publicidade hoxe
Xoel Yáñez: “Só interpretando se pode ser malvado, perverso e cruel e á vez eticamente correcto” - Cabecera

Xoel Yáñez: “Só interpretando se pode ser malvado, perverso e cruel e á vez eticamente correcto”

Xoel Yáñez 

Algúns anos separan ó mozo de ollos escuros e sorriso pícaro que se atopa hoxe fronte a nós, daquel cativo inquedo que un día quería ser astronauta e ó seguinte futbolista. Anos que non fixeron senón facer medrar as ilusións e as ganas de soñar de Xoel Yáñez, un ourensá de 27 anos que marchou á capital para estudar Arte Dramático e que non tardou en facerse un oco nos escenarios, na televisión, no cine… Un oco en calquera lugar onde precisen un actor e el poida aprender algunha cousa, coñecer a algunha persoa, descubrir un lugar novo… Onde precisen a un actor ou a un músico, que este rapaz dálle a todo!

Xoel Yañez

Nome: Xoel Yáñez Fernández (Ourense, 1987)

Un lugar: A Ribeira Sacra

Un hobby: Ter ideas nos bares e levalas a cabo. Tamén me gusta pintar e deixarme levar pola imaxinación

Unha comida: Uns bos greliños e a lasaña do 26 de decembro que fai miña avoa cos restos do pavo de Nadal

Unha virtude: comprometido

Un defecto: impaciente

Un soño: dar a volta ó mundo

Para empezar Xoel, cóntanos como che vai? Andas subido ó escenario nestes momentos, non? Que andas facendo?

Si, estou coa montaxe de “Un cuento de invierno” dirixida por Carlos Martínez-Abarca. É unha obra fascinante, das derradeiras que Shakespeare escribiu. Durante este verán percorreremos os principais festivais de teatro clásico do Estado: Clásicos en Alcalá, Festival de Teatro Clásico de Almagro, Festival de Teatro Clásico de El Escorial… Eu interpreto a Florisel, príncipe de Bohemia. O coitado namora tolamente dunha fermosa campesiña… Imaxínate o que era iso no século dezasete!

E na televisión, de bombeiro en Chapa e Pintura… Bueno, e vaia bombeiro, non? (Risas)

Si! Profesión de risco! Pero eu sempre fun moi de axudar a xente… (Risas).

Agora en serio, que supuxo este personaxe para ti? E esta serie como proxecto?

Pois debo confesar que, a priori, o feito de ter que facer striptease sentino coma un reto enorme para min. Non é algo que faga frecuentemente na miña vida, a lo menos publicamente (risas). Pero a verdade é que despois non quedou máis que na anécdota dun día de rodaxe moi divertido.
O que si é certo é que Lucas Miroslav foi fundamental na miña, aínda cativa, traxectoria profesional. Deume a oportunidade de experimentar por vez primeira cun personaxe fixo en televisión e aprender de todo o que isto supón, ritmo vertixinoso de traballo e estudo, eficiencia, resolución…

Fisicamente tamén levou a súa preparación, non? Ese é un aspecto que sempre queda aí na sombra pero ter que acomodar o teu físico a un personaxe non ten que ser sinxelo…

O certo é que me encanta xogar co aspecto físico para cada personaxe, pero neste caso si que supuxo un sobre esforzo. Practico deporte habitualmente, polo que sacar forzas para adestrar non foi moi difícil para min, máis ben motivador. Pero Chapa e Pintura chegoume precisamente cando arrastraba unha dura lesión no ombro esquerdo e precisaba poñerme en forma a contrarreloxo. Toda unha odisea! Tiven a axuda dun gran adestrador persoal, Rubén Río, e grazas ao seu traballo o meu sacrificio valeu a pena.

En televisión tamén participaches en clásicos a nivel nacional; Hospital Central, Cuéntame,… Ademais dos proxectos galegos, como Matalobos por exemplo. Algún deles foi especialmente importante para ti?

Teño un gran recordo de Hospital Central porque foi o meu primeiro traballo profesional. Apenas levaba un ano en Madrid estudando Arte Dramático en William Layton e foi emocionante recibir esa chamada. Pensei: pois será certo que se pode vivir disto! Matalobos disfruteino moitísimo. Nese momento xa xogaba cun pouquiño máis de consciencia e ademais parecíame un produto excepcionalmente realizado, por un equipo que enchía de significado a palabra profesional. Vaia aprendizaxe!

Xoel Yáñez

Gústache a televisión ou prefires outro medio? Onde te sentes máis realizado?

Agora que estou disfrutando novamente de subir ó escenario, teño que dicir que o teatro é máxico. Cada día vives unha nova viaxe man a man co público. Vaia gustazo! Pero tamén é certo que o audiovisual ten outras moitas vantaxes. Coa cámara pódese traballar en pequeniño, nun código de expresión achegado ó sentir da vida cotiá, e iso é marabilloso. Non podo nin quero rexeitar ningún dos medios. O ideal sería alternar un e outro e nutrirse do mellor de cada un.

Incluído o cine, claro! Xa pasaron por esta sección outros actores do reparto de Vilamor, e todos coinciden en que foi unha rodaxe moi dura. No teu caso non foi a primeira película, xa tiveras outras experiencias, como a recordas?

