ós comezos, a túa chegada ó mundo da televisión foi a través da moda e do certame de Miss Galicia. Corría o ano 98, cómo foi aquel momento no que escoitaches o teu nome?

Pois o momento de escoitar o meu nome foi bastante surrealista. Era o que menos podía esperar. Tan pouco o esperaba que ninguén sabía que estaba no certame. Avisei na casa que tiña un desfile e marchei, sen máis. Despois tocou chamar e explicar a meus pais que era Miss Galicia. A resposta de miña nai foi “ti estás tonta” (risas).  Foi unha etapa bonita por sorprendente. De repente comecei a vivir unha vida que non tiña nada que ver comigo. Marchei a Miss España, comecei a traballar en televisión e coñecín a moitísima xente. Seguín coa miña vida tamén… Faime especial ilusión recordar os momentos case inmediatos á elección. Eu vivino con moita alegría pero a miña xente tamén. O primeiro día que volvín á miña casa, dous días despois de ser Miss, miña nai esperábame na estación de tren de Sarria con El Progreso debaixo do brazo. Eu estaba na portada e ela estaba tan contenta…

Foi a túa porta de entrada ó mundo da televisión. Ata ese momento nin te pratearas que o teu futuro podía ser este, non? De feito estabas estudando empresariais…

Nin no máis remoto do meu subconsciente podía ter imaxinado que o meu futuro pasaría pola tele ou os desfiles. Nunca tiven clara a miña vocación pero, dende logo, nada tiña que ver co futuro que me agardaba.

Cal foi a túa primeira experiencia na tele? Recórdala?

Foi un magazine de tarde, Tardes de Verán. Eu facía unha sección de moda unha vez á semana. A presentadora era María Bouzas e gardo dela un recordo marabilloso. Sentinme moi ben tratada e moi arroupada, por ela e por todo o equipo. Eu tiña 20 anos, nunca na vida fixera aquilo e o meu único aval era ser “miss” e modelo. Pero eles creron en min…

“Comecei a estudar xornalismo con 27 anos, sempre digo que acadar a praza na carreira foi o meu primeiro soño cumprido”

Anos despois decidiches estudar xornalismo, por que? Xa tiñas anos de experiencia e o teu oco feito neste mundo, moitos poderían pensar que non che facía falla a carreira…

O da experiencia é relativo. Si que a tiña porque facía xa sete anos que traballaba en televisión e fixera un pouco de todo: magazine, divulgativos, galas musicais; directos, gravados; de presentadora, de colaboradora, de tertuliana… Pero . E toda aquela experiencia, trasladada á vida real, non existía. Non tiña experiencia de dependenta, nin de comercial, nin de nada de nada… Só de “presentadora e locutora de televisión”. Tiña un currículo moi triste. Comecei a estudar xornalismo con 27 anos. Tardei moito tempo en  entrar. A nota de corte en Compostela era moi alta e eu non quería marchar fóra. Fixen un ciclo superior de produción e conseguín o acceso. Sempre digo que acadar a praza na carreira foi o meu primeiro soño cumprido.

Sonia LópezTal e como está agora o mundo da televisión, como ves o feito de que moitos dos presentadores ou colaboradores non sexan xornalistas propiamente? 

Un presentador ten que comunicar ben, ser capaz de chegar á xente, facer atractiva unha mensaxe, ser crible, empatizar co espectador. Un xornalista ten unha misión moito máis complexa. O xornalista ten que ser un mediador fiable entre a realidade e o cidadán. O bos xornalistas dannos as ferramentas que precisamos para exercer os nosos dereitos. A información veraz e contrastada fainos libres. Esa é a responsabilidade dos xornalistas.

Mentres estudaches a carreira continuaches traballando, supoño que non sería sinxelo…

Os tres primeiros anos foi bastante fácil de compaxinar. O último ano de carreira a cousa fíxose máis dura. Comecei a traballar en Acompáñenos como reporteira. O programa facíase en Vigo, pero a miña vida estaba en Santiago. O ritmo de gravacións e directo era moi intenso. Tiña programa case a diario e facía unhas sete reportaxes á semana… E cando chegaba á casa, tocaba estudar. Sería imposible que me licenciara ese ano de non ser polos amigos da carreira. Conseguino grazas a eles e ao pendentes que estiveron de min e de que non me faltara de nada: apuntes, datas de entrega, ánimo…

“Estar a carón de Gayoso é un privilexio, e dígoo coa boca moi grande. É unha persoa moi xenerosa, que coñece moi ben o seu oficio”

De todos os programas que fixeches, imaxino que para Luar sempre haberá un oco especial no teu corazón, que significou Luar para ti? Recórdaste cantando o “Apaga o Candil”?

O de cantar “o candil” mellor no recordalo… (risas), pero si, tocoume algunha que outra vez… Luar é “un imprescindible” para min. Eles axudáronme a medrar e ensináronme moito da profesión. Estar a carón de Gayoso é un privilexio. E dígoo coa boca moi grande. É unha persoa moi xenerosa, que coñece moi ben o seu oficio, que ten unha capacidade de conectar coa xente que eu vin en moi poucas persoas. Para min, ser parte de Luar foi un luxo. Estiven xunto a Gayoso con 21 anos e volvín estar con 36. Volverei sempre que me chamen porque me sinto na miña casa.

Algunha anécdota, persoa, momento que gardes con especial agarimo?

Cando veu Manolo García!!! Foi no 99, recén sacado o seu primeiro disco en solitario, e eu que son moi fan, pero moi fan, moi fan, e non fun quen de achegarme onda el ata o final do programa, ás dúas da mañá, cargada de cds ata os dentes para que mos asinara. Foi encantador. Asinou tódolos cds, cada un coa súa monería, sen perder o sorriso e sen deixar de falar comigo… Un home encantador, unha marabilla, namorada me deixou…

Sonia LópezE se Luar é especial por ser o primeiro, outro programa moi especial para ti foi o Acompáñenos do que xa falabamos, cóntanos, por que?