Tivera o pracer de traballar en Secuestrados, unha produción de Vacafilms dirixida por Miguel Ángel Vivas. Era o meu primeiro traballo en cine así que recordo sentir naquel momento unha mestura de ledicia inmensa, ilusión e moito pánico. Vilamor foi unha rodaxe moi dura, iso é certo. Dous meses en alta montaña, lugares de difícil acceso e temperaturas moi elevadas. Pero disfrutei coma un cativo. Naquel hotel da Fonsagrada formamos unha verdadeira comuna, paralela á da rodaxe, e creouse un bo roio incrible entre todos os compañeiros. Alí fixen moi bos amigos. Ademais, interpretar a Hermes cada día era unha gozada.

Dos papeis que levas interpretado, cal dirías que é o que menos se parece a Xoel?

Inevitablemente a todos os personaxes lle aportamos características persoais, e á súa vez todos nos achegan elementos afastados e descoñecidos. Con Vilamor descubrín unha obra fascinante; a biblia das plantas medicinais, “Plantas medicinales” de Pio Font Quer. Somerxinme nela durante meses, e tamén noutros libros como El camino a Eleusis de Wasson, Hotmann e Ruck, para achegarme un pouquiño ao xeito de pensar de Hermes. Pero se teño que dicir un supoño que, máis que por diverxencia co propio personaxe quizais por afastamento da experiencia que lle toca vivir, a de Secuestrados foi unha andaina insólita para min. Nunca vivín un acontecemento así de traumático. Toco madeira!

 E cal foi máis difícil de interpretar? Xoel Yañez

Quizás ese mesmo, César en Secuestrados. Era un personaxe pequeniño pero envolto en circunstancias tremendas. Ademais esa película rodouse unicamente en planos secuencia, creo recordar que doce en total. É dicir, dende que comeza a acción non hai cortes, a cámara comeza a desprazarse entre os actores e vanse sucedendo os acontecementos ata o momento en que se corta. Para iso é preciso que todo discorra coma unha perfecta coreografía entre actores e equipo técnico. Calquera pequeno erro pode ser determinante para que se corte e haxa que retomar novamente dende enriba.

Dis que o máis importante para que un proxecto trunfe; sexa cine, televisión ou teatro, é que o ambiente entre os compañeiros sexa bo. Es dos que fan equipo?

Bueno, quen puidera saber as claves do éxito! Pero penso que ese bo clima entre compañeiros é fundamental para poder traballar con liberdade e creatividade. Debo de ter moita sorte porque ata agora sempre atopei con bo ambiente de traballo e grandes compañeiros, dos que fan que todo sexa máis sinxelo.

Soñas con facer un papel de malo malísimo, non? Como é iso?

Só interpretando se pode ser malvado, perverso e cruel e a súa vez eticamente correcto… Iso hai que aproveitalo! (Risas). Para ser cordial e civilizado xa temos moitas horas ó día, a quen non lle apetecería disfrutar de ser un bellaco sen consecuencias?

E se miramos cara atrás, como era Xoel Yáñez de pequeno? Que querías ser de maior e como foi que acabaches sendo actor?

De pequeno quería ser demasiadas cousas. Hoxe músico, mañá astronauta, logo futbolista… Xa con 15 anos descubrín o teatro da man de Loly Buján e resultou ser a forma máis sinxela de ser tantas cousas ó mesmo tempo.

Creo que na casa ademais deixáronche facer, non? Non fuches deses ós que trataron de quitarlle a idea da cabeza, agradecido?

Moi agradecido. Dende o primeiro momento tiven o apoio de toda a familia para marchar a Madrid a estudar Arte Dramático. Foi, e segue sendo, fundamental neste camiño de ilusións cos tempos que corren.

Xoel Yañez dando un concertoE se a interpretación é unha paixón, a música é…

Unha necesidade. E viceversa! Disfruto moito coa música. Encántame compoñer con calquera aparello que emita son, descubrir novos instrumentos… Para min é, sen dúbida, o mellor xeito de mandar os meus pensamentos de viaxe.

De feito tes un grupo. Conta, conta! Que música facedes e como xurde isto? Como vos vai? 

En Madrid tiven dous grupos, Pájaro e 1992, co tamén actor Vicente Navarro. El agora anda por Nova York e eses proxectos están un pouco parados. Facíamos algo así coma un rock indie nutrido de outros moitos estilos. En Spotify pódese escoitar o primeiro EP que autoproducimos con Pájaro: “Tiempo versus dinero”.

Pois haberá que seguir tamén esta faceta… (Risas!) E xa para ir rematando Xoel, como valoras o momento no que se atopa o audiovisual galego e a xeración de actores que temos nestes momentos?

Tocounos abrir camiño nunha etapa crítica na que o traballo escasea. Pero penso que cada día hai máis xente nova moi preparada e con moito talento, en tódolos eidos da cultura. Comezan a xurdir moitos proxectos “no cost”, que nacen da colaboración desinteresada onde o único fin é a creación. Non nos queda outra que tirar de enxeño para facer o que máis nos gusta. É esperanzador respirar tanta enerxía creativa e ver que xerminan moitos proxectos brillantes. Pero non deixa de ser triste que tanta capacidade e talento non teña cabida nunha industria que o faga sostible e rendible. Espero que a clase dirixente tome dunha vez consciencia do valor da cultura e do seu potencial para o crecemento económico dun país. Aínda que o certo é que o que delatan as noticias cada día é máis desesperanzador.

Como te ves dentro de dez anos? E sobre todo, como che gustaría verte?

Gustaríame verme actuando, creando e disfrutando desta apaixonante profesión. Faremos todo o posible porque así sexa!

Moitas grazas por ter conversado connosco Xoel.

Xoel Yáñez

Por: Úrsula Lorenzo Ruibal
Publicado o 7 de Xullo do 2014 | 10:30 a.m.

Outros temas de Plató Aberto