Acompáñenos supuxo un punto de inflexión na miña traxectoria profesional. Aprendín moito e foi a primeira vez que exercín o oficio de xornalista; e aquí Piñeiro tivo un papel moi importante. Sempre soubo valorar o meu traballo, dar o alento cando facía falta. Sinto que el apostou por min máis que ningunha outra persoa nesta profesión. Os programas empezan e rematan, os equipos fanse e desfanse… Polo camiño queda sempre moita xente. Acompáñenos foi tan intenso que nos convertemos nunha familia; das que se levan ben, eh! Gardo moi bos recordos e moitos amigos. E aínda hoxe se fan churrascadas para xuntarse!!

E cal é a espiniña que che queda por sacar? Que programa ou que evento ou gala che gustaría facer? Xa deches o pregón de Sarria así que vai ser difícil superar ese momento…

Si, dar o pregón en Sarria foi tremendo!! Moi emocionante, moito! Gustaríame facer algo cos amigos. Xuntar a toda a xente que vas atopando polo camiño, coa que te entendes, coa que traballas ben, á que queres… Xuntarnos, facer unha cooperativa e empezar a parir propostas. Facendo cada un o que mellor sabemos e vivindo do que nos gusta, tranquilos e felices.

“Dar o pregón en Sarria foi tremendo!! Moi emocionante, moito”

Ademais de presentadora tamén fixeches os teus “piniños” como actriz, como foi aquela aparición en Mareas Vivas? Gústache o mundo da interpretación?

Gústame como espectadora pero son un fraude como actriz (risas). O de Mareas foi moi divertido porque ademais de ser a miña primeira vez, fixen de sueca!

E algo que non fixeches nunca foi marchar da túa terra.  Non fuches das que saíu por aí adiante, por que non xurdiu o momento ou por que directamente non quixeches?

Máis que o momento, o que non xurdiu foi un proxecto concreto e interesante.  Nunca tiven o máis mínimo interese en ir “probar sorte”, como se soe dicir. Eu sempre vivín moi tranquila en Galicia, esta é a miña casa e é aquí onde son eu de verdade.

Sarria, a túa familia, os teus pais… Son cousas importantes para ti, non si? Es das que gozan coas pequenas cousas?

Pois si. A miña xente é o meu piar. Sarria sempre será a miña casa. Foi aí onde me criei e, aínda que xa quede un pouco lonxe, teño moi presente a miña infancia. A nena segue moi esperta.

E falando de cousas pequenas… Luquiñas. Un cativo precioso que está a piques de cumprir dous aniños, que tal na túa faceta de nai?

Pois o de ser nai é difícil de explicar. De repente descobres unhas facetas que estaban durmidas. Acoller unha vida, dar a luz, alimentar ao teu fillo… É incrible. Sei que é bioloxía, pero parece maxia, un milagre. Os instintos espertan e sénteste moi poderosa. É moi difícil de explicar e altamente recomendable.

Sonia LópezXornalista, presentadora, modelo, nai… Pero tamén, entregada cociñeira, agricultora de vocación e costureira nos ratos libres. Cóntanos, que é todo isto?

Todo isto é  a miña vida! Modelo, xa non (risas), iso xa pasou… Pero todo o demais si. Encántame andar na terra, sachar, sementar, plantar, recoller… Encántame a cociña, iso é de sempre (na miña casa somos todos moi cocinillas). Así que paso horas e horas: cociñando, facendo conservas, marmeladas, bonito en aceite… E despois está o de coser, que é moi recente pero que me mantén moi entretida. O malo é organizarse para facelo todo…

Teño dúas frases túas. A ver que che parecen. Primeira, “sácame de quicio a mala educación, eu trato de levar un sorriso comigo alá onde vou”. E segunda, “gustaríame que a xente que traballe comigo pense; como curra esta tía!”. Recoñéceste?

Si, nas dúas. Non me gusta a xente maleducada, borde nin malencarada… Cada un andamos ao noso, temos a nosa vida, as nosas penas e as nosas alegrías. Pero, que necesidade hai de amargarlle a mañá a alguén cunha mala contestación? Pois ningunha. Ser amable é realmente sinxelo. Respecto da outra, hai anos alguén dixo ao escoitarma que o que buscaba entón era a aprobación de quen estaba ó meu carón e non ser realmente a mellor. O que quero é ser boa no meu traballo pero tamén ser quen de facer equipo. O noso traballo depende de moita xente, de moitas mans, de moitas cabezas… Cada peza da engrenaxe é imprescindible.

Xa mirando ó futuro, a este ano que comeza, que proxectos tes en mente, continuarás pola tele?

“Encántame andar na terra, sachar, sementar,… E tamén na cociña, paso horas facendo conservas e marmeladas”

Continuarei. Comezo un proxecto moi ilusionante. Un novo programa que quere ser unha revisión dun dos formatos con máis éxito que tivo a TVG.

E se imos un pouquiño máis alá, como te ves a longo prazo? Poñamos 10-15 anos… Onde che gustaría estar para esas?

Pois non moi lonxe de onde me atopo agora… Espero que siga habendo traballo e tempo bastante para poder disfrutar da familia. Síntome unha muller moi afortunada así que non podo máis que desexar que todo siga como ata o de agora.

E nos que o vexamos. Moita sorte nese novo proxecto, estaremos atentos Sonia.

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 19 de Marzo do 2014 | 3:12 p.m.

Outros temas de Plató Aberto